Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 10 de agosto de 2011 Páx. 22887

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 1 de agosto de 2011 pola que se modifica a do 7 de maio de 2010 que desenvolve o réxime das axudas á constitución e ao funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e se convocan as ditas axudas para o ano 2011.

A constitución de agrupacións de produtores no ámbito da produción agrícola e concretamente na produción de planta ornamental e flor é unha medida que incide principalmente na concentración da oferta das producións, contribuíndo a minorar o impacto negativo da estacionalidade e facilitando a introdución en novos mercados comerciais co fin de elevar, en definitiva, o nivel de competitividade destas producións e de diversificar e dinamizar o medio rural.

A través do Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, establecíase a regulación e o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e as axudas á súa constitución e ao seu funcionamento.

O apoio á formación de estruturas de produción ben dimensionadas e acordes aos retos produtivos e comerciais do mercado establécese na actualidade a través das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2007-2013 (2006/C 319/01), que permiten subvencionar con fondos estatais actuacións que contribúan a mellorar a competitividade do sector agrario sen vulnerar o libre mercado.

A Orde do 7 de maio de 2010 (DOG n.º 93, do 19 de maio) desenvolveu as normas para aplicar na Comunidade Autónoma de Galicia o réxime de axudas para a constitución e o funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura. As ditas axudas teñen por obxecto sufragar os gastos de carácter técnico, legal e administrativo como consecuencia da constitución desas agrupacións, así como aqueles gastos anuais derivados do seu funcionamento ordinario, ata un máximo de 5 anos posteriores á data na que se fixo efectivo o seu recoñecemento.

O réxime das axudas é de concorrencia non competitiva, de acordo ao artigo 19.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida en que a súa concesión está supeditada a entidades cunhas específicas condicións, sendo estas limitadas no seu número e non podendo ademais efectuar a súa comparación no tempo, polo que non é necesario establecer unha prelación e comparación entre as solicitudes. Así mesmo, e co obxecto de garantir a coherencia co réxime de concorrencia non competitiva, fai conveniente modificar o número 2 do artigo 8 da Orde do 7 de maio.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, de acordo ao seu artigo 30.3.º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1.º, 11 e 13 da Constitución.

A Consellería do Medio Rural, en virtude da Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, exerce a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria as competencias sobre a promoción das asociacións e agrupacións agrogandeiras. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar a do 7 de maio de 2010, que desenvolve o réxime das axudas á constitución e ao funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura na Comunidade Autónoma de Galicia e convocar as axudas para o ano 2011.

Sección 1.ª Modificación da Orde do 7 de maio de 2010

Artigo 2.

Introdúcese a seguinte modificación na Orde do 7 de maio de 2010, pola que desenvolve o réxime das axudas á constitución e ao funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura (DOG n.º 93, do 19 de maio).

Modificación do número 2 do artigo 8 da Orde do 7 de maio.

O número 2 do artigo 8 da orde do 7 de maio quedará redactado como segue:

«2. A solicitude de axuda realizarase no prazo que se sinale na correspondente convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural».

Sección 2.ª Convocatoria para o ano 2011

Artigo 3. Convocatoria e procedemento de concesión.

Convócanse as axudas á constitución e ao funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para o ano 2011 en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo coa Orde do 7 de maio de 2010, pola que desenvolve o réxime das axudas á constitución e ao funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e coa modificación establecida na sección primeira desta orde.

Artigo 4. Condicións e finalidade.

1. Os solicitantes destas axudas deberán cumprir os requisitos e as obrigas establecidos na Orde do 7 de maio de 2010 (DOG n.º 93, do 19 de maio).

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar a constitución de agrupacións de produtores no ámbito das plantas ornamentais e da flor co obxecto de concentrar a oferta de produto e, en consecuencia, atenuar a estacionalidade das producións, mellorar a organización e diversificación dos produtos e reducir custos de produción para acadar, en definitiva, maior eficiencia produtiva e capacidade negociadora nos mercados nacionais e internacionais.

Artigo 5. Solicitude, xestión e xustificación.

1. As solicitudes de axuda e os anexos correspondentes formularanse conforme os modelos que se xuntan nesta orde.

2. Os beneficiarios, os conceptos subvencionables e a contía da axuda, a documentación, o procedemento de xestión e a xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 7 de maio de 2010, pola que se desenvolve o réxime das axudas á constitución e ao funcionamento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura.

3. A xustificación do cumprimento das actividades subvencionables de acordo coa dita orde achegaraa o beneficiario no prazo de dez días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda, e sempre anterior ao 15 de decembro, incluído este.

Artigo 6. Prazo de solicitude de axuda.

O prazo de solicitude será ata o 30 de novembro de 2011. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Financiamento das axudas.

As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos fondos transferidos polo MARM, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e conforme o establecido no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.712C 770.3, cunha dotación de 61.908 euros.

Esta dotación poderase ver incrementada con outros remanentes orzamentarios destas ou doutras aplicacións, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución.

Facultase a persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para que dite os actos necesarios para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2011.

Samuel Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file