Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 29 de xullo de 2011 Páx. 21633

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de asistencia en actividades e en instalacións deportivas en Galicia.

O Real decreto 146/2011, do 4 de febreiro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, pertencente á familia profesional de actividades físicas e deportivas, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle na súa disposición adicional terceira que os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1 incluídos nos programas de cualificación profesional inicial desenvolven a competencia do perfil profesional e formarán parte da formación profesional do sistema educativo, e determina que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais conforme o tecido produtivo de Galicia.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de asistencia en actividades e en instalacións deportivas en Galicia.

Segundo. Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de asistencia en actividades e en instalacións deportivas queda identificado polos seguintes elementos:

– Denominación: asistencia en actividades e en instalacións deportivas.

– Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

– Duración: 580 horas.

– Familia profesional: actividades físicas e deportivas.

Terceiro. Competencia xeral.

Realizar operacións auxiliares de organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, conforme as directrices establecidas na programación de referencia, en condicións de calidade e seguridade, sempre desde un trato afable que permita conseguir a participación e a satisfacción de todos os tipos de usuarios.

Cuarto. Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan:

a) Asistir no control de acceso e circulación na instalación deportiva e informar o responsable superior das incidencias producidas.

b) Realizar operacións relacionadas co cobramento ás persoas usuarias, de xeito que se cumpran os criterios e os procedementos de organización para o uso da instalación e das súas actividades.

c) Recibir as persoas usuarias e informalas sobre as normas de uso da instalación deportiva e as actividades que se ofrecen.

d) Acompañar e asistir as persoas usuarias na zona de actividades considerando as súas capacidades e o seu grao de autonomía persoal, para garantir a súa participación e a súa seguridade.

e) Comprobar os datos das persoas usuarias utilizando medios manuais e mecánicos previstos no protocolo de uso.

f) Distribuír e recoller o material vinculado ás actividades que se realicen, así como comprobar o seu estado e comunicar as incidencias aos técnicos deportivos e ao responsable superior, de ser o caso.

g) Realizar operacións relacionadas coa organización e a distribución espacial das persoas usuarias, colaborar co técnico responsable da actividade e asistir con prioridade as persoas participantes con problemas de mobilidade.

h) Realizar operacións auxiliares relacionadas coa organización de xornadas, eventos e competicións para asistir o persoal técnico responsable do seu desenvolvemento.

i) Revisar o estado da instalación deportiva para garantir a seguridade no desenvolvemento das actividades.

j) Realizar as operacións auxiliares que permitan xerar un contorno seguro en situacións de emerxencia e evacuación, para favorecer a seguridade das persoas usuarias e do persoal da instalación deportiva.

k) Realizar operacións de apoio en situacións de accidente ou emerxencia, para prestar a atención inicial previa aos coidados facultativos e de primeiros auxilios dun técnico superior.

l) Adaptarse á organización específica da empresa, integrándose no sistema de relacións técnico-laborais.

m) Comunicarse eficazmente coas persoas adecuadas en cada momento, respectando as canles establecidas na organización.

n) Executar as intervencións de acordo coas instrucións recibidas, seguindo o protocolo establecido e aplicando os procedementos específicos da empresa.

ñ) Manter hábitos de orde, puntualidade, responsabilidade e pulcritude ao longo da actividade.

o) Demostrar as actitudes de cortesía, respecto e discreción requiridas na atención á clientela.

p) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e prestar atención ás innovacións que se produzan dentro do sector e que poidan fomentar o propio desenvolvemento profesional.

q) Demostrar certa autonomía na resolución de pequenas continxencias básicas relacionadas coa súa actividade.

r) Empregar tempo e esforzo en ampliar coñecementos e información complementaria.

Quinto. Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, AFD500_1 (Real decreto 146/2011, do 4 de febreiro), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

– UC1631_1: realizar operacións auxiliares de control de acceso e circulación na instalación deportiva, e asistir os usuarios no uso desta.

– UC1632_1: realizar a asistencia operativa aos técnicos deportivos durante o desenvolvemento das súas actividades en instalacións deportivas.

– UC1633_1: realizar operacións preventivas para mellorar a seguridade na instalación deportiva e iniciar a asistencia en caso de emerxencia.

Sexto. Ámbito profesional.

1. Desenvolve a súa actividade profesional por conta allea, tanto no ámbito público (Administración xeral do Estado e administracións autonómicas ou locais) como en entidades de carácter privado, xa sexan grandes, medianas ou pequenas empresas, ximnasios e federacións deportivas, piscinas, espazos naturais, parques acuáticos, empresas de servizos deportivos, empresas de turismo activo, hoteis, cámpings, balnearios e centros de SPA, empresas de xestión deportiva, clubs e asociacións deportivo-recreativas e de lecer, comunidades de veciños, centros educativos e instalacións deportivas afíns, baixo a supervisión directa e sistemática dun responsable superior.

2. Localízase nos sectores do deporte, lecer e tempo libre, e turismo.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

– Auxiliar de control de instalacións deportivas.

– Expendedor/a de entradas.

– Acompañante de usuarios en instalacións deportivas.

Sétimo. Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I da presente resolución.

2. Son os que se relacionan:

– ME0115. Asistencia a usuarios e control de accesos.

– ME0116. Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

– ME0117. Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

– ME0118. Formación en centros de traballo.

Oitavo. Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante cerramentos.

Noveno. Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en ámbitos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo. Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro. Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en ámbitos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

1. Anexo I: módulos específicos.

1.1. Módulo específico: asistencia a usuarios e control de accesos.

• Código: ME0115.

• Duración: 186 horas.

1.1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Define sistemas de acceso de persoas usuarias a instalacións deportivas.

– CA1.1. Definíronse sistemas de acceso de persoas usuarias a instalacións deportivas.

– CA1.2. Identificouse a normativa de acceso e o uso de instalacións deportivas.

– CA1.3. Enumeráronse as características e os requisitos para un acceso seguro e unha circulación eficaz das persoas usuarias nas instalacións deportivas.

– CA1.4. Describiuse en medios gráficos unha localización espacial das persoas usuarias.

• RA2. Define os sistemas de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas para as persoas usuarias con limitacións da súa autonomía persoal e menores de idade en instalacións deportivas.

– CA2.1. Identificouse a normativa e os protocolos de uso e accesibilidade para persoas discapacitadas en instalacións deportivas.

– CA2.2. Identificouse a normativa e os protocolos de uso e accesibilidade para menores de idade en instalacións deportivas.

– CA2.3. Identificáronse os elementos materiais auxiliares para persoas con limitacións da súa autonomía e menores de idade no uso de instalacións deportivas e o seu equipamento básico.

– CA2.4. Identificáronse as peculiaridades de diversos tipos de persoas usuarias, e adaptouse a información á súa capacidade e ás súas características.

– CA2.5. Nun suposto práctico de atención a persoas usuarias, aplicáronselles os procedementos de asistencia na mobilidade ás que teñan limitacións da súa autonomía persoal e a menores de idade.

• RA3. Aplica operacións de cobramento e de pagamento identificando os requisitos dos xustificantes das operacións, os emisores e os receptores, así como os importes e os cálculos.

– CA3.1. Distinguiuse a función, os elementos e os requisitos dos medios de pagamento habituais.

– CA3.2. Describiuse a normativa básica que regula os medios de pagamento habituais.

– CA3.3. Diferenciáronse as variables fundamentais que interveñen no cálculo do importe de operacións de tesouraría sinxelas.

– CA3.4. Formuláronse os procedementos básicos para o cálculo de importes correspondentes a operacións de tesouraría sinxelas.

– CA3.5. Identificáronse as funcións básicas das entidades financeiras en relación cos documentos e os procedementos de xestión de pagamentos e cobramentos habituais.

– CA3.6. Nun suposto práctico de simulación en que se proporcione documentación administrativa de operacións de tesouraría sinxelas e diñeiro simulado:

– Clasificáronse os documentos en función da información proporcionada.

– Verificáronse os cálculos dos importes dos medios e os xustificantes de cobramento e pagamento proporcionados.

– Elaboráronse cadros dos xustificantes de cobramento e pagamento proporcionados, e calculouse o saldo resultante.

– Comprobouse a correspondencia entre a información proporcionada polos medios de pagamento e o cadro elaborado, e propuxéronse, de ser o caso, as correccións que procedan.

– Actualizáronse os arquivos convencionais dos documentos proporcionados.

– Actualizouse e rexistrouse a información proporcionada polos documentos propostos utilizando as funcións básicas de aplicacións informáticas de xestión de tesouraría.

– Identificouse a validez do diñeiro en efectivo.

– Utilizouse diñeiro simulado en operacións ao contado e realizáronse os cálculos necesarios.

– Realizouse o cadramento das operacións propostas.

• RA4. Identifica a normativa e os protocolos de uso, circulación e actividades en instalacións deportivas.

– CA4.1. Identificouse a normativa relativa á circulación das persoas usuarias en instalacións deportivas.

– CA4.2. Identificouse a normativa relativa ao uso de armarios, vestiarios, zonas de aseo, duchas e outras instalacións deportivas auxiliares das instalacións deportivas.

– CA4.3. Identificouse a normativa relativa ao uso das instalacións deportivas, á seguridade e á hixiene.

– CA4.4. Identificouse a normativa relativa ás actividades en instalacións deportivas.

• RA5. Aplica técnicas de comunicación e de atención ás persoas usuarias relacionadas coa empresa en instalacións deportivas.

– CA5.1. Identificáronse as canles de comunicación que se utilizan en instalacións deportivas.

– CA5.2. Definíronse as características de comunicación interna en organizacións empresariais.

– CA5.3. Identificáronse os sistemas de dependencia en organizacións de recursos humanos en empresas do sector deportivo.

– CA5.4. Identificáronse e aplicáronse protocolos de comunicación interempresarial.

– CA5.5. Describiuse un protocolo para tratamento de queixas, reclamacións e suxestións.

– CA5.6. Nun suposto práctico de atención a persoas usuarias, aplicáronse sistemas de comunicación con menores de idade e con persoas usuarias cuxa capacidade física ou sensorial estea limitada.

• RA6. Aplica técnicas de control e vixilancia en accesos, saídas e circulación de persoas usuarias por diversas zonas de instalacións deportivas, tendo en conta as menores de idade.

– CA6.1. Describiuse un protocolo de vixilancia e control de persoas usuarias en diversas zonas onde se desenvolven actividades nunha instalación deportiva.

– CA6.2. Describiuse un protocolo de vixilancia e control de persoas usuarias en vestiarios, servizos e instalacións anexas nunha instalación deportiva.

– CA6.3. Describiuse un protocolo de acompañamento a persoas usuarias e grupos, tendo en conta as menores de idade e as discapacitadas.

– CA6.4. Describiuse un protocolo de acompañamento a persoas usuarias no suposto de que o servizo inclúa un transporte colectivo.

– CA6.5. Nun suposto práctico de control e vixilancia de instalacións deportivas, aplicáronse procedementos de comunicación de incidencias debidas ao incumprimento da normativa por parte dalgunhas persoas usuarias.

– CA6.6. Nun suposto práctico de control e vixilancia de instalacións deportivas aplicouse un protocolo de actuación avisando as forzas de orde pública e informando os corpos de vixilancia privados.

1.1.2. Contidos básicos.

Tipos e características de instalacións deportivas.

• Barreiras arquitectónicas e adaptación das instalacións deportivas a calquera tipo de persoas usuarias.

• Materiais auxiliares para o desenvolvemento das actividades deportivas: aplicación e uso.

• Material auxiliar para o desenvolvemento das actividades deportivas: aplicación e uso para persoas con limitacións da súa autonomía.

• Sistemas de seguridade dos aparellos e das máquinas das instalacións deportivas. Seguridade e hixiene nas instalacións deportivas.

• Sistemas de accesos, circulación de persoas usuarias e control de cabidas.

• Técnicas de distribución de grupos.

• Sinalizacións de uso e emerxencia.

• Sistemas de control e vixilancia.

Normativa das instalacións e actividades deportivas.

• Normativa e protocolos de accesos e de circulación en instalacións deportivas: comparativa por comunidades autónomas.

• Normativa e protocolo de uso das instalacións deportivas en vestiarios e armarios, duchas e aseos, zona de praia, vasos, salas e instalacións deportivas anexas.

• Normativa e protocolo de uso das instalacións deportivas con menores de idade e grupos especiais.

• Titoría e tutela de menores de idade e persoas con discapacidade.

• Transporte colectivo.

• Seguridade e prevención de riscos laborais nas instalacións deportivas. Protocolos de actuación no aviso ás forzas de orde pública.

• Responsabilidade civil e penal.

• Seguros en instalacións deportivas.

Tramitación de operacións básicas de cobramentos e pagamentos.

• Operacións de cobramento e pagamento: funcións, características e técnicas de xestión. Descrición de medios de pagamento: cartóns de crédito e de débito, moedeiro electrónico e outros medios análogos.

• Modelos de documentos de cobramento e pagamento, convencionais ou telemáticos.

• Documentación correspondente a operacións elementais de tesouraría.

• Impresos correspondentes aos servizos bancarios. Procedementos de cadramento de caixa.

• Uso de aplicacións informáticas de xestión de caixa en operacións sinxelas de cobramentos e pagamentos.

Técnicas de comunicación e atención á persoa usuaria.

• Tipoloxía de clientes en función da idade.

• Factores que favorecen a comunicación nas relacións interpersoais. Modelos, normas e estilos de comunicación.

• Uso da linguaxe icónica e da linguaxe audiovisual.

• Comunicación con usuarios con discapacidade sensorial.

• Pautas básicas na resolución de conflitos.

• Comunicación de incidencias.

• Tratamento de queixas e reclamacións.

• Sistemas, vías e soportes informativos nas instalacións deportivas.

1.1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de realización de operacións auxiliares de control de acceso e circulación na instalación deportiva e asistencia ás persoas usuarias no uso da instalación.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Asistencia no control de acceso e circulación na instalación deportiva, e información ao responsable superior das incidencias producidas.

– Realización das operacións relacionadas co cobramento ás persoas usuarias para cumprir cos criterios e os procedementos de organización.

– Recepción das persoas usuarias e información sobre as normas de uso da instalación deportiva e as actividades que se ofrezan.

– Acompañamento e asistencia ás persoas usuarias na zona de actividades atendendo ás súas capacidades e ao seu grao de autonomía persoal, para garantir a súa participación e a súa seguridade.

1.2. Módulo específico: asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

• Código: ME0116.

• Duración: 117 horas.

1.2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Aplica protocolos utilizados no control de datos de persoas usuarias e normativa de protección destas.

– CA1.1. Identificouse a normativa básica e os protocolos de protección de datos persoais.

– CA1.2. Determináronse os principais sistemas de protección de datos en función do seu nivel de confidencialidade.

– CA1.3. Identificáronse sistemas e soportes de listaxes, arquivo e control de datos de persoas usuarias.

– CA1.4. Nun suposto práctico en que se definise un protocolo para o control de listaxes, aplicouse un sistema de control de listaxes de persoas usuarias sobre uns datos predefinidos.

• RA2. Identifica o material auxiliar que se utiliza nas actividades dunha instalación deportiva.

– CA2.1. Identificouse o material auxiliar en relación co nivel de actividade das persoas usuarias.

– CA2.2. Identificouse o material auxiliar en relación coa idade das persoas usuarias.

– CA2.3. Identificouse o material auxiliar en relación coa tipoloxía das actividades e as instalacións deportivas.

– CA2.4. Nun suposto práctico de actividade deportiva, aplicáronse sistemas de recollida e almacenamento do material auxiliar.

– CA2.5. Nun suposto práctico de actividade deportiva aplicáronse técnicas de rexistro e actualización do inventario de material nunha instalación deportiva.

• RA3. Aplica técnicas de accesibilidade e distribución de grupos para atender calquera tipo de persoas usuarias e para garantir a súa participación na actividade en instalacións deportivas.

– CA3.1. Describíronse sistemas de distribución do material auxiliar, de aseo, etc., que se facilitan ás persoas usuarias dunha instalación deportiva.

– CA3.2. Nun suposto práctico de actividade deportiva aplicáronse técnicas de información e difusión da información en distintos soportes.

– CA3.3. Nun suposto práctico de actividade deportiva aplicáronse técnicas de distribución de persoas usuarias e grupos segundo criterios previamente definidos.

– CA3.4. Nun suposto práctico de actividade deportiva, colaborouse co técnico na distribución de material ao grupo de persoas usuarias.

– CA3.5. Nun suposto práctico de actividade deportiva aplicáronse procedementos de asistencia a persoas con discapacidade e menores de idade, facilitando o acceso e a saída da zona de actividades, o uso de material auxiliar e o desenvolvemento da actividade.

– CA3.6. Nun suposto práctico de actividade deportiva aplicáronse tarefas de vestimenta e apoio no uso de vestiarios, aseos e duchas ás persoas con limitacións da súa autonomía e menores de idade.

• RA4. Aplica técnicas de asistencia en organización e desenvolvemento de eventos deportivos.

– CA4.1. Identificáronse as accións de comunicación para a difusión da competición, o evento ou o concurso recreativo ou deportivo, entre potenciais participantes, e definíronse os obxectivos e os medios dispoñibles para a súa organización.

– CA4.2. Nun suposto práctico de organización de evento, en que se definisen os obxectivos e os medios dispoñibles:

– Cotexáronse as listas de participación que permitan o seguimento do evento ou da competición.

– Comprobouse o número máximo de participantes por actividade segundo as normas establecidas.

– Aplicáronse as medidas de seguridade establecidas.

– CA4.3. Nun suposto práctico de competición deportiva:

– Coñeceuse a normativa e os regulamentos específicos de cada proba, así como os criterios e a documentación imprescindible.

– Recolléronse os datos e os resultados obtidos na competición.

– Coñecéronse os protocolos de actuación no desenvolvemento de competicións, organización de eventos, entrega de premios e atención a autoridades.

• RA5. Identifica e aplica mecanismos de megafonía, control e arbitraxe en eventos deportivos.

– CA5.1. Enumeráronse mecanismos de megafonía e sistemas de comunicación en instalacións deportivas.

– CA5.2. Nun suposto práctico de organización de evento ou competición deportiva:

– Comprobáronse as medidas de seguridade da instalación deportiva.

– Comprobouse o funcionamento dos medios de comunicación entre puntos da instalación deportiva.

– Comprobouse a operatividade dos recursos e dos sistemas de comunicación que se vaian utilizar.

– Aplicouse o protocolo establecido en función do tipo de actividade e das características das persoas usuarias.

– Formalizouse a documentación que derive do desenvolvemento do acto.

– Identificáronse e utilizáronse os instrumentos precisos para o control e a arbitraxe da competición ou o evento.

– Aplicouse o protocolo establecido para o desenvolvemento da competición e para o rexistro dos resultados.

– CA5.3. Nun suposto práctico de actividade deportiva identificáronse e aplicáronse mecanismos de control e arbitraxe durante un evento.

1.2.2. Contidos básicos.

Técnicas e normativa básica sobre control de persoas usuarias en instalacións deportivas.

• Normativa sobre protección de datos persoais.

• Protocolo e soportes de arquivo e control de datos de persoas usuarias.

• Confidencialidade dos datos: niveis.

• Sistemas de control de datos e listaxes de persoas usuarias.

Distribución e uso do material auxiliar nas actividades deportivas.

• Tipoloxía en función do nivel, a idade e a capacidade das persoas usuarias.

• Tipoloxía en función das actividades e das instalacións deportivas.

• Sistemas de almacenamento e de inventariación.

• Material auxiliar de hixiene para persoas usuarias nas instalacións deportivas.

Aplicación de técnicas auxiliares en eventos e competicións en instalacións deportivas.

• Tipos de eventos e competicións.

• Mecanismos de megafonía e outros sistemas e soportes de comunicación.

• Arbitraxe de eventos e competicións en instalacións deportivas: aparellos e mecanismos.

• Actos protocolarios. Protocolo deportivo básico. Normativa e regulamento, e control de premios.

• Documentación, publicidade e medios de comunicación.

• Técnicas de inscrición. Listas de participantes. Series e clasificacións. Recollida e rexistro de datos.

1.2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de realización da asistencia operativa ao persoal técnico deportivo durante o desenvolvemento das súas actividades en instalacións deportivas

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Comprobación dos datos das persoas usuarias utilizando medios manuais e mecánicos recollidos no protocolo de uso, para cumprir a normativa establecida pola entidade e/ou o responsable superior.

– Distribución e recollida do material vinculado ás actividades que se desenvolvan, así como a comprobación do seu estado e a comunicación das incidencias ao persoal técnico deportivo e ao responsable superior.

– Realización de operacións relacionadas coa organización e a distribución espacial das persoas usuarias, e colaboración co persoal técnico responsable da actividade, asistindo con prioridade as persoas participantes con problemas de mobilidade, para garantir a súa participación.

– Realización de operacións auxiliares relacionadas coa organización de xornadas, eventos e competicións para asistir o persoal técnico responsable do seu desenvolvemento.

1.3. Módulo específico: operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

• Código: ME0117.

• Duración: 117 horas.

1.3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Aplica protocolos e normas de funcionamento dunha instalación deportiva en materia de seguridade e saúde, nivel de limpeza e estado de mantemento.

– CA1.1. Definíronse os conceptos de urxencia, emerxencia e catástrofe, e describiuse a cadea asistencial.

– CA1.2. Describiuse un protocolo para revisar o nivel de uso e o estado xeral dunha instalación deportiva.

– CA1.3. Describiuse un protocolo para revisar o nivel de limpeza dunha instalación deportiva.

– CA1.4. Identificouse a guía para a acción preventiva da entidade.

– CA1.5. Identificáronse as sinalizacións de información e emerxencia nunha instalación deportiva.

– CA1.6. Determináronse protocolos básicos de emerxencia e evacuación en instalacións deportivas.

– CA1.7. Nun suposto práctico en que se establecese un plan de emerxencia e evacuación, aplicouse o protocolo en diferentes situacións de incidentes.

– CA1.8. Nun suposto práctico en que se simulan diversas incidencias nunha instalación deportiva, identificáronse situacións de necesidade de aviso ás forzas de orde pública.

• RA2. Aplica protocolos de comprobación do estado, almacenamento e inventario de material auxiliar, comunicando as incidencias aos responsables superiores.

– CA2.1. Describiuse un protocolo para a comprobación do estado, e os sistemas e o modo de almacenamento do material auxiliar nunha instalación deportiva.

– CA2.2. Describiuse un protocolo para a comprobación do estado do almacén do material auxiliar.

– CA2.3. Nun suposto práctico de identificación de necesidades de dotación de material de aseos, vestiarios, mantemento e limpeza dunha instalación deportiva, cubríronse os formularios establecidos de necesidades e incidencias.

• RA3. Aplica técnicas de valoración inicial en situacións de emerxencia, segundo un protocolo establecido.

– CA3.1. Explicouse o concepto de sistema integral de urxencias e emerxencias, e describiuse a organización dos sistemas de emerxencia, con identificación das fases asistenciais.

– CA3.2. Identificáronse situacións de risco vital e definíronse as actuacións que levan consigo.

– CA3.3. Identificáronse sistemas de risco, emerxencia e forza maior, e relacionáronse coa aplicación de protocolos de actuación e comunicación de incidencias ás persoas responsables da instalación deportiva.

– CA3.4. Nun suposto práctico de incidencia en instalación deportiva:

– Aplicáronse as técnicas de autoprotección para acceder á persoa accidentada.

– Xustificouse a mellor forma de acceso á persoa accidentada.

– Identificáronse os posibles riscos.

– Asegurouse a zona aplicando o protocolo establecido.

– Executáronse as manobras que permitan acceder á persoa accidentada.

– CA3.5. Nun suposto práctico de incidencia en instalación deportiva, seguíronse as pautas de actuación segundo o protocolo, para realizar a valoración inicial da persoa accidentada e da situación.

• RA4. Aplica protocolos para iniciar a asistencia a unha persoa accidentada nunha instalación deportiva.

– CA4.1. Describiuse o contido mínimo dun caixa de urxencias e do material de primeiros auxilios, así como as indicacións das substancias e dos medicamentos.

– CA4.2. Indicáronse as lesións, as patoloxías e os traumatismos significativos, así como os aspectos que cómpre ter en conta para a súa prevención, en función do medio en que se desenvolva a actividade, precisando as súas causas, os síntomas e os signos, e as pautas de actuación.

– CA4.3. Nun suposto práctico de simulación de persoas accidentadas en que presenten diversos tipos de lesións, establecéronse as prioridades de actuación en función da gravidade e do tipo de afectación.

– CA4.4. Nun suposto práctico de accidente, aplicáronselle técnicas de mobilización e/ou inmobilización ao suposto accidentado.

1.3.2. Contidos básicos.

Protocolos de actuación na prevención de riscos nas instalacións deportivas.

• Lexislación e normativa interna e medidas preventivas. Sinalizacións de emerxencia, información a persoas usuarias e técnicas de autoprotección. Guías para a mellora da acción preventiva. Plan de prevención. Avaliación de riscos. Vixilancia da saúde.

• Recursos humanos e materiais para o control da seguridade.

• Protocolos de comunicación e información en situacións de risco, emerxencia e forza maior en instalacións deportivas.

• Protocolos de actuación en caso de incidencias, emerxencias e situacións de risco. Forzas de orde pública en instalacións deportivas e espectáculos públicos.

• Protocolos de comunicación en situacións de accidente ou emerxencia: comunicación (canles e tipos), comunicación asistente-accidentado, protocolo de comunicación con familiares e outras persoas usuarias, e protocolo de comunicación con menores de idade e con persoas con limitacións na súa autonomía.

Control e hixiene da instalación deportiva.

• Inventario de material. Sistemas de almacenamento. Modos de almacenamento do material deportivo.

• Mantemento e limpeza das instalacións deportivas. Dotación material de aseos e vestiarios.

• Sistemas de rexistro e comunicación de incidencias.

• Tratamento de queixas e reclamacións.

Asistencia inicial a accidentados.

• Primeiros auxilios: concepto, principios xerais, obxectivos e límites.

• Atención inicial ás emerxencias máis frecuentes: actitudes, funcións, responsabilidade legal, riscos e protección.

• Sistemas de recollida e transporte de persoas accidentadas: posición lateral de seguridade e posicións de espera, de acordo coa patoloxía ou a lesión.

• Caixa de primeiros auxilios e material: instrumentos, material de cura e fármacos básicos.

1.3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de realización de operacións preventivas para mellorar a seguridade na instalación deportiva e iniciar a asistencia en caso de emerxencia.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

– Revisión do estado da instalación deportiva seguindo as directrices marcadas pola entidade e/ou o responsable superior, para garantir a seguridade no desenvolvemento das actividades.

– Realización das operacións auxiliares que permitan xerar un contorno seguro en situacións de emerxencia e evacuación.

– Realización de operacións de apoio en situacións de accidente ou emerxencia.

1.4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

• Código: ME0118.

• Duración: 160 horas.

1.4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Recoñece a estrutura xerárquica da empresa e identifica as funcións asignadas a cada nivel en relación co desenvolvemento da actividade.

– CA1.1. Identificouse a estrutura organizativa da empresa e as funcións de cada área.

– CA1.2. Identificáronse os procedementos de traballo no desenvolvemento do proceso produtivo.

– CA1.3. Relacionáronse as competencias dos recursos humanos co desenvolvemento da actividade produtiva.

– CA1.4. Identificouse a importancia de cada elemento da rede no desenvolvemento da actividade da empresa.

– CA1.5. Relacionáronse as vantaxes e os inconvenientes da estrutura da empresa fronte a outro tipo de organizacións empresariais.

– CA1.6. Analizouse o tecido empresarial do sector en función da prestación que ofrece.

– CA1.7. Recoñecéronse as empresas tipo, e indicouse a súa estrutura organizativa e as funcións de cada departamento.

• RA2. Amosa hábitos éticos e laborais no desenvolvemento da súa actividade profesional, de acordo coas características da tarefa asignada e segundo os procedementos establecidos da empresa.

– CA2.1. Recoñeceuse e xustificouse:

– Disposición persoal e temporal que necesita o posto de traballo.

– Actitudes persoais (puntualidade, empatía, etc.) e profesionais (orde, limpeza e seguridade necesarias para o posto de traballo, responsabilidade, etc.).

– Requisitos actitudinais ante a prevención de riscos na actividade profesional e as medidas de protección persoal.

– Requisitos actitudinais referidos á calidade na actividade profesional.

– Actitudes relacionadas co propio equipo de traballo e coa estrutura xerárquica establecida na empresa.

– CA2.2. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais que haxa que aplicar na actividade profesional e os aspectos fundamentais da Lei de prevención de riscos laborais.

– CA2.3. Aplicáronse os equipamentos de protección individual segundo os riscos da actividade profesional e as normas da empresa.

– CA2.4. Mantívose unha actitude clara de respecto polo ambiente nas actividades desenvolvidas e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

– CA2.5. Mantivéronse organizados, limpos e libres de obstáculos o posto de traballo e a área correspondente ao desenvolvemento da actividade.

– CA2.6. Interpretáronse e cumpríronse as instrucións recibidas, e responsabilizouse do traballo asignado.

– CA2.7. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coa persoa responsable en cada situación, e cos membros do seu equipo, e mantívose un trato fluído e correcto.

– CA2.8. Valorouse a importancia da actividade propia e a adaptación aos cambios de tarefas asignados no desenvolvemento dos procesos produtivos da empresa, integrándose nas novas funcións.

– CA2.9. Comprometeuse responsablemente na aplicación das normas e dos procedementos no desenvolvemento de calquera actividade ou tarefa.

• RA3. Realiza, baixo a supervisión dun superior, operacións auxiliares de control de acceso e circulación na instalación deportiva, e asiste as persoas usuarias no uso desta seguindo o protocolo establecido pola entidade e/ou o responsable superior.

– CA3.1. Asistiuse no control de acceso e circulación na instalación deportiva e informouse o responsable superior das incidencias producidas, para favorecer a seguridade das persoas usuarias e para mellorar a calidade do servizo.

– CA3.2. Realizouse a repartición de entradas e tíckets e a apertura das portas, de xeito que as persoas usuarias sexan atendidas, para garantir o seu acceso e a súa saída con control, rapidez e seguridade.

– CA3.3. Controlouse o acceso das persoas usuarias seguindo o protocolo marcado pola entidade e/ou o responsable superior para facilitar un acceso rápido e seguro.

– CA3.4. Controlouse a utilización dos vestiarios, corrixíronse usos e actuacións, de ser o caso, e foron informados das incidencias os responsables da instalación deportiva, para garantir a seguridade das persoas usuarias.

– CA3.5. Realizáronse, baixo a supervisión dun superior, operacións relacionadas co cobramento ás persoas usuarias, seguindo as instrucións recibidas, para cumprir cos criterios e os procedementos de organización.

– CA3.6. Efectuouse o manexo do diñeiro en efectivo e as operacións relacionadas con el, de acordo cos principios de integridade, responsabilidade e confidencialidade.

– CA3.7. Recibíronse as persoas usuarias e transmitíuselles información sobre as normas de uso da instalación deportiva e as actividades que se ofrecen, seguindo o protocolo establecido pola entidade e/ou o responsable superior.

– CA3.8. Acompañáronse as persoas usuarias e foron asistidas na zona de actividades, considerando as súas capacidades e o seu grao de autonomía persoal para garantir a súa participación e a súa seguridade, cumprindo co protocolo establecido pola entidade e/ou o responsable superior.

• RA4. Realiza a asistencia operativa aos técnicos deportivos durante o desenvolvemento das súas actividades en instalacións deportivas, atendendo ao protocolo de uso e cumprindo a normativa establecida pola entidade e/ou o responsable superior.

– CA4.1. Comprobáronse os datos das persoas usuarias utilizando medios manuais e mecánicos previstos no protocolo de uso, para cumprir a normativa establecida pola entidade e/ou o responsable superior.

– CA4.2. Seguiuse o protocolo establecido pola entidade e/ou o responsable superior, para o tratamento dos datos persoais das persoas usuarias, e cumpriuse a normativa sobre protección de datos persoais, para garantir a súa protección legal.

– CA4.3. Distribuíuse e recolleuse o material vinculado ás actividades que se vaian realizar, comprobouse o seu estado e comunicáronselles as incidencias aos técnicos deportivos e ao responsable superior, de ser o caso, para favorecer o seu desenvolvemento.

– CA4.4. Rexistrouse o inventario actualizado en documento e soporte establecido pola entidade para informar os responsables da instalación deportiva

– CA4.5. Realizáronse operacións relacionadas coa organización e a distribución espacial das persoas usuarias, e colaborouse co técnico responsable da actividade, asistindo con prioridade os participantes con problemas de mobilidade, para garantir a súa participación na actividade.

– CA4.6. Realizáronse operacións auxiliares relacionadas coa organización de xornadas, eventos e competicións para asistir o persoal técnico responsable do seu desenvolvemento, atendendo a instrucións da entidade e/ou do responsable superior.

– CA4.7. Realizouse, seguindo os criterios establecidos no protocolo pola organización, a asistencia no control de acceso e distribución do público, as persoas invitadas, acompañantes, participantes, autoridades, etc., e velouse polo cumprimento das normas cívicas e de uso da instalación deportiva, para lles garantir a todas as persoas asistentes a súa seguridade e a súa atención.

• RA5. Realiza operacións preventivas para mellorar a seguridade na instalación deportiva e inicia a asistencia en caso de emerxencia, seguindo as directrices marcadas pola entidade e/ou o responsable superior, e segundo o protocolo establecido.

– CA5.1. Revisouse o estado da instalación deportiva seguindo as directrices marcadas pola entidade e/ou o responsable superior, para garantir a seguridade no desenvolvemento das actividades.

– CA5.2. Revisáronse os recursos para utilizar ante accidentes ou situacións de emerxencia, seguindo o protocolo establecido, e verificouse a súa adecuación á normativa para garantir a súa posible activación.

– CA5.3. Utilizáronse os medios e os equipamentos de protección persoal da persoa usuaria durante a actividade, seguindo as indicacións establecidas pola entidade e/ou o responsable superior, para previr riscos e accidentes laborais.

– CA5.4. Realizáronse as operacións auxiliares que permitan xerar un contorno seguro en situacións de emerxencia e evacuación, iniciando as accións loxísticas establecidas pola entidade e/ou o responsable superior, para favorecer a seguridade das persoas usuarias e do persoal da instalación deportiva.

– CA5.5. Realizáronse operacións de apoio en situacións de accidente ou emerxencia buscando signos de alteracións orgánicas, para prestar a atención inicial previa aos coidados facultativos e de primeiros auxilios dun técnico superior, baixo a supervisión dun responsable superior e segundo o protocolo establecido.

2. Anexo II.

A) Espazos mínimos.

Espazo formativo

Superficie m2

(12 alumnos/as)

• Aula polivalente.

30

• Aula taller de actividades físico-deportivas.

60

• Instalación polideportiva. (*)

(*) Espazo singular non necesariamente situado no centro de formación.

B) Equipamentos mínimos.

Espazo formativo

Equipamento

• Aula polivalente.

– Computadores instalados en rede, canón de proxección e acceso a internet.

– Medios audiovisuais.

– Software específico e de simulación de instalacións.

– Equipamento de oficina básico.

• Aula taller de actividades físico-deportivas.

– Moblaxe e documentación específicas.

– Material de protocolo, arbitraxe e premios.

– Medios e sistemas de control e comunicación.

– Equipamentos e materiais de seguridade e hixiene.

– Equipamento de protección individual e material de autoprotección.

– Caixa de urxencias e kit de organización en catástrofe.

– Material de sinalización e balizamento.

3. Anexo III.

A) Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos específicos do perfil profesional.

Módulo específicos

Especialidade do profesorado

Corpo

• ME0115. Asistencia a usuarios e control de accesos.

Educación física.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

• ME0116. Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

Educación física.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

• ME0117. Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

Educación física.

Catedrático/a de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

B) Titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa.

Módulos específicos

Titulacións

• ME0115. Asistencia a usuarios e control de accesos.

• ME0116. Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

• ME0117. Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

Licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, mestre/a, arquitecto/a técnico/a, enxeñeiro/a técnico/a, diplomado/a, título de grao, técnico/a superior, ou outros títulos equivalentes cuxos perfís académicos se correspondan coa formación asociada aos módulos específicos no programa de cualificación profesional inicial.

4. Anexo IV.

Perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos do perfil profesional en contornos produtivos.

Módulo específico

Perfil profesional da persoa formadora

• ME0115. Asistencia a usuarios e control de accesos.

• Dominio dos coñecementos e as técnicas que se relacionan coa realización de operacións auxiliares de control de acceso e circulación na instalación deportiva, e a asistencia ás persoas usuarias no uso desta, que se acreditará mediante unha das formas seguintes:

– Formación académica de técnico superior, técnico deportivo superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este campo profesional.

• ME0116. Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

• Dominio dos coñecementos e as técnicas que se relacionan coa realización da asistencia operativa aos técnicos deportivos durante o desenvolvemento das súas actividades en instalacións deportivas, que se acreditará mediante unha das formas seguintes:

– Formación académica de técnico superior, técnico deportivo superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este campo profesional.

• ME0117. Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

• Dominio dos coñecementos e as técnicas que se relacionan coa realización de operacións preventivas para mellorar a seguridade na instalación deportiva e iniciar a asistencia en caso de emerxencia, que se acreditará mediante unha das formas seguintes:

– Formación académica de técnico superior, técnico deportivo superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este campo profesional.

5. Anexo V.

Relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

Módulo específico

Unidades de competencia

• ME0115. Asistencia a usuarios e control de accesos.

• UC1631_1: realizar operacións auxiliares de control de acceso e circulación na instalación deportiva, e asistir as persoas usuarias no uso desta.

• ME0116. Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

• UC1632_1: realizar a asistencia operativa aos técnicos deportivos durante o desenvolvemento das súas actividades en instalacións deportivas.

• ME0117. Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

• UC1633_1: realizar operacións preventivas para mellorar a seguridade na instalación deportiva e iniciar a asistencia en caso de emerxencia.

6. Anexo VI.

Distribución horaria dos módulos específicos.

Módulo específico

Horas totais

Sesións semanais

(*)

• ME0115. Asistencia a usuarios e control de accesos.

186

8

• ME0116. Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material.

117

5

• ME0117. Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia.

117

5

• ME0118. Formación en centros de traballo.

160

-

• Distribución semanal para os centros que impartan as ensinanzas do programa de cualificación profesional inicial en sesións de 50 minutos.