Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 9 de agosto de 2011 Páx. 22788

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 165/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial OU-0405 Maside-Cea en prol do Concello de Maside.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Maside solicitou á Deputación Provincial de Ourense o cambio de titularidade da estrada OU–0405 Maside–Cea entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+275.

Ao amparo das mencionadas previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Ourense acordou o cambio de titularidade en prol do Concello de Maside da estrada OU–0405 Maside–Cea entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+275.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera axeitado o cambio de titularidade tendo en conta que a devandita vía adquiriu características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Maside da estrada OU–0405 Maside–Cea entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+275.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Maside deberá incorporar ao seu Plan de Estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponden ao Concello de Maside, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas