Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 17 de agosto de 2011 Páx. 23261

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2011 pola que se convoca un curso sobre aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010).

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia, derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010) con dúas edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo: curso.

Denominación: aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010).

Horas lectivas: 30.

Modalidade: en liña.

Edicións: dúas.

Obxectivos: o curso sobre aplicacións informáticas de follas de cálculo (Microsoft Excel 2010) ten como obxectivo o coñecemento e manexo desta ferramenta.

Contido:

1.º Libros e follas en Excel.

2.º Creación de series e arrastrado de fórmulas.

3.º Estilos e formatado de celas.

4.º Fórmulas e referencias.

5.º Traballar con bases de datos en Excel.

6.º Formatos avanzados de gráficas.

7.º Manipulación de macros.

8.º Impresión, exportación, ortografía, idioma…

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido ao persoal profesional e voluntario do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Prazas ofertadas: 40 por edición.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que dexexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe «Actividades formativas», «Cursos con inscrición aberta», de acordo co disposto na base 4.ª desta resolución.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Cada usuario deberá ter unha conta de correo electrónico persoal.

d) Será necesario consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

f) O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse á epígrafe «Actividades formativas», «Cursos con inscrición aberta» e premer no enlace «Formulario». Unha vez cubertos os datos debe seleccionar «Enviar».

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

Para facilitar as posibles notificacións ou avisos telefónicos, se a persoa solicitante ten teléfono móbil é conveniente que poña soamente ese número nos campos do formulario de solicitude destinados a ese fin.

No campo do formulario de solicitude chamado «Entidade» debe describirse de xeito completo e resumido o colectivo a que pertence o solicitante.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 38, 886 20 61 12 e 886 20 61 37, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

Na selección empregaranse os criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Se non hai suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará, no sitio web: http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas comprendidas na listaxe de admitidos serán inscritas pola Agasp na plataforma de formación en liña e comunicaráselles por correo electrónico. As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia nas 48 horas seguintes á recepción do correo electrónico. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

7. Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónico ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC.

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

– Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

– Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado) ou Internet Explorer 6.0 ou superior.

– Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

– Para ver os documentos en PDF necesítase ter instalado Acrobat Reader.

– Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

8. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

Data de comezo: 3 de outubro.

Data de remate: 31 de outubro.

Cuestionarios e tarefas:

Durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá cubrir unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación. Non cubrir algún no prazo establecido será sancionado coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non teñan un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e as tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

9. Proba final.

A proba final desenvolverase de acordo coas seguintes indicacións:

1. Proba ordinaria: poderase optar polo día 10 de novembro ás 17.30 ou polo día 11 de novembro ás 12.30 horas, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

2. Proba extraordinaria: o alumnado que non superase a proba ordinaria terá a posibilidade dun exame extraordinario o día 24 de novembro ás 17.00 horas na sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

10. Certificado de aproveitamento.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

– Superación dos cuestionarios.

– Formalización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

– Superación da proba presencial final do conxunto do curso.

11. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

12. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

13. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 5 de agosto de 2011.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública