Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Venres, 30 de setembro de 2011 Páx. 28969

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do protocolo de colaboración subscrito entre a consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos.

Subscrito o día 27 de xuño de 2011 o Protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do citado protocolo, que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2011.

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2011.

O Protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos actualmente en vigor e publicado o 23 de marzo de 2005 require dunha revisión profunda polos cambios normativos producidos desde entón.

Por outra banda e dado que os alumnos das universidades galegas utilizan as súas certificacións académicas persoais para participar en procesos de concorrencia competitiva tanto de ámbito autonómico como estatal, cómpre unificar un tipo de medias homoxéneas coas establecidas no resto do Estado español. Deste xeito deben ser axustadas aos criterios estatais, tanto ás do Real decreto 1125/2003 como ás medias que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET). Tamén cómpre incorporar a posibilidade de incluír a nota media da promoción e o posto que ocupa en relación con ela, por ser así demandado por múltiples convocatorias das distintas administracións.

Para dar resposta a esta nova realidade faise necesario modificar o citado protocolo. É conveniente que as universidades do Sistema Universitario de Galicia adopten criterios homoxéneos para as valoracións e o cálculo da nota media que, de acordo co establecido no Real decreto 1125/2003 e ao cal deberán axustarse todos os procedementos que as institucións asinantes deste protocolo, convoquen a partir da súa entrada en vigor.

Por todo o anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia

ACORDAN:

Primeiro. Obxecto.

A nota media do expediente académico dos estudantes do Sistema Universitario de Galicia calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no punto segundo deste protocolo.

Segundo. Sistema de cálculo.

1. A nota media do expediente académico calcularase para cada titulación e será o resultado da seguinte fórmula: suma dos créditos superados multiplicados cada un deles polo valor das cualificacións que correspondan, e dividida polo número de créditos totais superados.

2. Naqueles casos en que nun expediente non figure, en todas ou nalgunhas das materias, a cualificación cuantitativa establecida no Real decreto 1125/2003, a cualificación cualitativa da materia converterase en cuantitativa mediante a aplicación do seguinte baremo:

  • Matrícula de honra: 10,00 puntos.
  • Sobresaliente: 9,00 puntos.
  • Notable: 7,50 puntos.
  • Aprobado: 5,50 puntos.

Nos casos de estudos non organizados por créditos multiplicaranse as cualificacións de cada materia establecidas segundo o disposto no parágrafo anterior por 2 se se trata de materias anuais ou do proxecto de fin de carreira e por 1 se se trata de materias cuadrimestrais. Seguidamente, a suma de todos estes produtos dividirase entre a suma do número de materias cursadas, multiplicadas por 2 se se trata de materias anuais ou, de ser o caso, do proxecto fin de carreira, e por 1 se se trata de materias cuadrimestrais.

3. Na valoración da nota media teranse en conta a totalidade das materias superadas polo alumno para a obtención do título. Así, computaranse os complementos de formación e os créditos que excedan os mínimos requiridos, incluíndo os que correspondan a distintos itinerarios ou mencións, tendo en conta o establecido no número 2.8.

4. Os créditos obtidos por recoñecemento de créditos que non teñen cualificación ou que figuren coa mención de apto non se terán en conta para os efectos de cálculo da nota media. Da mesma forma, non se terán en conta para o cálculo da nota media do expediente os créditos de formación previa dos estudos oficiais de máster que non formen parte do plan de estudos.

As materias que figuren no expediente do alumno por transferencia de créditos non se terán en conta para o cálculo da nota media.

5. As materias adaptadas ou validadas de titulacións anteriores á estrutura do Real decreto 1393/2007 en que non se especifique a cualificación obtida tomarán o valor numérico 5,50.

As materias recoñecidas en titulacións de grao e máster en que non se especifique a cualificación numérica por non ter equivalente no novo plan de estudos non se computarán para a suma dos créditos superados.

6. Os proxectos de fin de carreira nos plans estruturados en créditos computarán polo número de créditos que teñan asignados no plan de estudos. Nos estudos non estruturados en créditos terán a mesma ponderación que unha materia anual.

7. No caso de que un alumno curse un segundo ciclo, procedente doutra titulación, considerarase que o seu expediente académico estará constituído polo primeiro ciclo completo da súa titulación de orixe e polo segundo ciclo da nova titulación.

A nota media total do expediente académico realizarase de forma ponderada entre o primeiro ciclo e o segundo ciclo, utilizando como coeficiente de ponderación os créditos superados en cada un dos ciclos. Se o primeiro ciclo foi superado nun plan de estudos non estruturado en créditos, estableceranse como coeficiente de ponderación os créditos que resulten de facer a conversión das horas das materias superadas a créditos.

A nota media dos expedientes académicos de titulados universitarios que accedesen a cursos superiores ao primeiro, nas titulacións de grao que establezan esta posibilidade na súa memoria verificada, calcularase conforme o establecido no parágrafo anterior mediante ponderación entre a nota media dos estudos que lle permitiron o acceso e a nota media daqueloutros estudos que de forma obrigatoria tivo que superar no grao.

8. As materias ou créditos que se terán en conta para o cálculo das notas medias serán as seguintes:

  • Para os estudantes que non completaron os estudos teranse en conta os créditos totais superados.
  • Para os estudantes que completaron os estudos e realicen o depósito do título computaranse todas as materias superadas ata esa data. As materias superadas ou recoñecidas unha vez realizado o depósito do título non se computarán para o cálculo da nota media.

9. As notas medias calcularanse cunha aproximación de catro decimais.

Terceiro. Nota media da promoción.

Mentres non exista regulación específica, para o cálculo da nota media da promoción sumarase a nota media do expediente académico de todos os alumnos que obtivesen o título no mesmo curso académico e calcularase conforme este protocolo. O resultado dividirase entre o número total de alumnos integrantes da promoción.

Para estes exclusivos efectos considerarase que obtiveron o título no mesmo curso académico e que forman parte da mesma promoción todos os alumnos que finalizaron os mesmos estudos ou que estean en condicións de obter o mesmo título, incluíndo, se é o caso, o proxecto de fin de carreira, ou traballo de fin de grao ou máster, así como os que obtiveron a totalidade de validacións e recoñecementos de créditos de acordo co calendario académico. Formarán parte da mesma promoción todos os alumnos que, reunindo os requisitos sinalados anteriormente, finalicen os seus estudos nas mesmas datas, con independencia do plan de estudos que cursasen.

Esta información permitirá establecer a posición nun ranking do alumno en relación coa promoción e a posición do alumno con respecto á súa promoción e poderá incorporarse ás certificacións académicas persoais cando así o solicite o interesado.

Os alumnos que realicen varias especialidades, itinerarios diferenciados ou mencións poderán incluírse en varias promocións.

Cuarto. Certificación das notas medias e remisión de información.

A única media do expediente que terá que figurar nas certificacións académicas, tanto persoais como oficiais, e no suplemento europeo ao título (SET), será a calculada de acordo coa fórmula prevista neste documento, sen prexuízo de incluír calquera outra que legal ou regulamentariamente se estableza. Non obstante, para procesos competitivos determinados poderanse utilizar índices correctores ou outros coeficientes de ponderación cando así o solicite algunha das partes asinantes ou as súas entidades vinculadas ou dependentes. Nestes supostos procederase á súa expedición de oficio, sempre que sexa tecnicamente posible e logo de autorización da universidade correspondente.

As partes asinantes deste acordo e as súas entidades vinculadas ou dependentes, comprométense a axustar todos os seus procedementos e convocatorias ao cálculo de medias establecidas neste documento, procurando igualmente facelo extensivo a todas as convocatorias que convoquen a Xunta de Galicia e os seus organismos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo comprométense a cumprir este protocolo e adoptarán para iso todas as medidas necesarias para a súa aplicación.

Así mesmo, establecerán mecanismos de transferencia da información, sempre que se cumpra coa normativa de protección de datos de carácter persoal.

Quinto. Comisión de seguimento.

As partes asinantes deste protocolo acordan constituír unha comisión de seguimento e interpretación deste acordo formada por dúas persoas de cada parte. Esta comisión deberá adoptar criterios comúns ante calquera dúbida de interpretación, por petición de calquera das partes asinantes.

Sexto. Entrada en vigor.

Este protocolo entrará en vigor desde a súa publicación no DOG e terá unha vixencia indefinida a non ser que o denuncie por escrito, cunha antelación de dous meses, algunha das partes asinantes.

E, en proba de conformidade cos termos do convenio, as partes comparecentes asínano e rubrícano por quintuplicado exemplar no lugar e data expresados. Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña. Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo.