Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 11 de agosto de 2011 Páx. 23009

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de xullo de 2011 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo da Mariña (Imdecum).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo da Mariña (Imdecum) con domicilio na praza da Mariña, número 3, en Burela (Lugo).

Feitos:

1. Marcelino Luna Almarza, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo da Mariña (Imdecum) foi constituída en escritura pública outorgada en Viveiro, o 14 de outubro de 2010, ante o notario Miguel Ángel Delgado Gil, co número de protocolo 1.035, José Luis Sáez Castro, Marcelino Luna Almarza e Manuel Blanco Fanego, que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi complementada por outra outorgada en Viveiro, o 27 de maio de 2010, ante o notario Jorge Ron Latas co número de protocolo 184.

3. Segundo consta no artigo 9 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto: o impulso, promoción e coordinación da actividade deportiva, cultural, educativa e turística; o fomento dos valores de igualdade, tolerancia, solidariedade, cooperación, integración, e todos aqueles vencellados ao deporte, mediante a práctica deportiva, principalmente da infancia, xuventude, terceira idade e muller, e daquelas persoas e colectivos con maior risco de exclusión; así como difundir, desenvolver e preservar o patrimonio histórico, cultural, natural e turístico de Galicia, característico da comarca da Mariña.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Marcelino Luna Almarza, como presidente; Manuel Blanco Fanego, como vicepresidente; José Luis Sáez Castro, como secretario; e a Sociedade Pescados Ruben, S.L., representada por Rubén Blanco Fernández; a Sociedade Eje Atlántico 3000, S.L., representada por Javier Cora Díaz; a Asociación C.D. Burela F.S., representada por Manuel García Domínguez; a Sociedade Living Sport, S.L., representada por Antonio Couto Díez e a Sociedade Oxem Sport, S.L., representada por Diego Villalba Fiallega, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo da Mariña (Imdecum), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de xuño de 2011.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo da Mariña (Imdecum), adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza