Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 9 de agosto de 2011 Páx. 22790

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 166/2011, do 28 de xullo, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de mellora da estabilidade do noiro de desmonte entre os p.q. 85+160 e 85+320 da marxe esquerda da autoestrada AG-53, no concello de Ourense (clave OU/03/042.01.5.3).

Con data do 12 de maio de 2011 a Dirección Xeral de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de mellora da estabilidade do noiro de desmonte entre os p.q. 85+160 e 85+320 da marxe esquerda da autoestrada AG-53, no concello de Ourense (clave OU/03/042.01.5.3).

O obxecto deste proxecto é a análise da estabilidade do noiro de desmonte situado entre os p.q. 85+120 e 85+320 da autoestrada AG-53 (Santiago–Ourense), xa que en novembro do pasado ano foi detectada unha greta na superficie do noiro de desmonte, na súa marxe esquerda, que evidenciaba signos de inestabilidade da aba situada sobre a dita fractura. A raíz disto xorde a necesidade de execución de obras para mellorar a estabilidade deste noiro, co desempeño urxente e provisional dunha pantalla de protección contra desprendementos, e como solución definitiva o tendido do noiro.

Proxéctase a diminución da pendente do noiro de desmonte ata facela lixeiramente inferior á pendente da superficie de descontinuidade predominante, evitando así a xeración de cuñas e superficies de rotura que poidan poñer en risco a estabilidade do propio desmonte.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesidade de solucionar os problemas de estabilidade en zonas concretas do noiro de desmonte da autoestrada AG-53 Alto de Santo Domingo–A-52, especialmente en épocas de meteoroloxía desfavorable, xa que se presentan caudais e niveis de auga máis elevados dos existentes na actualidade.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación ao departamento competente, actualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación do proxecto de mellora da estabilidade do noiro de desmonte entre os p.q. 85+160 e 85+320 da marxe esquerda da autoestrada AG-53, no concello de Ourense (clave OU/03/042.01.5.3).

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas