Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Xoves, 29 de setembro de 2011 Páx. 28611

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 11 de maio de 1995 pola que se desenvolve a estrutura directiva das xerencias de atención primaria de Galicia.

De conformidade coa Orde do 11 de maio de 1995 (DOG n.º 99, do 25 de maio), pola que se desenvolve a estrutura directiva das xerencias de atención primaria de Galicia, a Xerencia de Atención Primaria de Lugo conta dentro da súa estrutura directiva cun único órgano administrativo con funcións específicas en materia e xestión e servizos xerais.

A dotación e asunción de novas estruturas, a súa informatización, a decisión de impulsar o cumprimento de obxectivos de calidade e de xestión, así como o incremento do persoal –entre outros factores– fan oportuno neste momento reordenar a estrutura directiva da referida xerencia, de forma que, coa creación dun novo órgano administrativo na área de xestión e servizos xerais, e sen proceder ao incremento dos órganos administrativos, resulte máis axustada aos novos requirimentos da organización.

De acordo co anterior, no uso das competencia conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 252/1994, do 29 de xullo (DOG n.º 153, do 9 de agosto), polo que se crean as xerencias de Atención Primaria da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa estrutura directiva,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 1 da Orde do 11 de maio de 1995, pola que se desenvolve a estrutura directiva das xerencias de atención primaria de Galicia.

Un. Modifícase o punto 1.5.3 da dita orde, con supresión do órgano administrativo de subdirector médico. Este punto quedará redactado do modo seguinte:

«1.5.3. Con dependencia do director asistencial existirán os seguintes órganos:

  • O director médico.
  • O director de enfermaría.
  • O subdirector de enfermaría».

Dous. Engádese un novo punto 1.5.4, coa seguinte redacción:

«Con dependencia do/da director/a de xestión e servizos xerais existirá o seguinte órgano:

-O/A subdirector/a de xestión».

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2011.

M.ª Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade