Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Venres, 30 de setembro de 2011 Páx. 28934

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos.

Polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regúlase a estrutura organizativa de xestión integrada como instrumento de organización no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas de xestión sanitaria asumen a xestión funcional dos recursos, as prestacións e os programas de atención sanitaria, sociosanitaria e de promoción e protección da saúde na zona de influencia.

Así mesmo, o Decreto 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, crea esta e define o seu ámbito de actuación no seu anexo.

No artigo 3 establécese a estrutura básica de xestión integrada, que está formada por órganos unipersoais e colexiados. Como órganos unipersoais establécense a Xerencia de Xestión Integrada, a Dirección de Procesos Asistenciais, a Dirección de Recursos Económicos, a Dirección de Recursos Humanos e a Xerencia Executiva.

No Decreto 168/2010 tamén se sinala que poderán existir outras unidades directivas dependentes dos órganos antes citados, no caso de que se considere necesario, segundo o desenvolvemento e a complexidade das xerencias e dos propios centros hospitalarios que se integran nelas.

Na súa virtude, de acordo co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos decretos antes citados, por proposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, de conformidade co establecido no Decreto 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, así como a delegación de competencias nos órganos directivos dela.

Artigo 2. Xerencia de Xestión Integrada.

Da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra dependerá:

1) A Subdirección de Sistemas de Información.

2) A Subdirección de Calidade, Atención ao Paciente e Admisión.

Artigo 3. Dirección de Procesos Asistenciais.

1. Existirán tres subdireccións de procesos asistenciais da área de enfermaría dependendo da Dirección de Procesos de Enfermaría que, segundo o Decreto 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, depende da Dirección de Procesos Asistenciais.

2. Existirán dúas subdireccións de procesos asistenciais da área médica, que poderán depender da Dirección de Procesos con Ingreso, da Dirección de Procesos sen Ingreso e Urxencias ou da Dirección de Soporte que, segundo o Decreto 162/2011, do 28 de xullo, dependen da Dirección de Procesos Asistenciais. A adscrición desta subdirección será realizada polo xerente de xestión integrada, segundo as necesidades asistenciais e logo de aprobación da presidenta do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 4. Dirección de Recursos Económicos.

Da Dirección de Recursos Económicos dependerá unha Subdirección da Área de Recursos Económicos.

Artigo 5. Dirección de Recursos Humanos.

Da Dirección de Recursos Humanos dependerá unha Subdirección da Área de Recursos Humanos.

Artigo 6. Xerencia Executiva do Salnés.

Da Xerencia Executiva do Salnés dependerán:

a) A Subdirección Médica.

b) A Subdirección de Enfermaría.

c) A Subdirección de Xestión.

Artigo 7. Delegación de competencias.

Deléganse na persoa titular da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e na persoa titular da Xerencia Executiva do Salnés, en relación cos seus respectivos centros de gasto, as seguintes facultades:

a) A autorización de comisións de servizo con dereito a indemnización, e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento do persoal non directivo dependente do centro.

b) A concesión de permisos e licenzas que non teñan repercusión na súa nómina do persoal funcionario e laboral dependente do centro que ocupe postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo.

c) A concesión de permisos e licenzas que non excedan un mes de duración, e as súas prórrogas en relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do centro non incluído nas relacións de postos de traballo.

d) A autorización dos permisos sen soldo regulamentarios e as súas prórrogas cando o solicite o persoal estatutario.

e) A resolución de comisións de servizo para o desempeño de postos vacantes da propia institución, en relación co persoal da institución sanitaria, logo de autorización da Dirección de Recursos Humanos.

f) Resolución das solicitudes de redución de xornada de conformidade coa normativa vixente.

g) O nomeamento ou a contratación do persoal temporal das institucións e servizos deles dependentes agás para cobertura de prazas do cadro de persoal, que requirirá autorización da Dirección de Recursos Humanos.

h) A selección e nomeamento do persoal temporal na categoría de facultativo especialista agás para a cobertura de prazas do cadro de persoal e nomeamentos de fóra de cadro, de duración superior a tres meses, que requirirá autorización da Dirección de Recursos Humanos.

i) A expedición de dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, de ser o caso, se produzan.

j) A convocatoria e a resolución dos procesos de provisión de prazas de xefatura, coordinación ou especial responsabilidade das institucións sanitarias, e o nomeamento do aspirante seleccionado e, de ser o caso, o seu cesamento.

k) A resolución das solicitudes de prórroga de xubilación.

l) O control do horario, da asistencia e da presenza física do persoal do seu centro.

m) A autorización de gastos, actos de disposición de créditos e propostas de pagamento, con cargo aos orzamentos dos seus respectivos centros, agás nos expedientes que afecte unha pluralidade de centros de gasto, nos cales será competencia da Dirección de Recursos Económicos a retención do crédito, autorización do gasto e os actos de disposición do crédito correspondente. Nos expedientes de contratación de concertos de asistencia sanitaria, de autorización temporal de uso de centros e servizos sanitarios e de tramitación de contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia, a retención do crédito será competencia da Dirección de Recursos Económicos.

n) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos de obras nos cales non se requira informe da oficina de supervisión de proxectos, contratos de subministración, servizos, e contratos administrativos especiais que afecten os seus respectivos centros do gasto. Esta facultade corresponderá ao titular da xerencia de xestión integrada nos casos en que a contratación afecte máis dun centro dentro do seu ámbito de actuación como estrutura administrativa. En todo caso, requirirán autorización previa da Dirección de Recursos Económicos os contratos cuxa contía exceda os 500.000 euros e os contratos de subministración mediante a modalidade de arrendamento financeiro. No arrendamento con opción de compra computarase o importe desta para os efectos da contía indicada.

o) A celebración de contratos patrimoniais de concesión da ocupación de dominio público nos cales se perciba un canon, e que afecten os edificios públicos da súa competencia, logo de informe da xerencia do organismo.

p) Os contratos de xestión de servizos públicos por importe inferior a 18.000 euros.

Artigo 8. Delegación no titular da Dirección de Recursos Económicos e no titular da Xerencia Executiva do Salnés.

Deléganse na persoa titular da Dirección de Recursos Económicos da estrutura de xestión integrada e no titular da Xerencia Executiva do Salnés, dentro do seus ámbito de actuación, as facultades para:

a) Formular as correspondentes propostas nos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos dentro do seu ámbito de actuación, integrados no orzamento do organismo autónomo.

b) Realizar as actuacións necesarias en materia de ingresos que deriven de servizos prestados no ámbito da estrutura organizativa de xestión integrada, incluídas as que teñan a consideración de prezo público, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Facenda.

Disposición adicional única. Proceso de extinción.

Para os efectos do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, a extinción das actuais xerencias de atención primaria e atención especializada e o efectivo funcionamento da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, producirase aos vinte días da publicación desta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2011.

M.ª del Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade