Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Mércores, 7 de setembro de 2011 Páx. 26451

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de setembro de 2011 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos sindicatos CC.OO., CIG e UGT do sector de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a cabo desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 8 de setembro de 2011.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga foi convocada polas organizacións sindicais CC.OO., CIG e UGT e afecta a todos os traballadores das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con base no anterior, e despois da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1.

A convocatoria de folga afecta o persoal das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá lugar das 00.00 horas ás 24.00 horas do día 8 de setembro de 2011, e enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación.

O ámbito da folga abrangue:

1. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola FPUSG –061, a través da RTSU (rede de transporte sanitario urxente). O servizo préstase mediante:

2. Ambulancias de soporte vital avanzado (ASVA) ou UVI móbiles, é dicir, ambulancias tipo III concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 10 unidades, situadas en 10 bases. O horario de servizo é de 24 horas e a área de operatividade está limitada á poboación residente nunha isócrona de 20 minutos no contorno das bases.

3. Ambulancias de soporte vital básico correspondentes á rede de transporte sanitario urxente (RTSU), é dicir, ambulancias tipo II concertadas por US-061 que se corresponden cun total de 101 unidades. O número de bases por provincia é a seguinte: 31 bases na provincia da Coruña, con 36 vehículos; 19 bases na provincia de Lugo, con 20 vehículos; 14 bases na provincia de Ourense, con 15 vehículos, e 23 bases na provincia de Pontevedra, con 30 vehículos.

4. Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado desde os hospitais e prestado con ambulancias tipos I, II e UVI móbil.

5. Transporte sanitario non urxente, xestionado desde as direccións provinciais e prestado con ambulancias tipos I, II e IV.

6. O transporte sanitario prestado polas empresas que afecte a enfermos ou accidentados na comunidade autónoma non incluído nos puntos anteriores.

A folga ten lugar en período estival, en que a actividade propia desas datas e o maior número de desprazamentos pola rede de comunicación viaria fan que poidan ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda.

A rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSU) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia.

Por estes motivos o número de ambulancias contratadas está axustado, de tal xeito que, os servizos mínimos para garantir a protección da saúde da poboación deben dar resposta ao 100% dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

O resto dos traslados que se recollen como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito a saúde de pacientes en situacións especiais, en que calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada poida desencadear un risco vital.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresa afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:

1. Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. O 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise.

3. Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, determinarase o 50% de efectivos por quendas de traballo, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.

4. No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o paciente necesite padiola.

Artigo 2.

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases asistenciais e o número de ambulancias medicalizadas precisas para cubrir os servizos mínimos na xornada de folga.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

O persoal designado que dexexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4.

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e aos usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposicion derradeira.

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2011.

Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade

Anexo
RTSU. Relación de bases asistenciais por provincias

Provincia da Coruña:

A Coruña (3).

Arteixo.

Arzúa.

As Pontes de García Rodríguez.

Betanzos.

Boiro.

Cambre.

Carballo (2).

Cariño.

Cedeira.

Cee.

Cerceda.

Ferrol (2).

Mazaricos.

Melide.

Muros.

*Narón.

Negreira.

Noia.

Oleiros.

Ordes.

Ortigueira.

Padrón.

Ponteceso.

Pontedeume.

Ribeira.

Sada.

Santa Comba.

Santiago de Compostela (2).

Teixeiro.

Vimianzo.

Total: 31 bases/36 ambulancias.

Provincia de Lugo:

Becerreá.

Guitiriz.

Burela.

O Corgo.

Chantada.

A Fonsagrada.

*Foz.

Lugo (2).

Meira.

Mondoñedo.

Monforte de Lemos.

Navia de Suarna.

Palas de Rei.

A Pontenova.

Quiroga.

Ribadeo.

Sarria.

Vilalba.

Viveiro.

Total: 19 bases/20 ambulancias.

*Entre parénteses número de recursos cando a base ten máis dun.

Provincia de Ourense:

A Gudiña.

Allariz.

Bande.

O Carballiño.

Castro Caldelas.

Celanova.

Maceda.

O Barco de Valdeorras.

Ourense (2).

A Pobra de Trives.

Ribadavia.

Verín.

Viana do Bolo.

Xinzo de Limia.

Total: 14 bases/15 ambulancias.

Provincia de Pontevedra:

A Cañiza.

A Estrada.

A Guarda.

*Arbo.

Bueu.

*Baiona.

Caldas de Reis.

Cambados.

Cangas.

Lalín.

*Marín.

Moaña.

Nigrán.

O Grove.

*Ponteareas (2).

Pontevedra (2).

O Porriño.

Sanxenxo.

Redondela.

Silleda.

Tui.

*Vigo (6).

Vilagarcía de Arousa.

Total: 23 bases/30 ambulancias.

Total Galicia: 87 bases/101 ambulalancias.

*Estas unidades están operativas 12 horas en horario diúrno.

En Vigo tres das unidades teñen este horario.

En Ponteareas unha das unidades ten este horario.

Ambulancias medicalizadas:

A Coruña (2).

Ferrol.

Lugo.

Ourense.

Pontevedra.

Vigo.

Mos.

Santiago de Compostela.

Foz.