Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Xoves, 15 de setembro de 2011 Páx. 27122

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 176/2011, do 1 de setembro, polo que se modifica o Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

O Decreto 196/2001, do 26 de xullo, regulou as publicacións da Xunta de Galicia, atribuíndo á entón Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a actividade de funcionamento como servizo central de publicacións da Xunta de Galicia.

Este decreto foi modificado polo Decreto 116/2002, do 1 de febreiro, nos artigos 5, 6 punto terceiro, 7, 8, 9 e 10.

O Decreto 3/2011, do 13 de xaneiro, modificou o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo. O artigo 7 deste decreto regula as funcións da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, así como a estrutura deste órgano.

Despois do tempo transcorrido, coa experiencia adquirida no desenvolvemento da actividade relativa ás publicacións, á vista das modificacións na estrutura orgánica da Consellería e da apertura da Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia) dentro da Cidade da Cultura de Galicia, e para os efectos de depósito das publicacións, faise precisa a modificación do Decreto 196/2001, do 26 de xullo, para adecualo ás circunstancias actuais.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de setembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións de Galicia.

Modifícase o Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 1, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, adscríbese á consellería competente en materia de cultura».

Dous. Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 2, que queda redactado como segue:

«O Consello Coordinador de Publicacións estará constituído pola persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, que exercerá a presidencia; a persoa titular da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, que exercerá a vicepresidencia; a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas; un/unha representante da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Facenda; un/unha representante de cada consellería, con nivel mínimo de xefatura de servizo, designado pola respectiva Secretaría Xeral Técnica; e a persoa titular do Servizo do Libro e Publicacións da Consellería de Cultura e Turismo, que exercerá a secretaría».

Tres. Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Serán membros da Comisión Permanente de Publicacións: a persoa titular da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, que a presidirá; a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas, que exercerá a vicepresidencia; a persoa titular do Servizo do Libro e Publicacións, que exercerá a secretaría, todos eles da Consellería de Cultura e Turismo; a persoa titular do Servizo de Tradución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; e unha persoa da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Facenda para aquelas reunións en cuxa orde do día figuren prezos de publicacións. Así mesmo, formarán parte da Comisión, como membros variables, un/unha funcionario/a de cada consellería, con nivel mínimo de xefatura de servizo, que será convocado nos casos sinalados no artigo 8».

Catro. Engádese a seguinte función no artigo 6:

«-Fixar os criterios de descatalogación e eliminación dos excedentes».

Cinco. Modifícase o último parágrafo do artigo 6 e engádese un novo parágrafo, que quedan redactados como segue:

«A Comisión Permanente de Publicacións reunirase unha vez á semana en sesión ordinaria, e en sesión extraordinaria sempre que o requira a súa presidencia.

A Comisión Permanente de Publicacións velará para que as publicacións da Xunta de Galicia non atenten contra o principio de igualdade entre mulleres e homes e garantirá unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das funcións das mulleres e homes na sociedade, sen prexuízo do respecto á liberdade de expresión dos autores e autoras que participen nestas publicacións».

Seis. Modifícase o artigo 7, que queda redactado como segue:

«Artigo 7. O Servizo do Libro e Publicacións, dependente da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Consellería de Cultura e Turismo, será a unidade administrativa responsable da coordinación e xestión da distribución comercial do fondo editorial da Xunta de Galicia e do intercambio de publicacións coas institucións que acorde a Comisión».

Sete. Modifícase o parágrafo primeiro do número 1 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«1. O expediente que, para os efectos do previsto no punto terceiro do artigo 6 deste decreto, se presente á Comisión Permanente de Publicacións constará dun exemplar completo do texto e das ilustracións e gráficos de todo tipo, se os houbese. O Servizo de Tradución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza emitirá informe sobre a idoneidade lingüística do texto. No caso de que o texto sexa en lingua distinta ao galego, será a persoa responsable desa publicación quen deba velar pola súa corrección lingüística. Incluirase, así mesmo, un informe sobre as características físicas do libro, tipo de papel, formato, encadernación, prezo de produción e, no caso de que sexa venal, o prezo proposto de venda ao público».

Oito. Modifícase o artigo 12, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. De cada publicación da Xunta de Galicia, incluídos carteis, folletos, vídeos e outros, depositaranse na Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia) dous exemplares, e un no caso de publicacións electrónicas».

Nove. Modifícase o artigo 13, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. As publicacións da Xunta de Galicia axustaranse, no que se refire á impresión, execución de obras en artes gráficas, coedicións, contratos de autor, de tradución e de distribución, aos modelos tipo aprobados por orde da Consellería de Cultura e Turismo».

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo