Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 26 de agosto de 2011 Páx. 25693

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de agosto de 2011 pola que se regula a modalidade do xogo do bingo electrónico na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúe á nosa comunidade autónoma no seu artigo 27.27 a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas e, en virtude de tal atribución aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En desenvolvemento da citada lei, e no que respecta ao xogo do bingo, ditouse o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aprobou o Regulamento do xogo do bingo, que sería modificado parcialmente polo Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro e, posteriormente, polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo. Precisamente mediante esta última modificación introduciuse no Decreto 181/2002, do 10 de maio, a previsión da regulación de novas modalidades do xogo do bingo que virían sumarse ao denominado bingo tradicional e, entre estas modalidades, o artigo 3 bis, no seu parágrafo quinto, recollía as bases da regulación do xogo do bingo electrónico.

No dito artigo 3 bis parágrafo 5 contéñense os aspectos elementais desta nova modalidade do xogo do bingo, pero esta regulación precisaba dun desenvolvemento normativo que contemplase con detalle as características técnicas, funcionais e operativas aplicables á dita modalidade.

Esta orde dítase co afán de dar cobertura a esta necesidade de desenvolvemento e ao abeiro do disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 181/2002, do 10 de maio e, en particular, na disposición adicional primeira e derradeira segunda do mencionado Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

O espírito desta orde é o de manter a esencia do xogo do bingo tradicional pero ofrecendo unha regulación que permita a súa práctica dun modo máis diversificado e dinámico mediante a potenciación das posibilidades que ofrecen os soportes electrónicos, así como ás novas combinacións e formatos de xogo e de premios.

Un amplo abano de posibilidades xorde con esta modalidade do xogo do bingo xa que se trata o bingo electrónico dunha modalidade do xogo do bingo realizada e xestionada integramente en soportes electrónicos a través de terminais informáticos de xogo, o que exixía, como contraprestación, unha regulación precisa das características técnicas do sistema de xogo.

Polo demais, esta orde inspírase na necesidade de asegurar a máis absoluta claridade e transparencia no funcionamento do xogo para salvagardar os dereitos das persoas xogadoras e, por esta razón, recóllense nesta orde as garantías necesarias que lles deberán ser ofrecidas e todos os requisitos técnicos cuxo cumprimento por parte das empresas resulta imprescindible para que esta Administración poida exercer o control correspondente.

Con este fin exíxese ás empresas que dexexen explotar o xogo do bingo electrónico a obtención da correspondente autorización administrativa, para a concesión da cal será preceptivo o cumprimento dunha serie de requisitos previstos na propia orde e que perseguen garantir a solvencia técnica e financeira das ditas empresas. Neste sentido cómpre destacar a necesidade de homologación da infraestrutura técnica e dos elementos materiais e o software de funcionamento do xogo e de realización dos pagamentos e cobramentos que se deberá axustar ao disposto na orde e, en particular, ás prescricións contidas no seu anexo.

Finalmente cómpre subliñar que esta orde presta especial atención ao desenvolvemento do xogo e a todo o que concirne aos premios que se poden obter, reforzándose a transparencia do xogo mediante as exixencias de información que as empresas explotadoras deberán facilitar ás persoas xogadoras antes, durante e despois da partida. Así mesmo, debe destacarse a flexibilidade outorgada ás empresas para a configuración das categorías dos premios, porcentaxes de asignación destes, combinacións gañadoras e condicións para a súa obtención, todo isto dentro dun marco autorizado previamente pola Administración para lograr que o xogo do bingo responda ás expectativas das persoas xogadoras.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo i
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a regulación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da modalidade do xogo do bingo electrónico como unha modalidade do xogo do bingo prevista no artigo 3 bis do Regulamento do xogo do bingo aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio, e, en concreto, a regulación do seu réxime de autorizacións, do desenvolvemento do xogo, dos premios, dos elementos materiais e da súa infraestrutura e elementos técnicos.

Artigo 2. Descrición do xogo.

O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo realizada e xestionada integramente en soporte electrónico, que se desenvolve con independencia da modalidade tradicional, a través de terminais informáticos de xogo.

Esta modalidade poderá realizarse nunha sala de bingo mediante un servidor de sala que xestiona os terminais informáticos de xogo ou en varias salas de xeito simultáneo, neste último caso mediante a interconexión dun servidor central cos servidores de sala das distintas salas de bingo.

Artigo 3. Réxime xurídico.

A modalidade do xogo do bingo electrónico desenvolverase conforme as especificacións contidas nesta orde e, con carácter supletorio, polas normas xerais establecidas para o bingo tradicional no Regulamento do xogo do bingo aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio.

CAPÍTULO II
Réxime de autorizacións

Artigo 4. Autorización para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico nunha sala de bingo.

1. A explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico nunha sala de bingo requirirá autorización previa administrativa da dirección xeral competente en materia de xogo.

A devandita autorización administrativa solicitaraa a empresa titular da autorización da instalación da sala de bingo en que se pretende practicar esta modalidade.

2. Serán requisitos imprescindibles para obter a autorización:

a) Ter vixente a autorización de instalación da correspondente sala de bingo, así como ter constituído a fianza que exixe o artigo 30 do Regulamento do xogo do bingo, aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio.

b) Atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias e non ter sido sancionado pola comisión de infraccións moi graves nos dous anos anteriores á solicitude.

3. No escrito de solicitude de autorización para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico nunha sala de bingo especificarase:

a) O número de terminais informáticos de xogo que se van instalar e o lugar onde se vai situar o servidor de sala.

b) Os elementos materiais e a infraestrutura e os elementos técnicos que se van instalar para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico.

c) O horario de funcionamento do bingo electrónico, no suposto de que a súa práctica se realice na mesma dependencia da sala que o bingo tradicional.

4. Xunto coa anterior solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) A documentación acreditativa da homologación previa dos elementos materiais e da infraestrutura e elementos técnicos a que se refire a letra b) do número anterior.

b) Plano do local en que se fará constar a situación dos terminais informáticos de xogo e do servidor de sala, acompañado, no suposto de que a práctica da modalidade do xogo do bingo electrónico se realice nunha dependencia diferenciada do establecemento, dunha memoria que xustifique as condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade coa práctica do bingo tradicional.

c) Xustificante do aboamento da taxa administrativa correspondente.

Artigo 5. Autorización para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico en varias salas de bingo de xeito simultáneo.

1. A explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico en varias salas de bingo de xeito simultáneo requirirá autorización administrativa previa da dirección xeral competente en materia de xogo.

A devandita autorización administrativa solicitaraa:

a) Unha empresa constituída para o efecto, no suposto de que as autorizacións de instalación das salas de bingo que se van interconectar sexan de titularidade das distintas empresas.

b) A empresa titular das autorizacións de instalación das salas de bingo que se van interconectar, cando todas elas sexan de titularidade da mesma empresa.

2. Serán requisitos imprescindibles para obter a autorización:

a) Constitución dunha sociedade anónima conformada polas empresas titulares das autorizacións de instalación das salas de bingo que se van interconectar, no suposto de que estas sexan de titularidade de distintas empresas. O obxecto social da sociedade anónima que se constitúa para o efecto comprenderá a prestación de servizos de interconexión.

A sociedade constituída inscribirase no Rexistro do Xogo do Bingo de conformidade co disposto na sección 1.ª «Empresas de bingo» do Regulamento do xogo do bingo aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio, coas especificacións previstas nesta orde canto ao seu obxecto social, capital social mínimo e fianza exixida.

A constitución desta sociedade anónima non será necesaria cando as autorizacións de instalación das salas de bingo que se van interconectar sexan de titularidade da mesma empresa. Neste suposto bastará con que o seu obxecto social comprenda a prestación de servizos de interconexión mediante a ampliación, de ser o caso, daquel. Esta empresa haberá de figurar inscrita no Rexistro do Xogo do Bingo, así como atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias e non ter sido sancionada pola comisión de infraccións moi graves nos dous anos anteriores á solicitude.

b) Constitución e depósito dunha fianza de 200 euros por cada terminal informático de xogo que se pretenda instalar, a favor da consellería competente en materia de xogo.

A fianza poderá constituírse en metálico ou mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca, e debe manterse vixente, pola integridade do seu importe, durante a vixencia da autorización.

Esta fianza quedará afecta ao pagamento de premios, aboamento de tributos e sancións derivadas de infraccións cometidas na explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico.

3. No escrito de solicitude de autorización para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico en varias salas de bingo de xeito simultáneo especificarase:

a) A relación das salas de bingo que se van interconectar.

b) O número de terminais informáticos de xogo que se van instalar en cada sala de bingo e o lugar onde se van situar o servidor central de bingo electrónico e os servidores de sala de cada unha das salas.

c) Os elementos materiais e a infraestrutura e os elementos técnicos que se van instalar para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico.

d) O horario de funcionamento do bingo electrónico, no suposto de que a súa práctica se realice na mesma dependencia da sala que o bingo tradicional.

4. Xunto coa solicitude achegarase, ademais da documentación exixida no número 4 do artigo 4, os seguintes documentos:

a) Copia da escritura pública de constitución da sociedade anónima ou, de ser o caso, da ampliación do obxecto social, inscrita no Rexistro Mercantil, e na cal constarán os nomes e apelidos dos socios accionistas coa cota de participación destes, así como os cargos directivos e os representantes desta.

b) Orixinal do xustificante do depósito da fianza a que se refire o número 2 deste artigo.

Artigo 6. Resolución administrativa pola que se autoriza a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico.

A resolución administrativa pola que se autorice a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico nunha sala de bingo ou en varias salas de xeito simultáneo, preverá, como mínimo, as seguintes especificacións:

a) Concreción do titular da autorización para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico.

b) Relación das salas de bingo en que se autoriza a súa práctica.

c) Número total de prazas da sala de bingo que se autorizan para a práctica desta modalidade e número total de prazas que se manteñen para a práctica da modalidade do xogo do bingo tradicional.

d) Número de terminais informáticos de xogo que se van instalar na sala ou salas de bingo especificando, neste último caso, o número de terminais que se van instalar en cada sala.

e) Sistema informático que se vai utilizar e lugar onde se van situar o servidor ou servidores de sala e, de ser o caso, o servidor central.

f) As regras de organización e funcionamento do bingo electrónico.

g) Concreción de se o bingo electrónico se realiza nunha dependencia diferenciada do establecemento ou non e, neste último caso, do seu horario de funcionamento.

Artigo 7. Modificacións.

Todas as modificacións que afecten o contido da resolución administrativa pola que se autorice a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico requirirán autorización previa mediante resolución da dirección xeral competente en materia de xogo.

Artigo 8. Documentación á disposición do público.

Esta orde e toda a normativa reguladora da modalidade do xogo do bingo electrónico, así como a resolución administrativa pola que se autorice a explotación desta modalidade, deberán poñerse en lugar visible á disposición do público nas salas de bingo autorizadas para a súa práctica.

Artigo 9. Situación dos terminais informáticos de xogo e horario de funcionamento.

1. A explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica se realice en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento nos termos establecidos no artigo 4.4 b).

2. Deberá garantirse a adecuada circulación dos xogadores entre os terminais informáticos de xogo, de conformidade co disposto no número 3 do artigo 17 do Regulamento do xogo do bingo aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio.

3. O horario de funcionamento do bingo electrónico axustarase ao horario xeral autorizado para as salas de bingo, sen que sexa necesaria a práctica simultánea deste coa modalidade de bingo tradicional.

Artigo 10. Número de terminais informáticos de xogo.

1. O número de terminais informáticos de xogo instalados en cada sala de bingo autorizada será como máximo dun terminal por cada catro prazas de capacidade da sala de bingo.

2. Para efectos do cómputo do número total de prazas da sala de bingo, cada terminal de bingo electrónico instalado computará como unha praza de bingo tradicional, sen que a suma de prazas de bingo tradicional e de bingo electrónico poida superar, en ningún caso, a capacidade máxima autorizada en cada sala de bingo, polo que cada terminal instalado restará unha praza de bingo tradicional.

CAPÍTULO III
Desenvolvemento do xogo do bingo electrónico

Artigo 11. Actuacións previas.

Antes de iniciarse cada xornada diaria deberase verificar o correcto funcionamento da totalidade da infraestrutura e dos elementos técnicos instalados.

Artigo. 12 Venda de cartóns.

1. Para xogar a esta modalidade do xogo do bingo as persoas xogadoras deberán previamente adquirir a tarxeta ou soporte prepagamento a que se refire o artigo 21 desta orde, cargada con créditos suficientes para comprar os cartóns nos terminais informáticos de xogo.

2. A celebración dunha partida iniciarase no momento en que o sistema informatizado de bingo electrónico avise a todas as persoas xogadoras situadas nos terminais informáticos de xogo da apertura do período de venda de cartóns para a próxima partida.

En cada terminal informático de xogo informarase do tempo dispoñible.

3. Cada persoa xogadora indicará no seu terminal informático de xogo o número de cartóns que dexexa adquirir para a próxima partida, coa previa introdución no seu terminal da correspondente tarxeta ou soporte prepagamento.

O sistema informatizado de bingo electrónico recibirá a solicitude de cartóns de cada persoa xogadora, asignando a cada unha delas o número de cartóns solicitado.

A distribución farase correlativamente por salas atendendo á orde de solicitudes recibidas. Seguidamente, cada servidor de sala efectuará a asignación en función da orde de solicitude de compra de cada persoa xogadora.

4. O cartón ou cartóns adquiridos aparecerán editados na pantalla do terminal. Nese momento realizarase o cobramento, descontándose na tarxeta ou soporte prepagamento os créditos correspondentes ao importe dos cartóns adquiridos.

O sistema deberá garantir que non se emiten dous cartóns iguais.

5. Transcorrido o tempo dispoñible para a venda, informarase en cada terminal e nas pantallas informativas do número total de cartóns vendidos, así como da contía dos premios en xogo, que serán calculados polo sistema informatizado de bingo electrónico.

No caso do bingo electrónico entre varias salas de bingo, aparecerán desagregados os datos de sala e do conxunto.

Artigo 13. Comezo e desenvolvemento da partida.

1. Efectuada a operación descrita no artigo anterior, o sistema informatizado de bingo electrónico anunciará o comezo da partida e iniciará a extracción aleatoria das bólas, que irán riscándose de xeito automático nos cartóns adquiridos.

No terminal informático de xogo mostrarase o progreso dos ditos cartóns, a orde de extracción, a secuencia de números extraídos, a proximidade de premios e da consecución destes.

2. O sistema informatizado de bingo electrónico controlará automaticamente os cartóns en xogo, avisará a todas as persoas xogadoras cando algún cartón obteña o premio e realizará o seu pagamento en créditos na tarxeta prepagamento do xogador premiado informando deste feito no seu terminal informático de xogo. O sistema deberá garantir que un cartón electrónico non se poida replicar, que só sexa posible empregalo nunha soa partida e tamén que non se coñeza o contido dos cartóns electrónicos previamente á extracción das bólas.

Para iso, cada terminal de xogo incorporará, de xeito visible, un sistema intermitente que se activará para avisar da obtención de cada un dos premios.

3. O tempo medio de duración de cada partida non será inferior a trinta segundos sen que poidan realizarse mais de sesenta partidas nunha hora.

Artigo 14. Devolucións.

1. No caso de que algún dos terminais sufrise algunha continxencia, antes ou durante o desenvolvemento da partida, a persoa xogadora afectada por esta situación terá dereito á devolución do importe do investido na partida.

2. Se durante a realización dunha partida se produciren avarías nos equipamentos, a perda de comunicación do servidor de sala co servidor central, a perda da comunicación do servidor de sala cos terminais informáticos de xogo ou accidentes que impidan a continuidade do normal desenvolvemento do xogo, anularase a partida na sala ou salas onde se produza o incidente, devolvéndose ás persoas xogadoras o importe dos cartóns adquiridos e continuando a partida no resto das salas.

3. Se durante a realización dunha partida se producir a perda de comunicación do servidor central cos servidores de todas as salas, ou accidentes que impidan a continuidade do normal desenvolvemento do xogo, anularase a partida en todas as salas devolvéndose ás persoas xogadoras o importe dos cartóns que tiveren adquirido.

4. En todos os supostos previstos nos números anteriores, as ditas circunstancias deberán poñerse previamente en coñecemento das persoas xogadoras a quen se lles garantirán os premios xa obtidos.

CAPÍTULO IV
Premios do bingo electrónico

Artigo 15. Autorización do programa de xogo na modalidade do xogo do bingo electrónico.

1. Todas as categorías de premios, porcentaxes de asignación destes a cada categoría, conformación das combinacións que dan dereito a premios, e as condicións da súa obtención, que conformarán o programa de xogo, requirirá autorización administrativa previa da dirección xeral competente en materia de xogo.

2. A devandita autorización administrativa solicitaraa a empresa titular da autorización para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico, acompañada dun informe técnico de auditoría que certifique a adecuación e o cumprimento do programa de xogo, cos requisitos e condicións establecidas nesta orde e, en particular, nos seus artigos 16 a 18.

3. Calquera modificación dos termos da referida autorización requirirá autorización administrativa previa da dirección xeral competente en materia de xogo, sen prexuízo do previsto no artigo 17 desta orde.

4. En todo caso, unha vez autorizado o programa de xogo, este deberá ser público e estar á vista de todas as persoas xogadoras tanto no servizo de admisión como na sala onde se veña desenvolvendo a modalidade do xogo do bingo electrónico.

Artigo 16. Combinacións gañadoras.

1. As combinacións gañadoras deberán axustarse ás características básicas do formato numérico do xogo e poderán consistir en agrupacións de números dentro do cartón, ou nunha determinada disposición dos números no cartón formando figuras ou relacións recoñecibles e identificables dentro deles.

Ademais pode estar condicionada a súa obtención á condición de que as mesmas se obteñan en ou antes dun número bólas en orden de extracción determinada previamente, ou que tendo fixado un límite cuantitativo máximo, unha vez alcanzado este se modifiquen as condicións da súa obtención canto á bóla de referencia en orden de extracción, todo isto nos termos fixados na correspondente autorización do programa de xogo. Tamén poderán fixarse regras de determinación e obtención de premios en relación a unha fracción ou secuencia de tempo previamente determinada, así como a obtención dun premio obtido por sorteo entre os participantes nunha determinada partida de forma aleatoria.

2. En cada xogada de bingo electrónico deberase outorgar, como mínimo, un premio de liña e un premio de bingo.

Artigo 17. Porcentaxe de distribución en premios.

1. A porcentaxe de distribución en premios no conxunto das partidas celebradas consistirá como mínimo no 70% das cantidades recadadas pola venda de cartóns electrónicos entre todos os terminais en xogo, e deben destinarse a premios propios da sala polo menos o 40% da dita porcentaxe.

2. As porcentaxes específicas que se van destinar a cada un dos premios determinaranse na autorización do programa de xogo a que se refire o artigo anterior e poderá variarse con periodicidade mensual pola empresa autorizada, mediante comunicación dirixida á dirección xeral competente en materia de xogo, como mínimo, quince días antes da data en que vai ser aplicada a devandita porcentaxe.

En todo caso, unha vez determinado o reparto da porcentaxe entre os diversos premios, este deberá ser público e estar á vista de todos os xogadores tanto no servizo de admisión como na sala onde se veña desenvolvendo a modalidade do xogo do bingo electrónico.

Artigo 18. Premios.

1. Establécense os seguintes tipos de premios:

a) Premio colectivo. O seu valor é proporcional ás cantidades achegadas polas persoas xogadoras. Sobre o importe total da recadación efectuada para cada sorteo, a empresa ou entidade autorizada proporá a porcentaxe que se vai destinar a estes premios.

b) Premio de estrutura fixa. O seu valor é invariable e determinado e será proposto pola empresa ou entidade autorizada. En calquera caso, o dito premio deberá obterse das cantidades recadadas, conxunta e simultaneamente, pola venda de cartóns electrónicos, entre todos os terminais en xogo.

c) Premio acumulado. A dotación do seu valor resulta de detraer unha porcentaxe proposta pola empresa ou entidade autorizada sobre o importe total dos cartóns vendidos e que se irán sumando en cada partida nunha ou máis bolsas de acumulado.

O premio acumulado poderá ser de sala ou de rede, este último cando o xogo do bingo electrónico se desenvolva simultaneamente en máis dunha sala. Os premios acumulados de sala terán un importe máximo de 10.000 euros, mentres que nos premios acumulados de rede o importe máximo será de 30.000 euros.

Os premios acumulados, tanto de sala como de rede, poderán ser varios e poderán consistir en contías fixas ou en porcentaxes sobre as bolsas existentes, e deberán estar previamente determinados

2. A empresa ou entidade autorizada poderá decidir establecer un ou varios dos premios referidos no parágrafo anterior e, nos termos fixados na correspondente autorización do programa de xogo, poderá condicionar a súa obtención dalgunha das seguintes formas:

a) Poderá poñer a condición de que os premios se obteñan en ou antes dun número de bólas en orde de extracción determinada previamente.

b) Poderá decidir que, tendo fixado un límite cuantitativo máximo, unha vez alcanzado este, se modifiquen as condicións da súa obtención canto á bóla de referencia en orde de extracción.

c) Poderá fixar regras de determinación e obtención de premios en relación a unha fracción ou secuencia de tempo previamente determinada.

d) Poderá establecer a obtención dun premio obtido por sorteo entre os participantes nunha determinada partida de forma aleatoria.

Así mesmo, poderase incrementar os premios inicialmente previstos con opcións complementarias de xogo e tamén ofrecer premios adicionais, sempre que a porcentaxe total destinada a premios sexa superior á establecida como mínima no artigo 17 desta orde.

3. O dereito ao cobramento efectivo dun premio caduca aos noventa días naturais, que se contarán a partir da data de celebración da partida correspondente, data que se verificará mediante o rexistro de xogo do sistema previsto no anexo desta orde. O pagamento dos premios será exixible nas salas de bingo onde a persoa xogadora participe e os obteña e será responsabilidade exclusiva da empresa autorizada para a explotación desta modalidade.

4. No caso de coincidiren dúas ou máis combinacións gañadoras para un mesmo premio, o importe deste repartirase entre elas.

CAPÍTULO V
Elementos materiais e informáticos do bingo electrónico

Artigo 19. Soportes representativos dos cartóns de bingo e valor facial.

1. Os cartóns de xogo que se utilicen para a práctica desta modalidade de xogo do bingo consistirán en unidades informáticas, con forma de cartón de bingo, os cales deberán identificarse canto á serie, número, valor e código de seguridade e onde se irán plasmando as diferentes extraccións de bólas que se van producindo no desenvolvemento da partida, axustándose canto ás súas características, formato, forma de emisión e control de stocks ás normas que para tal efecto dite a consellería competente en materia de facenda.

2. O valor facial dos cartóns poderá ser de 0,05, 0,10, 0,20, 0,30, 0,40, 0,50, 1, 2, 3 e 6 euros.

3. Informarase as persoas xogadoras do valor facial dos cartóns nos seus terminais informáticos de xogo antes do comezo da partida.

Artigo 20. Xerador aleatorio de bólas.

1. A extracción de bólas efectuarase por medio dun sistema informático de xeración aleatoria de bólas cos números que conformarán o sorteo e as combinacións con dereito a premios.

2. En caso de forza maior ou calquera outra circunstancia técnica debidamente xustificada, a empresa autorizada para a práctica desta modalidade poderá anular unha partida xa iniciada, debendo rexistrar e notificar a devandita incidencia á dirección xeral competente en materia de xogo. As persoas xogadoras que estivesen participando nesa partida terán dereito ao reintegro do importe dos cartóns que tivesen adquirido e garantiránselles os premios obtidos.

Artigo 21. Soporte para a compra dos cartóns e para o pagamento dos premios.

1. Para poder xogar a esta modalidade as persoas xogadoras deberán adquirir, dentro do establecemento, a correspondente tarxeta ou soporte prepagamento.

A tarxeta ou soporte prepagamento irá asociado a una conta única xestionada por un sistema centralizado de caixa do establecemento e será o soporte mediante o cal as persoas xogadoras adquirirán os cartóns e cobrarán os premios que obteñan.

2. O aboamento dos premios efectuarase de xeito automático mediante a incorporación dos seus importes ao saldo da conta asociada a tarxeta ou soporte.

3. Para proceder á liquidación do saldo da tarxeta ou soporte, a persoa xogadora deberá solicitar ao persoal responsable da sala que se lle aboe a través do sistema centralizado de caixa o equivalente económico do dito saldo, que se efectuará mediante o seu troco por diñeiro en metálico. Queda prohibida a súa substitución total ou parcial por premios en especie. Nese momento quedará automaticamente pechada a conta única asociada a tarxeta ou soporte.

4. Non obstante, deberá garantirse a posibilidade de imprimir en soporte papel todas as operacións de aboamentos e pagamentos realizados na conta de cada xogador sempre que o xogador ou as persoas que designe a dirección xeral competente en materia de xogo ou a consellería competente en materia de facenda o requiran.

CAPÍTULO VI
Infraestrutura técnica e xestión do sistema de bingo electrónico

Artigo 22. Infraestrutura e elementos técnicos do bingo electrónico.

Para a práctica desta modalidade do xogo do bingo precisarase unha determinada e específica infraestrutura técnica que garanta a transparencia no desenvolvemento do xogo. En todo caso, a dirección xeral competente en materia de xogo e a consellería competente en materia de facenda terán acceso a calquera elemento da dita infraestrutura técnica.

Así mesmo, será necesario dispor dos elementos técnicos que se describen no anexo de características técnicas desta orde, os cales deberán estar debidamente homologados pola dirección xeral competente en materia de xogo, de conformidade co establecido nos artigos 25 e 26 desta orde. Ademais, a consellería competente en materia de facenda deberá homologar o sistema de cartóns electrónicos e o sistema de recadación derivado da venda destes.

Artigo 23. Xestión do sistema de bingo electrónico.

O sistema de bingo electrónico será xestionado pola empresa que teña autorización para a práctica desta modalidade, sen prexuízo da intervención especializada de provedores de servizos de comunicación ou de software, os cales estarán identificados na correspondente autorización.

Artigo 24. Información na sala.

1. As salas autorizadas para a práctica da modalidade do xogo do bingo electrónico disporán de paneis informativos, perfectamente visibles na sala, de todas as modalidades de bingo que se practiquen no seu interior, información que tamén constará no servizo de admisión.

2. Ademais, nos paneis informarase, para toda a sala onde se desenvolva esta modalidade do xogo do bingo, da serie e o número total de cartóns vendidos, do desenvolvemento da partida segundo a xeración de números, do importe dos premios, cartón ou cartóns premiados e de en que terminal ou terminais foron adquiridos.

CAPÍTULO VII
Homologacións

Artigo 25. Homologación de elementos materiais e da infraestrutura e elementos técnicos necesarios para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico.

1. Requirirán homologación previa a infraestrutura técnica, os elementos materiais e o software de funcionamento do xogo e de realización dos pagamentos e cobramentos.

2. Non obstante, de conformidade co disposto na disposición adicional 2.ª («recoñecemento das homologacións») do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, e o Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, serán recoñecidas as homologacións que sobre os soportes técnicos fosen expedidas por outras comunidades autónomas, o Estado central ou calquera dos Estados membros da Unión Europea, e aqueles que teñan acordos preferentes con este espazo, sempre que satisfagan os requirimentos de transparencia, seguridade e control adecuados.

Para estes efectos, a empresa fabricante deberá presentar un informe subscrito por técnico competente en que unicamente se certifique que toda a infraestrutura e os elementos técnicos utilizados cumpren as prescricións previstas na presente orde e no resto de normas que se diten para a súa regulación, xuntando a documentación acreditativa da homologación.

Artigo 26. Solicitude de homologación.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 22, a empresa fabricante deberá presentar ante a dirección xeral competente en materia de xogo a solicitude de homologación da infraestrutura técnica, dos elementos materiais e do software de funcionamento do xogo e de realización dos pagamentos e cobramentos.

2. A solicitude de homologación irá acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria de funcionamento da infraestrutura técnica, dos elementos materiais e do software de funcionamento do xogo onde se especifique, polo menos, o nome da empresa fabricante, o nome comercial do modelo e a descrición do modo de funcionamento do xogo.

b) Informe de laboratorio onde se faga constar que a infraestrutura técnica e os seus compoñentes se adaptan ás regras e ás condicións operativas e funcionais establecidas na presente orde e no seu anexo, e onde se detallen as características que o sistema ofrece sobre a súa integridade e seguridade no ámbito operativo e de comunicacións e, así mesmo, onde se especifique que a estrutura de hardware cumpre cos estándares e requirimentos técnicos apropiados.

c) Unha fotografía 15×10 cm nítida en cor da infraestrutura técnica e dos elementos materiais cuxa homologación se solicita.

d) Declaración CE de conformidade, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

e) Comprobante do pagamento da taxa administrativa correspondente.

Disposición adicional única.

A modalidade do xogo do bingo electrónico poderá poñerse en funcionamento unha vez publicadas no Diario Oficial de Galicia as normas de desenvolvemento que dite a consellería competente en materia de tributos relativas aos aspectos dos soportes técnicos que afecten o control tributario das operacións.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Anexo
Características técnicas do sistema de bingo electrónico

I. Rexistro das operacións.

1. A empresa autorizada para a explotación da modalidade do xogo do bingo electrónico establecerá os procedementos e os medios de seguridade adecuados para garantir o control do sistema do xogo e do sorteo.

Para estes efectos, o sistema rexistrará, ao instante de se produciren, todas as operacións realizadas e, en concreto, os datos identificativos da sala ou salas e a data e hora da apertura; a data e hora de inicio e o número de orde da partida; a serie ou series, o número e o valor facial dos cartóns vendidos; as terminais que os adquiriron; a cantidade total de cartóns vendidos, o importe total da venda; a contía detraída para os distintos premios, incluídas as detraídas para os premios acumulados que están en xogo e o importe total destinado para os acumulados; o número de bólas máximo para estes últimos; a secuencia de números extraídos en cada partida; os premios obtidos; a data e hora de finalización de cada partida; e todas as operacións de cobramento e de pagamento. Estes datos deberán gardarse nos logs e nas bases de datos do servidor de sala e do servidor central durante un tempo mínimo de tres anos. O sistema deberá garantir e certificar de forma electrónica a data, hora, minuto e segundo de cada operación, así como a imposibilidade de manipulación dos datos.

2. Todo o rexistro da información estará en todo momento, xa sexa en formato papel ou directamente na base de datos, á disposición da dirección xeral competente en materia de xogo, para os efectos de garantir a claridade e transparencia do seu funcionamento, e da consellería competente en materia de facenda, para os efectos do exercicio das súas competencias.

Para que as persoas que designe a dirección xeral competente en materia de xogo ou a consellería competente en materia de facenda teñan acceso ao sistema informático de xestión e control do xogo e poidan realizar calquera consulta de toda a información rexistrada no sistema, este deberá permitir unha conexión segura a través da internet. Esta conexión deberá estar dispoñible polo menos desde a apertura ata o peche de cada sesión ou xornada en cada sala de bingo.

II. Servidor central de bingo electrónico.

1. Para poder desenvolver esta modalidade do xogo do bingo precisarase un servidor central de bingo electrónico que manterá a necesaria e permanente conexión dos servidores de todas as salas.

2. O servidor central conterá o sistema informático de xestión e control do xogo e constitúe o soporte técnico e informático que realizará as seguintes funcións:

a) Distribución aos servidores de todas as salas dos cartóns de xogo.

b) Xeración aleatoria das bólas coa secuencia de números que constitúe a partida.

A xeración aleatoria das bólas será un proceso automático, sen posibilidade de cambio nin manipulación por parte da sala.

O sistema xerará dunha vez a secuencia numérica de extracción das 90 bólas e irá informando sucesivamente aos terminais informáticos de xogo da bóla que corresponde á extracción.

Nos terminais informáticos de xogo non se poderá visualizar de ningunha maneira a secuencia de bólas que aínda non foran extraídas.

c) Determinación das contías dos premios colectivos segundo o diñeiro recadado pola venda de cartóns en cada partida.

d) Verificación dos cartóns premiados.

e) Asignación do premio ou premios obtidos ao terminal informático de xogo que corresponda.

f) Rexistro da información xerada, ao instante de se producir, e arquivo dela, para a súa análise e para a confección de estatísticas, de conformidade co disposto no número anterior.

3. O servidor central estará situado en dependencias da empresa autorizada destinadas para tal efecto e debe existir unha réplica do equipamento informático do servidor central para entrar en funcionamento en caso de que quede fóra de servizo por calquera causa. Tanto o servidor central como a súa réplica deberán estar instalados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

En calquera caso, deberá garantirse a transferencia de información entre o servidor central e o servidor de cada sala, como condición indispensable para a participación nesta modalidade de xogo do bingo.

5. Cada sala de bingo deberá contar coa rede de comunicacións pertinentes e estar dotada dos medios informáticos que se describen neste anexo.

6. Así mesmo, o sistema debe permitir aos servizos de control e inspección do xogo, en calquera momento, comprobar o seu adecuado funcionamento, o bloqueo automático do servidor central, do servidor de sala e dalgún ou de todos os terminais informáticos de xogo instalados nas diferentes salas de bingo, acordado, no seu caso, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de xogo.

7. O sistema deberá estar en funcionamento durante todo o horario de apertura das salas de bingo a fin de que estas poidan estar conectadas á rede de bingo electrónico, e dispoñer dos medios técnicos que garantan a continuidade e seguridade da súa actividade.

Existirán determinados niveis de seguridade que garantan a fiabilidade e transparencia do xogo en todo momento.

III. Servidores de sala de bingo electrónico.

1. Cada sala de bingo autorizada deberá contar cun servidor de sala que estará formado por un equipamento informático composto por hardware tolerante a fallos cun sistema de alimentación ininterrompida, no cal vai instalado o propio sistema de xestión e control de xogo.

As chaves de acceso a router, ordenadores, sistemas operativos, así como as contas de administrador das bases de datos e programas, serán coñecidas e administradas por un número reducido de persoas.

O acceso físico aos ordenadores é controlado, e soamente permitido, a persoas autorizadas para tal fin e a persoas que vaian realizar un mantemento puntual, sempre con autorización e acompañamento dun responsable do sistema.

2. O servidor de sala conterá o sistema informático de xestión e control do xogo na sala, e constitúe o soporte técnico e informático que realizará as seguintes funcións:

a) Rexistro e control de operacións de adquisición de soportes de compra de cartóns e pagamento de premios.

b) Asignación aos terminais de xogo electrónico dos cartóns electrónicos adquiridos pola persoa xogadora en cada partida, onde plasme as diferentes extraccións de bólas que se van producindo no desenvolvemento da partida.

c) Recepción das bólas coa secuencia de números que constitúe a partida, xerada polo sistema central aleatoriamente.

d) Comunicación aos terminais informáticos de xogo das bólas coa secuencia de números que constitúen a partida.

e) Comunicación aos terminais informáticos de xogo das contías dos premios colectivos determinados polo sistema central segundo o diñeiro recadado pola venda de cartóns en cada partida.

f) Control de se algún dos cartóns que estean sendo xogados nos terminais de xogo electrónicos na sala obtén algunha das combinacións gañadoras dos premios en xogo e dos premios asignados a cada terminal informático de xogo.

g) Para o suposto de perda de comunicación co servidor central, procederá a anulación automática da partida na sala e a liquidación dela, enviando aos terminais da sala a correspondente mensaxe de anulación, con indicación dos premios obtidos ata ese momento e a súa correspondente liquidación no terminal ou terminais.

h) Rexistro de información xerada en todos os terminais informáticos de xogo da sala, ao instante de se producir.

Para tal fin, cada sala de bingo debera contar coa rede de comunicacións pertinentes e estar dotada dos medios informáticos que resulten necesarios.

IV. Terminal informático de xogo.

1. O terminal informático de xogo é o soporte de xogo individual de cada persoa xogadora a través do cal realiza a adquisición de cartóns electrónicos, participa nesta modalidade de xogo do bingo e recibe toda a información xerada polo servidor de sala e polo servidor central correspondente ao desenvolvemento desta modalidade de xogo do bingo.

2. Cada terminal de xogo electrónico deberá incorporar un mecanismo que permita identificar a tarxeta ou soporte prepagamento debidamente homologada que permite á persoa xogadora comprar cartóns e cobrar, se for o caso, os premios que obteña.

3. O terminal deberá poder informar, de forma completa e detallada, do número de cartóns adquiridos, do saldo que ten cada persoa xogadora (que se verá incrementado cada vez que obteña premio), do desenvolvemento da partida e da obtención de premios.

4. O terminal estará permanentemente comunicado co servidor de sala, debendo indicar, en caso contrario, de forma clara que o terminal xa non está operativo.

V. Sistema de comunicacións.

A sala comunícase mediante o sistema de comunicacións co servidor central do bingo electrónico. A comunicación é realizada mediante frame-relay, MPLS ou calquera outra tipoloxía que asegure as comunicacións para este sistema de xogo, sempre utilizando a posibilidade dunha liña backup.

A comunicación dentro da sala, así como entre o servidor de sala co servidor central, realizarase utilizando o protocolo TCPIIP de comunicación e o protocolo SSL para garantir a seguridade da información.

O sistema de comunicacións garantirá en todo momento o acceso de forma telemática aos servidores central e de sala e a calquera outro elemento activo por parte do persoal da dirección xeral competente en materia de xogo e do persoal da consellería competente en materia de facenda, debéndose garantir tamén a evolución tecnolóxica das comunicacións.

VI. Transaccións económicas.

As transaccións económicas realizaranse mediante un sistema centralizado de caixa seguro que garanta os mecanismos de cobramento e pagamento permitidos, así como unha xestión segura da base de datos que almacena a devandita información e permita a súa rastrexabilidade.