Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Xoves, 1 de setembro de 2011 Páx. 26109

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2011 pola que se fai pública a composición da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) logo da renovación da metade dos seus membros.

O artigo 22 dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) establece que a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) estará constituída por unha presidenta ou presidente, nomeado pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito universitario de Galicia, por proposta do Consello de Dirección da ACSUG; por seis vogais elixidos polo Consello de Dirección da ACSUG, nomeados a través da presidenta ou presidente deste, de entre destacados membros da comunidade académica e científica, e pola directora ou director da ACSUG que, con voz e sen voto, actuará como secretaria ou secretario desta.

O 20 de xullo de 2009 procedeu o Consello de Dirección da ACSUG ao nomeamento dos membros da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación e foi publicada a súa composición a través da Resolución do 11 de setembro de 2009 (DOG do 23 de setembro).

O punto terceiro do citado artigo 22 establece que os vogais da CGIACA serán nomeados por un período de catro anos, e procederase cada dous anos á renovación da metade deles e indica, así mesmo, que ningún vogal poderá ser proposto para outro período inmediato salvo que ocupase o cargo por un período non superior a dous anos.

Por outra banda, a disposición transitoria cuarta dos estatutos establece que, de conformidade co punto terceiro do artigo 22 destes estatutos, a primeira renovación da metade dos vogais da CGIACA se fará aos dous anos do seu nomeamento.

Así mesmo, disponse que a composición da CGIACA deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez realizados os trámites oportunos e renovados tres dos vogais da CGIACA polo Consello de Dirección, na súa xuntanza do 28 de xuño de 2011, disponse facer pública a composición da CGIACA, que estará constituída polos seguintes membros:

1. Presidente: Miguel Ángel Santos Rego, catedrático de teoría e historia da educación da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Vogais:

a) Juan Luis Barja Pérez, catedrático de microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

b) María José Bravo Bosch, profesora titular de dereito romano da Universidade de Vigo.

c) Mercedes Brea López, catedrática de filoloxía románica da Universidade de Santiago de Compostela.

d) Gustavo Rodríguez Fuentes, profesor titular da escola universitaria de Fisioterapia da Universidade de Vigo.

e) María Antonia Señarís Rodríguez, catedrática de química inorgánica da Universidade da Coruña.

f) Jorge Teijeiro Vidal, catedrático de radioloxía e medicina física da Universidade da Coruña.

3. Secretario: José Eduardo López Pereira, director da ACSUG.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2011.

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia