Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 1 de agosto de 2011 Páx. 21824

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de xullo do 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de xestión integrada da Coruña e de Santiago de Compostela.

Por medio do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regúlase a estrutura organizativa de xestión integrada como instrumento de organización no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas de xestión sanitaria integrada asumen a xestión funcional dos recursos, as prestacións e os programas de atención sanitaria, sociosanitaria e de promoción e protección da saúde na zona de influencia.

Ademais de establecer o réxime xeral das xerencias e a súa estrutura básica o citado decreto crea, no seu artigo 1, as estruturas organizativas de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela.

De acordo co artigo 3 do decreto, a estrutura básica de xestión integrada está formada por órganos unipersoais e colexiados. Como órganos unipersoais sinálanse a Xerencia de Xestión Integrada, a Dirección de Procesos Asistenciais, a Dirección de Recursos Económicos, a Dirección de Recursos Humanos e a Xerencia Executiva.

No Decreto 168/2010 tamén se sinala que poderán existir outras unidades directivas dependentes dos órganos antes citados, no caso de que se considere necesario, segundo o desenvolvemento e a complexidade das xerencias e dos propios centros hospitalarios que se integran nelas.

Na súa virtude, de acordo co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no decreto antes citado, por proposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO

Artigo 1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o desenvolvemento da estrutura organizativa de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela, de conformidade co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Xerencias de Xestión Integrada.

De cada Xerencia de Xestión Integrada da Coruña e Santiago de Compostela dependerán:

1) Subdirección de Sistemas de Información.

2) Subdirección de Calidade, Atención ao Paciente e Admisión.

Artigo 3. Dirección de Procesos Asistenciais.

1. Da Dirección de Procesos de Enfermaría dependerán catro subdireccións de Procesos Asistenciais da Área de Enfermaría.

2. Dependendo das direccións de Procesos con Ingreso, de Procesos sen Ingreso e Urxencias, e de Soporte poderán existir catro subdireccións de Procesos Asistenciais da Área Médica. A adscrición de cada unha destas subdireccións será realizada polo Xerente de Xestión Integrada, segundo as necesidades e logo de aprobación pola presidenta do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 4. Dirección de Recursos Económicos.

Da Dirección de Recursos Económicos dependerán dúas subdireccións da Área de Recursos Económicos

Artigo 5. Dirección de Recursos Humanos.

Da Dirección de Recursos Humanos dependerá una subdirección da Área de Recursos Humanos.

Artigo 6. Xerencias executivas de Cee e do Barbanza.

De cada unha das xerencias executivas de Cee e do Barbanza existirá a seguinte estrutura.

a) Subdirección Médica

b) Subdirección de Enfermaría.

c) Subdirección de Xestión.

Disposición derradeira.

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2011.

M.ª Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade