Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Luns, 19 de setembro de 2011 Páx. 27555

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica dos Peares II, no río Miño, promovida por Generación Peninsular, S.L., nos concellos de Carballedo e Pantón (Lugo).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por Orde Ministerial do 30 de novembro de 1910, outorgouse a Pedro García Faria e a Ramón N. Soler unha concesión no tramo medio do río Miño.

Segundo. Por Orde Ministerial do 15 de xuño de 1948, modificouse a dita concesión, co que quedou reducida a execución a dous saltos, denominados Belesar e Os Peares. O tramo global do río Miño obxecto da concesión esténdese desde o punto de confluencia dos ríos Miño e Sil (no extremo inferior) e o da confluencia Miño-Neira (extremo augas arriba).

Terceiro. Despois de sucesivos cambios de titularidade, o 5 de abril de 2005 a Confederación Hidrográfica do Norte aprobou o cambio de titularidade da referida concesión a Unión Fenosa Generación, S.A.

Cuarto. O 5 de xuño de 2007 a Secretaría Xeral para a Prevención da Contaminación e o Cambio Climático do Ministerio de Medio Ambiente adoptou a decisión de non someter ao procedemento de avaliación de impacto ambiental o proxecto de modificación de características da concesión de augas procedente do río Miño: centrais hidroeléctricas de Belesar II e Os Peares II.

Quinto. O 10 de setembro de 2009 a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil resolveu conceder a autorización previa a Unión Fenosa Generación, S.A. para transmitirlle á empresa Gas Natural SDG, S.A. a titularidade de todas as concesións en que no Rexistro de Augas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil apareza como titular Unión Fenosa, S.A. e/ou Unión Fenosa Generación, S.A., sempre que a nova empresa titular cumprise certas condicións, e autorizou a anotación previa da transmisión da titularidade da concesionaria a favor de Gas Natural SDG, S.A.

Sexto. O 3 de decembro de 2009 a Subdirección Xeral de Xestión Integrada do Dominio Público Hidráulico resolveu modificar as características da concesión de augas do río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica nas centrais de Belesar e Os Peares, nos termos municipais de Chantada, O Saviñao, Carballedo e Pantón (Lugo). Esta modificación consistiu fundamentalmente en autorizar o aumento do caudal máximo instantáneo que se poderá derivar en 20 m3/s en Belesar e 23 m3/s nos Peares, con idéntico destino de produción de enerxía eléctrica aproveitando os respectivos caudais ecolóxicos nas novas centrais de Belesar II e Os Peares II.

Sétimo. O 25 de maio de 2010 subscribiuse o contrato de arrendamento de aproveitamento hidroeléctrico, instalacións e terreos, centrais hidráulicas de Belesar II e Peares II, entre Gas Natural SDG, S.A. e Generación Peninsular, S.L.

Oitavo. O 29 de xuño de 2010, Generación Peninsular, S.L. solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central dos Peares II.

Noveno. O 10 de febreiro de 2011 publicouse no Boletín Oficial da provincia de Lugo número 33 e o 18 de febreiro de 2011 no Diario Oficial de Galicia número 34 o Acordo do 27 de xaneiro de 2011, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se someteu a información pública a petición de autorización e a aprobación do proxecto de execución e de inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, para o proxecto electromecánico da central hidroeléctrica dos Peares II, coas seguintes características básicas:

«Peticionario: Generación Peninsular, S.L.

Domicilio social: avda. de San Luis n.º 77, 28003 Madrid.

Situación do aproveitamento:

Río: Miño.

Termos municipais (provincia): Carballedo e Pantón (Lugo).

Características técnicas principais da infraestrutura electromecánica de xeración e transformación:

  • 2 turbinas tipo Francis de simple aspiración de eixe vertical de 9,075 mW de potencia nominal cada unha, cun caudal unitario de 11,5 m3/s (23 m3/s total), un salto máximo de 90,05 m e 600 rpm de velocidade nominal.
  • 2 xeradores de 10,09 MVA trifásicos síncronos de 9,075 mW de potencia nominal cada un, encaixados directamente ás turbinas anteriormente descritas, con 6 kV de tensión nominal e 187,50 rpm de velocidade nominal.
  • 1 transformador de potencia de 25 MVA de potencia nominal, núcleo trifásico, de 2 debandados, en aceite mineral, previsto para servizo continuo en intemperie, relación de transformación 132/6 kV, 50 H.Z. e conexión YNd11.
  • Sistemas auxiliares principais:

*2 transformadores de servizos auxiliares de 250 kVA de potencia nominal, trifásicos, refrixeración natural AN e illamento seco, 50 H.Z., Dny11 e relacións de transformación 20/0,42 kV (TSA-1) e 6/0,42 kV (TSA-2).

*Sistema de excitación con regulación de tensión.

*Equipamento de circulación forzada de aceite con rodamentos.

  • Outros equipamentos electromecánicos:

*1 válvula de garda tipo bolboreta.

*1 ponte guindastre de 50 t tipo birraíl, de 12 m de luz entre carrís e 7,5 m de percorrido de gancho.

*2 diques de descarga.

*2 grupos motobomba para achique de 36 m3/h de caudal unitario de 5,5 kW de potencia.

  • Sistema eléctrico de media tensión a 6 kV:

*3 celas de saída a transformador de potencia.

*3 proteccións de saída do xerador.

*3 medidas de barras.

*3 proteccións do transformador de servizos auxiliares.

*3 celas de aloxamento do transformador de servizos auxiliares.

– Sistema eléctrico de baixa tensión 400/230 V:

*Cadros de servizos auxiliares, de servizos esenciais, de control de grupo, de corrente continua, de forza e de iluminación.

*Equipamentos autónomos de iluminación de emerxencia.

*Sistema de posta a terra e protección.

  • Sistema de control automatizado:

*Cadro de control de grupo Scada e sistema de comunicacións.

Características técnicas principais da infraestrutura eléctrica de interconexión:

  • Liña eléctrica [...]»

Esta dirección xeral non ten constancia de que, durante o período de información pública, se presentase ningunha alegación.

Décimo. O 6 de maio de 2011 Generación Peninsular, S.L. solicitou a desistencia da tramitación conxunta da liña de evacuación de Peares II, comprendida no proxecto de execución Proxecto electromecánico da central hidroeléctrica de Peares II, que será obxecto dunha tramitación administrativa posterior.

Décimo primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución do dito aproveitamento hidroeléctrico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 3 de febreiro), atribúelle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Segundo. O artigo 28 da Lei 54/1997 establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estarán sometidos ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e correspóndelle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación deste procedemento tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente as instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Miño, da central dos Peares II, situado nos termos municipais de Carballedo e Pantón (Lugo), promovido pola mercantil Generación Peninsular, S.L., excluíndo a liña eléctrica de interconexión.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución do dito aproveitamento hidroeléctrico, excluíndo a liña de interconexión, de acordo co proxecto titulado Proxecto electromecánico da central hidroeléctrica dos Peares II, asinado polo enxeñeiro industrial José María García Bernardo, colexiado número 13062 do COEIM e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia na Delegación de Lugo, co número de rexistro 208/10 o 21 de xuño de 2010.

Esta autorización e aprobación de proxecto de execución axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan e aproban terán que realizarse de acordo coas especificacións, planos e orzamentos que figuran no proxecto que se aproba nesta resolución e referido no punto segundo da parte dispositiva desta.

Segunda. A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Terceira. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das instalacións autorizadas.

Cuarta. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de vinte e catro meses contados a partir da data de publicación desta resolución.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Generación Peninsular, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución.

Sexta. O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Sétima. En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación e as súas instrucións técnicas complementarias consonte o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como o resto da normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Oitava. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

Novena. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica establecido polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, o titular e/ou explotador deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas nos artigos 6, 7, 11 e 12 do dito real decreto e achegará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas