Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Luns, 3 de outubro de 2011 Páx. 29054

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 184/2011, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo.

Como consecuencia da creación do Instituto Galego de Consumo por medio da Lei 8/1994, ditáronse dúas normas organizativas, unha, o Decreto 329/1995, de desenvolvemento da citada lei e outra o de estrutura orgánica do Instituto, sendo o aprobado polo Decreto 192/2005 o actualmente en vigor.

Os cambios producidos na estrutura xeral da Xunta de Galicia e o tempo transcorrido desde a creación do Instituto Galego de Consumo, así como a evolución do propio Instituto coa creación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, a creación das escalas de inspección e subinspección de consumo, o desenvolvemento no eido da seguridade dos productos ou a arbitraxe de consumo fan aconsellable proceder á actualización da normativa da estrutura orgánica do Instituto.

Respecto ás funcións da Presidencia e da Xerencia do Instituto, estas precísanse máis que na anterior normativa co fin de evitar lagoas ou diferenzas interpretativas que poidan impedir o normal funcionamento do Instituto.

En canto aos servizos centrais do Instituto cabe destacar o impulso que se lle dá ao anterior servizo de seguridade dos produtos, que pasa a chamarse de vixilancia do mercado e seguridade dos produtos, xa que, unha vez creadas e en funcionamento as escalas de inspección e subinspección de consumo, del dependerán as directrices dirixidas a garantir o mellor funcionamento da inspección de consumo para o cumprimento das funcións que teñen encomendadas, todo isto sen esquecer e potenciar o eido da seguridade dos produtos, que ten un reflexo xeral en todo o texto do decreto na determinación de competencias.

As funcións do Laboratorio de Consumo vense reforzadas neste decreto ao incluír dentro delas aquelas que lle permitan participar en actuacións técnicas alleas ao funcionamento interno do propio laboratorio, como son a participación en comités ou foros técnicos ou o desenvolvemento de actividades de investigación.

Outra das novidades constitúea o impulso e potenciación das competencias do Instituto Galego de Consumo relativas á formación e educación das persoas consumidoras e usuarias, perfiladas na configuración da denominada Escola Galega de Consumo, que adquire o rango de xefatura de servizo, dotándoa, deste xeito, de maior operatividade xa que, logo da súa andadura nos últimos anos, se configura como un dos eixes principais na propia organización do Instituto.

En canto á estrutura periférica do Instituto, e co fin de adaptala á nova estrutura da Xunta de Galicia, substitúese a denominación das delegacións do Instituto Galego de Consumo pola de xefaturas territoriais do Instituto, e respecto ás súas funcións, estas concrétanse máis, especialmente no eido da seguridade dos produtos.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de setembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Este proxecto ten por obxecto establecer a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellería que ten as competencias en materia de consumo.

Artigo 2. Estrutura do Instituto Galego de Consumo.

1. O Instituto Galego de Consumo para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos fins que lle están encomendados estrutúrase nos seguintes órganos e unidades:

a) De goberno.

1.º Consello de Dirección.

2.º Presidencia do Instituto Galego de Consumo.

b) De dirección.

A Xerencia.

c) De xestión.

1.º Laboratorio de Consumo de Galicia.

2.º Escola Galega de Consumo de Galicia.

3.º Servizo de Asuntos Xerais.

4.º Servizo de Protección ao Consumidor.

5.º Servizo de Vixilancia do Mercado e Seguridade dos Produtos.

6.º Servizo de Información, Cooperación e Fomento.

7.º Xefaturas Territoriais do Instituto Galego de Consumo.

8.º Servizos de Consumo do Instituto Galego de Consumo.

Capítulo II
Órganos de goberno

Artigo 3. Consello de Dirección.

A composición, funcións e funcionamento do Consello de Dirección do Instituto Galego de Consumo é a establecida no Decreto 329/1995, do 21 de decembro, que desenvolve a Lei 8/1994, do 30 de novembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 4. Presidencia.

1. Á Presidencia do Instituto Galego de Consumo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Representar o Instituto.

b) Presidir e convocar o Consello de Dirección e a Comisión Executiva.

c) Dirixir o Instituto e facer cumprir e executar os acordos do Consello de Dirección, así como as resolucións xudiciais.

d) Impulsar e supervisar as accións do organismo e das súas comisións e relatorios.

e) Atender e canalizar as propostas e peticións das organizacións de consumidores e usuarios e velar pola súa axeitada tramitación.

f) Actuar como órgano de contratación do Instituto con suxeición á normativa vixente, ordenar os pagamentos e exercer a dirección superior do persoal do Instituto.

g) Propoñer ao Consello de Dirección os plans xerais e os programas de actuación e os convenios de colaboración e cooperación que sexa preciso establecer con outros organismos e entidades, e designar e destituír o secretario/a do Consello de Dirección.

h) Coñecer e coordinar os traballos e actividades que realicen os distintos órganos en materias que garden relación cos fins do Instituto e que non estean expresamente reservados a outros órganos da Xunta de Galicia.

i) Propoñer ao Consello de Dirección a designación e a destitución da persoa titular da Xerencia do Instituto.

j) Iniciación e resolución do procedemento para a adopción das medidas administrativas de reacción para garantir o deber xeral de seguridade dos produtos.

k) Confirmar, modificar ou levantar, no eido da súa competencia, as medidas que sexan imprescindibles para a efectiva protección da seguridade e saúde das persoas consumidoras e usuarias e asegurar un nivel elevado da súa protección, tendo en conta, en todo caso, o principio de cautela, adoptadas pola Inspección de Consumo de acordo co establecido no artigo 2.7 da Lei 11/2004, e no 6 e) do Decreto 296/2000 nos casos de urxencia e para a protección provisional dos intereses implicados.

l) Presidir a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, sen prexuízo da creación, se for o caso, de delegacións dentro do ámbito da Administración da Xunta de Galicia.

m) Exercer aquelas outras funcións previstas legal ou regulamentariamente, así como calquera outra non reservada expresamente a outros órganos da Xunta, en materia propia do Instituto.

2. O presidente ou presidenta poderá delegar nas persoas titulares das xefaturas territoriais do Instituto ou na persoa titular da Xerencia as competencias e funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación, podendo delegar tamén a Presidencia da xunta arbitral nos servizos de consumo.

3. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular da Presidencia do Instituto será substituída pola persoa titular da Xerencia.

Capítulo III
Órganos de dirección

Artigo 5. Xerencia.

1. Á fronte da Xerencia estará un/a xerente, con categoría de subdirector/a xeral, para todos os efectos designado polo Consello da Dirección por proposta do presidente, que terá as seguintes atribucións:

a) Promover, coordinar e realizar, baixo a dirección superior da persoa titular da Presidencia do Instituto, as actuacións propias do Instituto e executar o seu orzamento e o plan anual de actividades, de conformidade cos criterios aprobados polo Consello de Dirección, así como promover a cooperación e relacións do Instituto con outras institucións e entidades, tanto públicas como privadas.

b) Elaborar o plan anual de actividades e a súa memoria explicativa, a memoria anual sobre actuacións e xestión do Instituto, as contas e o anteproxecto do orzamento da entidade.

c) Administrar e xestionar o patrimonio e os recursos económicos do Instituto e buscar outras liñas de financiamento, propoñer a ordenación de pagamentos e xestionar os asuntos de réxime interior, rexistro, publicacións, documentación administrativa, arquivo e inventario, e impulsar, orientar e coordinar as funcións da Escola Galega de Consumo, relativas á formación e educación das persoas consumidoras e usuarias dirixindo, planificando, executando e facendo o seguimento do plan anual da escola, así como levar a cabo o asesoramento e os informes que lle solicite a Presidencia do Instituto.

d) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades do Instituto e ditar as ordes, instrucións e circulares de funcionamento e comunicación entre as diferentes dependencias do organismo, e coñecer e coordinar os traballos e actividades que realicen os distintos órganos en materias que garden relación cos fins do Instituto e que non estean expresamente reservados a outros órganos da Xunta de Galicia, así como dirixir e promover a elaboración de estatísticas do organismo.

e) Exercer a xefatura e dirección do persoal adscrito ao organismo, informando e tramitando a relación de postos de traballo do Instituto, programando as necesidades de persoal e exercendo a habilitación de persoal e material.

f) Emitir informe sobre as propostas de modificacións orzamentarias e tramitalas.

g) Exercer calquera outra función que se lle asigne legal ou regulamentariamente ou lle delegue ou encomende a persoa titular da Presidencia do Instituto ou o Consello de Dirección.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular da Xerencia será substituída pola persoa titular da xefatura do Servizo de Asuntos Xerais.

Capítulo IV
Órganos de xestión

Sección 1.ª Unidades adscritas á Xerencia

Artigo 6. Laboratorio de Consumo de Galicia.

1. O Laboratorio de Consumo de Galicia, baixo a dependencia da Xerencia do Instituto, contará cun director/a técnico con categoría de xefe/a de servizo e terá as seguintes funcións:

a) A realización de estudos, análises e informes técnicos sobre os produtos existentes no mercado á disposición das persoas consumidoras ou usuarias.

b) A información e asesoramento en temas relacionados co control dos produtos á disposición das persoas consumidoras e usuarias.

c) A participación nos comités técnicos de normalización no ámbito das súas competencias e en cantos foros técnicos lles sexa encomendado pola persoa titular da Xerencia do Instituto Galego de Consumo.

d) A proposta, desenvolvemento e coordinación de iniciativas de investigación en materia, análise e avaliación de produtos de consumo, en especial no marco do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, e a participación, coordinación e elaboración de estudos prospectivos en materia de seguridade e calidade de produtos de consumo.

e) A prestación de servizos de asistencia científico-técnica aos sectores sociais e industriais e aos xestores/as públicos/as en materia de consumo.

f) A participación e proposta de programas, acción e actividades formativas de concienciación e promoción en materia de consumo.

g) O soporte analítico das actuacións do Instituto Galego de Consumo.

h) O desenvolvemento e posta en marcha de novos métodos analíticos instrumentais.

i) A colaboración con outros organismos e entidades que teñan funcións en harmonía co Laboratorio de Consumo de Galicia.

j) Realizar informes en materia de seguridade dos produtos co obxecto de avaliar o cumprimento dela con respecto aos produtos existentes no mercado.

k) Propoñer campañas de inspección especialmente en materia de seguridade dos produtos.

l) En xeral, prestar asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Xerencia do Instituto Galego de Consumo.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación a persoa titular do servizo será substituída pola persoa titular da Xerencia do Instituto.

Artigo 7. Escola Galega de Consumo de Galicia.

A Escola Galega de Consumo, baixo a dependencia da Xerencia do Instituto, contará cun director/a técnico con categoría de xefe/a de servizo e terá as seguintes funcións:

a) Elaboración, execución e avaliación dos plans anuais de formación.

b) Xestión de convenios e acordos de colaboración no ámbito das función da escola.

c) Deseño e xestión de concursos, certames e exposicións en materia de formación e educación en consumo.

d) Coordinación da rede de educación para o consumo responsable Galicons.net.

e) Coordinación de programas europeos de formación na materia de consumo.

f) Información e asesoramento pedagóxico a centros escolares, asociacións e colectividades.

g) Elaboración de informes, estudos de investigación no ámbito da formación e a educación para o consumo.

h) Elaboración de materiais didácticos.

i) Xestión da mediateca da Escola Galega de Consumo de Galicia.

j) En xeral, prestarlle asistencia así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Xerencia do Instituto Galego de Consumo.

k) No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación a persoa titular do servizo será substituída pola persoa titular da Xerencia do Instituto.

Sección 2.ª Servizos centrais

Artigo 8. Servizo de Asuntos Xerais.

1. Dependendo da Xerencia do Instituto Galego de Consumo existirá o servizo de Asuntos Xerais, ao cal corresponde realizar as funcións de planificación, coordinación e execución, en relación coas seguintes materias:

a) Asesorar e emitir informes sobre aquelas cuestións que o presidente ou presidenta someta á Xerencia, así como aquelas que lle encomende a propia Xerencia.

b) Elaboración do borrador de anteproxecto de orzamentos do Instituto Galego de Consumo e a súa execución e control, a tramitación das súas modificacións, así como a xestión económico-administrativa dos créditos orzamentarios e a xustificación de contas xerais.

c) Habilitación de pagamentos e adquisición, xestión e control de medios materiais para o funcionamento ordinario do Instituto.

d) Coordinación e xestión de expedientes de contratación administrativa.

e) Xestión de persoal, réxime interno e coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outras de contido administrativo que lle atribúa a Xerencia.

f) Xestión de nóminas de persoal do Instituto.

g) Iniciación, instrución e tramitación de expedientes de responsabilidade patrimonial.

h) Coordinación e xestión das unidades e aplicacións informáticas do Instituto ou vinculadas a el.

i) Exercer cantas funcións lle encomende a Xerencia.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular do servizo será substituída pola persoa titular da Xerencia do Instituto.

Artigo 9. Servizo de Protección ao Consumidor.

1. Dependendo da Xerencia do Instituto existirá o Servizo de Protección ao Consumidor, ao cal corresponderá realizar as funcións de planificación, coordinación, execución e control en relación coas seguintes materias:

a) A elaboración dos proxectos de disposicións necesarios para o desenvolvemento e actualización da lexislación xeral de defensa das persoas consumidoras e usuarias.

b) A investigación dentro das súas competencias das denuncias por suposta infracción en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias, en coordinación coa Inspección de Consumo, e sen prexuízo das funcións desta de acordo co disposto na súa normativa reguladora.

c) A iniciación, instrución e tramitación dos expedientes sancionadores que correspondan para corrixir as infraccións detectadas en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias, sen prexuízo das competencias doutros órganos do Instituto.

d) O fomento da formalización de convenios arbitrais entre as persoas consumidoras e usuarias e as empresas para solucionaren as súas controversias mediante a arbitraxe de consumo.

e) A mediación respecto das controversias derivadas de queixas ou reclamacións das persoas consumidoras e usuarias.

f) O mantemento actualizado dos datos do censo das empresas adheridas ao Sistema Arbitral de Consumo de Galicia.

g) As actuacións correspondentes á Secretaría da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

h) Exercer cantas funcións lle encomende a Xerencia.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular do servizo será substituída pola persoa titular da xefatura do Servizo de Vixilancia do Mercado e Seguridade dos Produtos, sen prexuízo da posibilidade da delegación das actuacións correspondentes á Secretaría da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

Artigo 10. Servizo de Vixilancia do Mercado e Seguridade dos Produtos.

1. Dependendo da Xerencia do Instituto existirá o Servizo de Vixilancia do Mercado e Seguridade dos Produtos, ao cal corresponderá realizar as seguintes funcións:

a) A coordinación e seguimento das actividades de vixilancia do mercado no que respecta aos produtos ou servizos destinados ás persoas consumidoras ou usuarias finais e das medidas emprendidas en velar porque tales produtos cumpran os requisitos legais establecidos pola lexislación e non supoñan un risco para a seguridade das persoas consumidoras ou usuarias, sen prexuízo das atribucións que poidan corresponder a outros órganos da administración autonómica de Galicia.

b) A xestión do sistema de intercambio rápido de información sobre perigos derivados de produtos de uso ou consumo (rede de alerta de produtos non alimenticios), así como a coordinación e seguimento das actuacións levadas a cabo no ámbito da materia de seguridade dos produtos.

c) A supervisión e seguimento das medidas administrativas de reacción para garantir a seguridade xeral dos produtos cando tales medidas afecten a toda a comunidade autónoma.

d) A advertencia e requirimento aos produtores e distribuidores por medio da Inspección de Consumo do cumprimento dos seus deberes de producir e distribuír produtos seguros.

e) A planificación, programación, coordinación e seguimento das actividades de inspección dos establecementos, bens e servizos existentes no mercado, para o cumprimento da súa normativa reguladora e a protección dos dereitos e lexítimos intereses das persoas consumidoras ou usuarias, en coordinación co Servizo de Protección ao Consumidor.

f) Ordenar e coordinar as actuacións da inspección de consumo no cumprimento das súas funcións ditando as instrucións xerais e particulares a tal fin.

g) A iniciación, instrución e tramitación dos expedientes sancionadores que correspondan para corrixir as infraccións detectadas en materia de defensa das persoas consumidoras ou usuarias no eido da seguridade dos produtos e aquelas materias derivadas da obstrución ou negativa a subministrar datos ou a facilitar as funcións inspectoras.

h) A dirección e coordinación das actuacións do persoal da inspección de consumo adscrito ao servizo.

i) Exercer cantas funcións lle encomende a Xerencia.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular do servizo será substituída pola persoa titular da xefatura do Servizo de Protección ao Consumidor.

Artigo 11. Servizo de Información, Cooperación e Fomento.

1. Dependendo da Xerencia do Instituto Galego de Consumo existirá o Servizo de Información, Cooperación e Fomento, ao cal corresponderá realizar as funcións de planificación, coordinación, execución e control en relación coas seguintes materias:

a) A elaboración e difusión de proxectos de estudos, análises e enquisas sobre produtos e servizos ofrecidos ás persoas consumidoras ou usuarias.

b) A proposta de deseño, elaboración e difusión de publicacións e material informativo do Instituto Galego de Consumo.

c) O funcionamento, organización e xestión do centro de documentación do Instituto Galego de Consumo.

d) O deseño e elaboración de campañas e xornadas informativas, sobre consumo, dirixidas a distintos sectores e/ou ás persoas consumidoras ou usuarias en xeral.

e) A cooperación e asistencia ás organizacións de consumidores, oficinas e demais organismos e entidades interesadas.

f) A tramitación, execución e seguimento de convenios de colaboración ou cooperación con organismos, entidades e organizacións na materia de consumo.

g) A xestión do rexistro de organizacións de consumidores e demais entidades relacionadas co Instituto Galego de Consumo.

h) A tramitación e seguimento de axudas e subvencións a organizacións de consumidores, concellos e entidades con funcións relacionadas coas materias competencia do Instituto.

i) Exercer cantas funcións lle encomende a Xerencia.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular do servizo será substituída pola persoa titular da Xerencia do Instituto.

Sección 3.ª Servizos periféricos

Artigo 12. Xefaturas territoriais do Instituto.

1. Baixo a dependencia xerárquica e funcional da Presidencia do Instituto Galego de Consumo e de acordo coa distribución territorial da Xunta de Galicia existirán xefaturas territoriais do Instituto nas cales se integrarán todas as unidades en materia de consumo situadas no seu ámbito territorial, sendo os seus titulares os/as xefes/as territoriais da consellería competente en materia de consumo, e sendo o seu ámbito territorial o destes últimos.

2. No ámbito territorial respectivo correspóndenlle as seguintes competencias:

a) Exercer a representación ordinaria da Presidencia do Instituto no seu ámbito territorial.

b) Iniciación e resolución do procedemento previsto no artigo 11 do Real decreto 1801/2003, para a adopción das medidas administrativas de reacción para garantir o deber xeral de seguridade dos produtos recollidas no artigo 10 do citado Real decreto 1801/2003, cando as medidas a adoptar se circunscriban exclusivamente ao ámbito territorial dunha xefatura territorial.

c) Confirmar, modificar ou levantar, no eido da súa competencia, as medidas que sexan imprescindibles para a efectiva protección da seguridade e saúde das persoas consumidoras ou usuarias e asegurar un nivel elevado da súa protección, tendo en conta, en todo caso, o principio de cautela, adoptadas pola Inspección de Consumo de acordo co establecido no artigo 2.7 da Lei 11/2004, e no 6 e) do Decreto 296/2000, nos casos de urxencia e para a protección provisional dos intereses implicados.

d) A resolución dos expedientes sancionadores de carácter leve que lle correspondan.

e) Calquera outra competencia ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou que lles sexan delegadas polo Consello de Dirección ou pola Presidencia do Instituto.

3. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular da xefatura territorial será substituída pola persoa titular da Xerencia do Instituto ou a persoa titular do servizo de consumo correspondente, de acordo co disposto pola Presidencia do Instituto.

Artigo 13. Servizos de Consumo.

1. Sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar da Xerencia do Instituto, en cada xefatura territorial existirá unha unidade administrativa coa categoría de servizo.

2. Os servizos de consumo terán as seguintes funcións:

a) A xestión de cantos asuntos en materia de consumo teñan atribuídas as xefaturas territoriais, asegurando o cumprimento dos obxectivos no seu correspondente ámbito territorial.

b) A execución das medidas adoptadas pola Xerencia en materia de réxime interior, tramitación administrativa, xestión de persoal, rexistro xeral e arquivos da delegación, información ao público, elaboración das estatísticas no seu ámbito territorial en coordinación co Instituto Galego de Estatística e calquera outra que lle sexa encomendada pola Xerencia.

c) O apoio a actuacións informativas e formativas no marco de planificación estratéxica do Instituto.

d) A coordinación e seguimento das actividades de vixilancia do mercado no que respecta aos produtos e servizos destinados ás persoas consumidoras ou usuarias finais e das medidas emprendidas en velar porque tales produtos cumpran os requisitos legais establecidos pola lexislación e non supoñan un risco para a seguridade das persoas consumidoras ou usuarias, no ámbito do seu territorio, e sen prexuízo das atribucións que poidan corresponder a outros órganos da administración autonómica de Galicia.

e) A supervisión e seguimento das medidas administrativas de reacción para garantir a seguridade xeral dos produtos no ámbito do seu territorio.

f) A dirección e coordinación das actuacións do persoal e da inspección de consumo adscrito ao servizo, de acordo co establecido no artigo 16 f).

g) A advertencia e requirimento aos produtores e distribuidores por medio da Inspección de Consumo do cumprimento dos seus deberes de producir e distribuír produtos seguros.

h) A execución das medidas adoptadas pola Presidencia do Instituto Galego de Consumo e a persoa titular da xefatura territorial.

i) A mediación, así como a iniciación, instrución e tramitación dos expedientes sancionadores que correspondan para corrixir as infraccións detectadas en materia de defensa das persoas consumidoras ou usuarias, no seu ámbito territorial de competencia.

j) Exercer cantas funcións lle encomende a Xerencia do Instituto.

3. No caso de ausencia, enfermidade ou vacante ou de concorrencia de causas de abstención ou recusación, a persoa titular da xefatura do Servizo de Consumo será substituída pola persoa titular da Xerencia do Instituto ou o/a xefe/a territorial correspondente, de acordo co disposto pola Presidencia do Instituto.

Disposición adicional primeira.

Por orde da consellería competente en materia de consumo poderase crear unha comisión técnica de ámbito autonómico para a seguridade dos produtos como órgano técnico de asesoramento e estudo no ámbito de aplicación da normativa de seguridade que será presidida polo presidente ou presidenta do Instituto Galego de Consumo e o secretario/a será o/a xefe/a do Servizo de Vixilancia do Mercado e Seguridade dos Produtos cuxas funcións, competencias e composición concreta será fixada na dita orde.

Disposición adicional segunda.

Por orde da consellería competente en materia de consumo crearase unha comisión que asumirá as funcións de consulta daquelas disposicións que afecten a protección e defensa das persoas consumidoras ou usuarias, ás cales se refire o artigo 31 do Estatuto galego do consumidor e usuario, aprobado pola Lei 12/1984, do 28 de decembro. En tanto non se cree esta comisión, asumirá estas funcións o Consello de Dirección do Instituto.

Disposición adicional terceira.

O Consello Galego de Consumidores e Usuarios e a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia quedan adscritos á consellería competente en materia de consumo, a través do Instituto Galego de Consumo.

Disposición adicional cuarta.

1. As referencias normativas relativas ás delegacións do Instituto Galego de Consumo entenderanse realizadas ás xefaturas territoriais do Instituto.

2. As referencias normativas relativas aos servizos provincias do Instituto Galego de Consumo entenderanse realizadas aos servizos de consumo.

Disposición transitoria primeira.

Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o/a conselleiro/a de Economía e Industria, por proposta da Presidencia do Instituto, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda.

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde do/a conselleiro/a por proposta da Presidencia, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Decreto 192/2005, do 23 de xuño, polo que se crea a estrutura orgánica do Instituto Galego de Consumo, así como calquera outra normativa de igual ou inferior rango que se opoña ou contradiga o establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de consumo para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de setembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria