Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Venres, 16 de setembro de 2011 Páx. 27200

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se indican os requisitos mínimos que deben cumprir as empresas conservadoras de ascensores.

A Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, establecendo as disposicións e os principios necesarios para garantir o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, simplificando os procedementos e impulsando a modernización das administracións públicas. Pola súa banda, a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, modifica expresamente as leis vixentes afectadas pola citada directiva, entre elas, a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

En consecuencia, a nivel estatal, foi necesario modificar diversos regulamentos en materia de seguridade industrial, a través do Real decreto 560/2010, do 7 de maio, e do Real decreto 249/2010, do 5 de marzo, para adecualos ao establecido nas citadas Lei 17/2009, do 23 de novembro, e Lei 25/2009, do 22 de decembro. Resulta destacable a non modificación da instrución técnica complementaria MIE-AEM 1 do Regulamento de aparellos elevadores e a súa manutención, que regula os conservadores de ascensores. A non adaptación da citada norma ao contexto xurídico actual implica unha inseguridade xurídica no sector e un obstáculo ás administracións á hora de supervisar o cumprimento dos requisitos que deben ter as empresas que desenvolven a actividade de mantemento de ascensores. A confrontación entre algúns dos requisitos da ITC MIE-AEM 1 actualmente en vigor e os principios básicos da Directiva de servizos fan necesario redactar esta resolución, que establece os requisitos que deben exixirse aos mantedores de ascensores.

A Comunidade Autónoma de Galicia, como responsable da comprobación dos requisitos que deben cumprir as empresas en materia de seguridade industrial, debe concretar cales son os requisitos mínimos que deben cumprir as empresas conservadoras.

De acordo co indicado, esta dirección xeral resolve que as empresas que desenvolvan a actividade de conservador de ascensores deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Dispor da documentación que identifique a empresa conservadora.

2. Posuír os medios técnicos e humanos necesarios para realizar as súas actividades en condicións de seguridade. Contar no seu cadro de persoal e a nivel de empresa, como mínimo, cun técnico titulado, enxeñeiro superior ou técnico, que será o responsable técnico, e ademais con dous operarios cualificados, os cales estarán en xornada laboral completa.

3. Ter cuberta a responsabilidade civil, mediante a subscrición dun seguro de responsabilidade civil profesional ou outra garantía equivalente que cubra os danos que poidan provocar na prestación do servizo pola contía mínima que se indica na Instrución técnica complementaria MIE-AEM 1 do Regulamento de aparellos elevadores e manutención, actualizada anualmente de acordo coas variacións do índice de prezos de consumo (ano 2011: 139.134,30 euros).

4. Responsabilizarse de que os aparellos que lles sexan encomendados se manteñen en condicións de funcionamento correctas e cumprir con todas as obrigas en relación coa súa actividade, de acordo coa normativa de aplicación.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia ata a entrada en vigor da nova Instrución técnica complementaria MIE-AEM 1 do Regulamento de aparellos elevadores e a súa manutención, aprobada de acordo cos principios da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas