Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 29 de agosto de 2011 Páx. 25873

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se aproba o plan e os programas de inspección en materia de seguridade industrial do ano 2011.

A crecente complexidade das instalacións industriais como consecuencia dos avances tecnolóxicos e da fabricación de novos produtos e materiais, xunto coa posibilidade de aparición de novos riscos, implica un incremento da complexidade da inspección e control, os cales deben ser realizados por persoal especializado dotado de equipamentos e medios materiais específicos. Por outra banda, a competencia entre as empresas e a nova organización do traballo poden incrementar inda máis as dificultades para un efectivo control dos riscos. Con base nestas consideracións, é necesario que a Administración dispoña dos medios de inspección e control necesarios para garantir de maneira efectiva a seguridade das instalacións industriais e a diminución do risco de accidentes.

No ámbito dos produtos industriais, a vixilancia do mercado leva anos de desenvolvemento co obxecto de garantir o cumprimento das disposicións que desenvolven as directivas aplicables en toda a comunidade. Esta vixilancia foi recentemente salientada no Regulamento 765/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de xullo de 2008, polo que se establecen os requisitos de acreditación e vixilancia do mercado relativos á comercialización dos produtos. Esta filosofía ten que se levar ao ámbito das instalacións e servizos industriais, de tal xeito que a inspección a posteriori se converta nunha actuación da Administración de especial importancia no campo da seguridade industrial. Do mesmo xeito, a vixilancia do mercado é importante para o interese dos axentes económicos, debido a que axuda a eliminar a competencia desleal, e fundamental para os consumidores, xa que garante un nivel de servizos e produtos adecuados.

A progresiva liberalización que se produciu nos últimos anos en materia de autorizacións industriais, acentuada coa transposición da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, eliminou nunha gran parte a intervención da Administración previa á posta en servizo de produtos, instalacións e establecementos industriais, desprazando desta maneira a actuación da Administración cara a labores de inspección que foron tomando así maior protagonismo e relevancia.

No ámbito galego, a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, establece e regula no seu título primeiro o sistema de control da seguridade industrial e defíneo como o conxunto de instrumentos legais orientados a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial. Entre os instrumentos do sistema de control de seguridade industrial inclúense a inspección industrial e os plans e programas de inspección. Estes plans e programas están regulados nos artigos 21 e seguintes da dita lei.

Consonte o anterior e tendo en conta o indicado no artigo 13 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Economía e Industria publicou a Orde do 20 de xuño de 2011 pola que se aproba o obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de Inspección da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, que tal e como marca o artigo 21.3 da antedita Lei 9/2004, establece que os plans e os programas de inspección industrial serán os instrumentos directores para conseguir un coñecemento exhaustivo dos establecementos, das instalacións e dos produtos industriais canto á súa posta en funcionamento e condicións de servizo, así como no referente á fabricación, á comercialización e ao cumprimento dos requisitos regulamentarios e de seguridade industrial.

Segundo o artigo 3 da citada orde e o artigo 14 do Decreto 219/2008, os plans de inspección de seguridade industrial e de control do cumprimento regulamentario serán levados a cabo directamente polo persoal inspector segundo o establecido no artigo 8 do decreto ou, baixo a supervisión da Administración, a través das entidades legalmente habilitadas que para o efecto sexan requiridas. Afondando no dito, o punto 2 do artigo 4 da Orde do 20 de xuño de 2011 establece que, sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellería competente en materia de industria, a execución material dos programas pódena levar a cabo entidades legalmente habilitadas, para o que se utilizará como instrumento de xestión, a celebración de convenios de colaboración.

Por último, a disposición adicional primeira da Orde do 20 de xuño de 2011 indica que os programas de inspección se aprobarán por resolución do director/a xeral competente en materia de industria.

De acordo coas competencias que veñen atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o plan e os programas de inspección en materia de seguridade industrial do ano 2011.

Segundo. O Plan de Inspección e os seus programas desenvolveranse en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e afectarán os establecementos, equipamentos e instalacións industriais que para o plan determine esta dirección xeral, coordinadamente coas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, segundo os criterios establecidos no anexo desta resolución.

De conformidade co artigo 12.2 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, o ámbito de actuación da actividade inspectora abranguerá todos os establecementos e instalacións industriais situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da localización do domicilio social do seu titular.

Terceiro.

1. O artellamento da xestión, do desenvolvemento e da execución dos programas de inspección de seguridade industrial realizarase consonte os principios que establece a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, e o Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para a execución material das inspeccións, a consellería poderá contar, ademais dos funcionarios técnicos das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, con entidades legalmente habilitadas directamente ou a través dunha asociación destas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A participación das entidades, referidas no segundo número deste punto na execución dos programas do Plan de Inspección deberá axustarse á normativa específica que lles resulte de aplicación e nos termos ou condicións establecidas no correspondente requirimento ou convenio.

4. Tal e como establece o artigo 8 da Lei 9/2004, na súa alínea d, entre as obrigas xerais dos titulares dos establecementos e instalacións suxeitos á dita lei está a de permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realice. A obriga de colaboración, cooperación e asistencia, consonte o artigo 26 do Decreto 219/2008, será extensible tanto ao persoal propio da consellería como ao persoal colaborador.

Cuarto. A selección de establecementos e instalacións obxecto dos programas de inspección realizarase na proporción que se determine no Plan de Inspección, conforme os rexistros existentes en cada provincia.

Tal e como establece o artigo 7.3 b do Decreto 219/2008, no caso de plans ou programas de inspección, a actividade inspectora farase por vía de mostraxe, nos termos previstos no decreto e as normas que lle sexan de aplicación.

Quinto. As xefaturas territoriais da consellería remitirán á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, no prazo de tres meses desde o remate da execución do Plan de Inspección, os resultados dos programas de control administrativo obtidos durante a vixencia do plan para a súa tramitación conforme o establecido no artigo 26 da Lei de seguridade industrial; é dicir, logo de que finalice cada programa de inspección, a consellería elaborará un informe final onde se recollerán os datos, os resultados e as incidencias máis significativas para cada programa.

Sexto. Consonte o artigo 14.1 do Decreto 219/2008, os plans de inspección de seguridade industrial e de control do cumprimento regulamentario serán levados a cabo directamente polo persoal inspector segundo o establecido no artigo 8 do decreto ou, baixo a supervisión da Administración, a través das entidades legalmente habilitadas que para o efecto sexan requiridas. No caso segundo, as xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, encargaranse das funcións de supervisión e control das inspeccións realizadas polas entidades legalmente habilitadas no seu ámbito provincial, baixo a coordinación xeral da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sétimo. Por proposta motivada da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ou do Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial, o conselleiro de Economía e Industria poderá dispoñer a revisión e modificar os plans de inspección en curso de execución.

Oitavo. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento e aplicación.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO
Plan de Inspección en materia de seguridade industrial do ano 2011

Artigo 1. Obxecto do Plan de Inspección e obxectivos dos seus programas.

O obxecto deste Plan de Inspección é tentar coñecer de maneira máis precisa e real as condicións de servizo das instalacións suxeitas á normativa de seguridade industrial, respecto da súa adecuación e cumprimento das exixencias administrativas. Os obxectivos de cada programa de inspección serán os de facer unha análise e avaliación das instalacións de cada establecemento consonte os diferentes campos regulamentarios de seguridade industrial e o obxecto do plan.

Artigo 2. Dotación de medios persoais e materiais.

Os medios persoais e materiais empregados para o desenvolvemento do Plan de Inspección serán os propios da Consellería de Economía e Industria e, de ser o caso, os das entidades referidas no número 2 do punto terceiro da resolución que aproba este plan.

Artigo 3. Programas de inspección.

O Plan de Inspección do ano 2011, no contexto dos diferentes sectores de actividade galegos, priorizará as súas actuacións nos establecementos de 15 dos ditos sectores, que serán coincidentes cos programas previstos. En total, este Plan de Inspección comprende 800 inspeccións distribuídas en 15 programas. Cada programa, xunto cos establecementos e instalacións inspeccionados, será obxecto dunha avaliación de conformidade cos diferentes campos regulamentarios da seguinte táboa.

Programas

Campos regulamentarios

APQ

EP

AE

GC

GLP

PCI

IP

RITE

AT

BT

ADR

Inspeccións/ programa

Programa 1: hoteis

X

X

X

X

X

X

X

X

54

Programa 2: colexios

X

X

X

X

X

X

X

X

53

Programa 3: gardarías

X

53

Programa 4: adegas

X

X

X

X

X

53

Programa 5: auxiliares automóbiles

X

X

X

X

X

X

X

X

X

X

54

Programa 6: talleres mecánicos

X

X

X

X

X

X

X

X

54

Programa 7: tratamentos químicos

X

X

X

X

X

X

X

X

53

Programa 8: serradoiros/transformación de madeira

X

X

X

X

X

X

X

53

Programa 9: graniteiros

X

X

X

53

Programa 10: pirotecnia

X

X

53

Programa 11: caldeirarías e metal mecánico

X

X

X

X

X

X

X

54

Programa 12: carpintaría de aluminio

X

X

X

X

X

X

X

53

Programa 13: centros de saúde e clínicas

X

X

X

X

X

X

X

X

54

Programa 14: conserveiras

X

X

X

X

X

X

X

X

X

53

Programa 15: plantas de acuicultura

X

X

X

X

X

X

53

Total

800

Os campos regulamentarios son os seguintes:

1. APQ: almacenamento de produtos químicos.

2. EP: equipamentos de presión.

3. AE: aparellos elevadores.

4. GC: almacenamento de gases combustibles.

5. GLP: instalacións de gases licuados do petróleo.

6. PCI: instalacións contra incendios.

7. IP: instalacións petrolíferas.

8. RITE: instalacións térmicas en edificios.

9. AT: instalacións eléctricas de alta tensión.

10. BT: instalacións eléctricas de baixa tensión.

11. ADR: transporte de mercadorías perigosas.

Artigo 4. Establecementos e instalacións obxecto de inspección.

As xefaturas territoriais informarán previamente a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas sobre a proposta de establecementos e instalacións incluídos nos programas do Plan de Inspección e remitirán unha relación das inspeccións efectivamente realizadas cando así llelo solicite a dirección xeral.

Artigo 5. Distribución xeográfica.

Tendo en conta a importancia de cada sector en cada provincia galega, a repartición das 800 inspeccións, por provincias, será do seguinte xeito:

Provincias

A Coruña

40%

Ourense

15%

Pontevedra

30%

Lugo

15%

Total

N.º inspeccións

320

120

240

120

800

Artigo 6. Metodoloxía e indicadores.

As inspeccións efectuadas ao abeiro deste Plan de Inspección faranse consonte un procedemento xeral e uns elementos comúns avaliados previamente establecidos pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. No caso de subscribirse un ou varios convenios de colaboración dos referidos no número tres do punto terceiro da resolución que aproba este Plan de Inspección, todas as entidades participantes estarán suxeitas a estes criterios previamente establecidos no desenvolvemento das súa actuacións.

O Plan de Inspección en materia de seguridade industrial do ano 2011 consistirá na comprobación documental, nos diferentes campos regulamentarios, do cumprimento das exixencias administrativas prescritas polas disposicións legais nos establecementos e instalacións que son obxecto de cada programa de inspección.

Cada inspección será avaliada e quedará representada mediante indicadores do grao de suxeición das instalacións ás exixencias administrativas de obrigado cumprimento, mediante unha escala numérica de cinco puntos totais, obtendo o maior número de puntos a mellor valoración. Estes indicadores valorarán conxuntamente as instalacións incluídas dentro de cada campo regulamentario e, de maneira agregada, de cada establecemento e de todos os establecementos inspeccionados en cada programa.

Artigo 7. Vixencia.

Este Plan de Inspección terá vixencia ata o 30 de novembro de 2011.