Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 11 de agosto de 2011 Páx. 23074

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de agosto de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se somete a información pública o borrador do proxecto da orde pola que se actualiza o Catálogo galego de árbores senlleiras.

De conformidade co artigo 16.1 a) da Lei 27/2006, do 18 de xuño, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desta lei, as administracións públicas, ao establecer ou tramitar os procedementos que resulten de aplicación, velarán porque se informe o público, mediante avisos públicos ou outros medios apropiados, como os electrónicos, cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

Dentro das materias sobre as cales deben as administracións públicas asegurar que se observen as garantías en materia de participación, atópase a materia de conservación da natureza, diversidade biolóxica, segundo o artigo 18 da Lei 27/2006, do 18 de xuño.

Por outra banda, e de conformidade co parágrafo segundo do artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública.

A través desta orde preténdense incluír diversos exemplares e formacións nos correspondentes anexos do Catálogo galego de árbores senlleiras.

Na súa virtude e de conformidade co artigo 16.1 a) da Lei 27/2006, do 18 de xuño, e co artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro,

ACORDO:

Someter a información pública, por un prazo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación deste acordo, o borrador do proxecto da orde pola que se actualiza o Catálogo galego de árbores senlleiras.

O borrador do proxecto da orde pola que se actualiza o Catálogo galego de árbores senlleiras poderase consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural:

http://mediorural.xunta.es/nc/transparencia/elaboracion_de_disposicions_proxectos_e_actos_administrativos/

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2011.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza