Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 22 de agosto de 2011 Páx. 25266

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 172/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica o Decreto 294/1992, do 10 de setembro, que regula o diploma de directivo.

Regula a obtención do diploma de directiva ou directivo o Decreto 294/1992, do 10 de setembro, na redacción dada polos decretos 1/1995, do 12 de xaneiro, e 319/1996, do 26 de xullo.

Desde a última modificación do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, o réxime xurídico da función pública de Galicia foi afectado pola promulgación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

O Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, establece no seu artigo 29.2 que para o desempeño dos postos de traballo de libre designación que así se determinen nas relacións de postos de traballo, atendendo á función que se vai desempeñar, será requisito necesario estar en posesión do diploma de directiva ou directivo expedido pola Escola Galega de Administración Pública ou equivalente dado por outras institucións públicas que habilite para o exercicio do posto de traballo de que se trate.

Transcorridos quince anos desde a última modificación do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directiva ou directivo, debemos ter en conta a problemática xurdida na súa aplicación, atendendo, por un lado, aos requirimentos dos empregados públicos que ata esta data estaban excluídos da súa realización e, por outro, a unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos recursos docentes mediante unha específica resposta formativa dirixida aos empregados públicos das administracións locais de Galicia.

Por tales motivos, resulta necesario introducir tres modificacións puntuais do Decreto 294/1992, do 10 de setembro.

A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, establece por primeira vez na nosa lexislación unha regulación xeral dos deberes básicos dos empregados públicos, fundada en principios éticos e regras de comportamento, que constitúe un auténtico código de conduta.

Na exposición de motivos do Estatuto básico do empregado público, declárase: «o servizo público aséntase sobre un conxunto de valores propios, sobre unha específica «cultura» do público que, lonxe de ser incompatible coas demandas de maior eficiencia e produtividade, é preciso manter e tutelar, hoxe coma onte». Neste sentido, o Estatuto dedica o seu capítulo VI (artigos, 52 53 e 54) aos «Deberes dos empregados públicos, código de conduta. Principos éticos e principios de conduta».

A formación é o xeito máis eficaz de garantir a aplicabilidade das normas éticas na Administración, formación nos valores e principios éticos que poña de manifesto, explícita e implicitamente, a través de módulos específicos e tamén como materia transversal, cales son os criterios de conduta pública aceptados ou rexeitados para os empregados públicos.

Resulta evidente que incrementar o nivel ético das administracións exixe reforzar, adaptar, crear e enriquecer as competencias dos empregados públicos nesta materia mediante esta formación en habilidades directivas e valores, que resulta especialmente importante nas directivas e directivos xa que, en definitiva, son os que, coa súa conduta, deberán servir de exemplo ético nos seus respectivos ámbitos de servizo público.

Actualmente o persoal laboral fixo que desempeña ou poida desempeñar funcións directivas en diversos centros de traballo dependentes da Xunta de Galicia ou dos seus organismos autónomos non está incluído como posible destinatario do curso para a obtención do diploma de directiva ou directivo.

É unha reivindicación constante do colectivo e das organizacións sindicais a inclusión dese persoal, moito máis cando a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (EBEP) inclúe, como dereito individual dos empregados públicos, sen distinción entre a natureza da súa relación funcionarial ou laboral, a formación continua e a actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais (arts. 8.2.c) e 14.g do EBEP).

A inclusión non só é unha reivindicación persoal e sindical, e vén amparada polo ordenamento xurídico, senón que resulta igualmente conveniente para a Administración pública, que podería formar do xeito máis adecuado tanto nos contidos coma na metodoloxía o persoal que no seu posto necesita habilidades directivas para desempeñalo conforme as necesidades dunha Administración pública modernizada, que preste aos cidadáns de xeito eficiente servizos de calidade.

Por iso, debemos incluír, como posible destinatario do curso para a obtención do diploma de directiva ou directivo o persoal laboral fixo incluído no Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, dos grupos I e II.

Inclúese o personal laboral fixo destes grupos por correspondencia coa actual inclusión dos funcionarios de carreira dos grupos A1 e A2, que son posibles destinatarios do curso consonte a normativa vixente.

Actualmente, os funcionarios de carreira da Administración local de Galicia concorren cos empregados públicos autonómicos na realización dos mesmos cursos para a obtención do diploma de directivas ou directivos.

Por un lado, non son moitos os seleccionados, xa que a maioría das prazas formativas están destinadas ao persoal da Administración autonómica; e, por outro, os contidos, a problemática e a metodoloxía do curso actual, orientado á Administración autonómica, non responden ás necesidades específicas das directivas e directivos da maioría das Administracións locais de Galicia.

Por iso, proponse que o decreto inclúa, cos mesmos efectos, a organización dun curso para a obtención do diploma de directiva ou directivo orientado exclusivamente aos funcionarios públicos da Administración local de Galicia, que permita elaborar contidos, casos e métodos adecuados á formación en habilidades directivas necesarias para este persoal.

O curso específico que xa existía para os altos cargos esténdese á formación de todos aqueles que requiran a forma de decreto para o seu nomeamento, e non só para os que sexan empregados públicos.

Neste sentido, resulta, se cabe, máis evidente a necesaria formación daqueles que non teñan esta condición, xa que, en definitiva, se trata dunha formación non só centrada en técnicas ou habilidades directivas, senón igualmente, de novo en palabras da exposición de motivos do Estatuto básico do empregado público, no servizo público, asentado sobre un conxunto de valores propios, sobre unha específica «cultura» do público que, lonxe de ser incompatible coas demandas de maior eficiencia e produtividade, é preciso manter e tutelar, hoxe coma onte.

E por iso que, conforme a técnica normativa e para non alterar o articulado do decreto, a modificación se realiza, no caso do curso destinado a altos cargos, simplemente modificando a disposición transitoria cuarta; e no caso do curso destinado a empregados públicos da Administración local, mediante a introdución dunha disposición adicional que inclúa a posibilidade de organización do devandito curso; cursos, tanto nun como noutro caso, diferentes tanto en convocatoria como en contido e desenvolvemento do destinado aos empregados públicos da Administración autonómica.

Nas disposicións modificadas, loxicamente, debemos ter en conta aquelas situacións administrativas equivalentes, canto aos seus efectos en relación coa formación, ao servizo activo e aos servizos especiais, que son os únicos considerados actualmente no decreto en vigor (por exemplo, excedencia polo coidado dun fillo ou filla ou dun familiar).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, oída a Mesa Xeral de Negociación e a Comisión de Persoal, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de agosto de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o artigo 2 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directiva ou directivo, que queda redactado como segue:

«Artigo 2

Poderá optar ao diploma de directiva ou directivo regulado neste decreto o persoal funcionario dos grupos A1 e A2, así como o persoal laboral fixo dos grupos I e II, sempre que estea en posesión dun título de licenciatura ou diplomatura universitaria, enxeñaría ou enxeñaría técnica, arquitectura ou arquitectura técnica, grao ou equivalente».

Artigo 2

Modifícase o artigo 4 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directiva ou directivo, que queda redactado como segue:

«Artigo 4

A convocatoria de cada curso, a duración, os horarios, o lugar de realización, as datas, así como o número de prazas, serán anunciados no Diario Oficial de Galicia pola Escola Galega de Administración Pública.

Serán requisitos necesarios para a realización do curso:

a) Estar na data da convocatoria en posesión do título de ensino superior ou diplomatura universitaria.

b) Estar en situación de servizo activo, ou servizos especiais, excedencia polo coidado dun fillo ou filla ou dun familiar, ou equivalente, en calquera das administracións públicas existentes en Galicia.

c) Ter prestado un mínimo de tres anos de servizos na Administración pública.

Nas convocatorias, dous terzos do total das prazas quedarán reservados ao persoal funcionario da Administración autonómica que estea comprendido no ámbito de aplicación do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, así como ao persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autonoma que estea ocupando postos de traballo de xestión sanitaria que non teñan carácter asistencial e ao persoal laboral fixo incluído no ámbito do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Ás prazas do terzo restante poderá optar o seguinte persoal:

– O restante persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

– O persoal estatutario fixo do Sistema Público de Saúde de Galicia.

– O persoal docente ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia».

Artigo 3

Introdúcese unha disposición adicional no Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directiva ou directivo, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional.

O contido e desenvolvemento do curso para a obtención do diploma de directiva ou directivo adaptarase á participación dos empregados públicos das entidades locais galegas».

Artigo 4

A disposición transitoria cuarta do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, quedará redactada como segue:

«Cuarta.

O contido e o desenvolvemento do curso para a obtención do diploma de directiva ou directivo adaptarase á participación de persoas que desempeñasen durante máis de un ano un posto de alto cargo que requira a forma de decreto para o seu nomeamento. A este respecto non será necesario o cumprimento dos requisitos que establecen os artigos 2 e 4».

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza