Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 14 de xullo de 2011 Páx. 19553

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os titulados en ciclos formativos de acuicultura, que se tramita como gasto financiable para levar a cabo unha actividade elixible dentro do marco do Programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2007-2013.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada. Este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa ficticia, no cal se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero en que a titularidade dos medios de produción é da Administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral, para os titulados en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura participar neste itinerario de perfeccionamento profesional para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abarcan as axudas obxecto desta convocatoria.

Polo exposto, a Consellería do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a concesión dun total de catro (4) bolsas de especialización post-formativa para titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura, na modalidade de empresa tutelada, para a realización de prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos, e xestión e mantemento dunha planta de acuicultura, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia, e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2. Carácter das bolsas.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería do Mar, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 3. Crédito orzamentario destinado a estas axudas.

Para a concesión destas bolsas destínase un total de setenta e seis mil cincocentos setenta e seis euros (76.576,00 €), que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14.04.422K 480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, aprobados pola Lei 14/2010, do 27 de decembro, e as correspondentes para os anos 2012 e 2013, co seguinte detalle:

– Ano 2011: vinte e dous mil douscentos trinta e dous euros (22.232,00 €).

– Ano 2012: trinta e oito mil trescentos catro euros (38.304,00 €).

– Ano 2013: dezaseis mil corenta euros (16.040,00 €).

A cantidade establecida para cada anualidade poderá ser reaxustada en función da data de inicio de realización da bolsa.

As axudas reguladas nesta orde constitúen un gasto financiable para levar a cabo unha «actividade elixible» nun 80% polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 3, tema prioritario 72.

Artigo 4. Clases e contía das axudas.

A concesión destas catro bolsas realizarase a favor de todos os alumnos que remataron os ciclos formativos de acuicultura, podendo optar aqueles/as alumnos/as titulados como técnicos en operacións de cultivo acuícolas (TOCA) e/ou técnicos superiores en produción acuícola (TSPA), sempre que non fosen beneficiarios de axudas similares para o mesmo fin con anterioridade.

A contía de cada unha das bolsas incluirá unha asignación mensual bruta de setecentos quince euros (715 €), e un seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

Artigo 5. Duración.

As bolsas concederanse polo período de dous (2) anos desde a data de aceptación da bolsa, sen posibilidade de prórroga.

Artigo 6. Lugar de realización das actividades e titoría.

Os/as beneficiarios/as realizarán as actividades obxecto da bolsa nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (en diante, Igafa).

Cada bolseiro contará con titores/as, nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do centro onde teña lugar a formación, que elaborarán un plan de formación en que se reflicta, asemade, o horario e as normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación.

Artigo 7. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde todos os titulados que cursaran os estudos sinalados no artigo 1 desta orde, e que reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado un ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria.

– Non ter sido beneficiario de axudas similares para o mesmo fin, con anterioridade á publicación desta orde.

– Non ter incapacidade física ou padecer enfermidade que poida impedir a realización dos traballos propios obxecto destas axudas.

Artigo 8. Solicitudes e documentación que se debe presentar.

A solicitude para estas bolsas farase mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, segundo o modelo normalizado do anexo I.

Ademais, xuntaranse dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante, no caso de non autorizar a consulta no Sistema de Verificación de Datos do Ministerio de Presidencia, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro) e a Orde do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve (DOG do 10 de xullo).

b) Curriculum vitae de cada solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Fotocopia compulsada do título do ciclo formativo cursado ou, no seu defecto, certificación do centro onde cursase o ciclo formativo de ter rematado o ciclo e ser proposto para título.

d) Unha memoria, asinada polo aspirante, que incluirá dous puntos:

1. Unha planificación da produción, para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3 mm de talla.

2. Nunha instalación tipo minicriadoiro, un estudo en que se prevexan todas as actividades de cultivo que ten que levar a cabo unha planta piloto de acuicultura por área de produción, cunha epígrafe dedicada a melloras de xestión que se deberán ter en conta por área.

e) Declaración responsable da/o solicitante en que conste non ter sido beneficiario destas bolsas ou doutras similares con anterioridade á publicación desta orde (anexo II).

f) Declaración responsable sobre a concesión ou solicitude doutras bolsas ou axudas para a mesma finalidade, financiadas por calquera Administración ou ente público (anexo II).

g) Declaración responsable da/o solicitante de non estar incursa/o nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria/o que se sinalan no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás a estipulada no número 2.e (non acharse ao día das obrigas tributarias) por estar exento de tal requisito, consonte o establecido no número 1.g) do artigo 49 da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 (anexo III).

Artigo 9. Prazos e lugar de presentación das solicitudes.

A solicitude, xunto coa documentación exixida no artigo 8 desta orde, presentarase na oficina do Rexistro Único da Xunta de Galicia (complexo administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Criterios de adxudicación das axudas.

Na fase de selección teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

1. Criterios de valoración de carácter xeral para as axudas:

Expediente académico persoal do aspirante, puntuación máxima 4 puntos, que se valorará do seguinte xeito:

– Nota obtida de 10-8,6: valoración 4 puntos.

– Nota obtida de 8,5-7,6: valoración 3 puntos.

– Nota obtida de 7,5-6,6: valoración 2 puntos.

– Nota obtida de 6,5-5: valoración 1 punto.

Segundo o disposto no artigo 20.2.1 da Lei 9/2007, relativa ao emprego da lingua galega na realización das actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, valorarase o grao de coñecemento da lingua galega, ao aspirante que presente o curso de perfeccionamento de galego con 0,25 puntos.

2. Criterios de valoración específica:

Valoración da memoria, asinada polo aspirante, que incluirá dous puntos:

a) Planificación da produción, para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3 mm de talla, nunha instalación tipo minicriadoiro, e a súa defensa diante da comisión de valoración, terá unha puntuación máxima de 6 puntos.

b) Estudo en que se prevexan todas as actividades de cultivo que ten que levar a cabo unha planta piloto de acuicultura por área de produción, cunha epígrafe dedicada a melloras de xestión que se deberá ter en conta por área, e a súa defensa diante da comisión de valoración, terá unha puntuación máxima de 6 puntos.

Valoración da nota obtida:

a) No módulo de cultivo de moluscos ou de técnicas de cultivo de moluscos do ciclo formativo realizado polo aspirante, puntuación máxima de 2 puntos, de acordo co seguinte:

– Nota obtida de 10-8,6: valoración 2 puntos.

– Nota obtida de 8,5-7,6: valoración 1,5 puntos.

– Nota obtida de 7,5-6,6: valoración 1 punto.

– Nota obtida de 6,5-5: valoración 0,5 puntos.

b) Nos módulos de cultivos auxiliares, cultivo de moluscos, cultivo de peixes e cultivo de crustáceos do ciclo formativo realizado polo aspirante, puntuación máxima de 2 puntos, de acordo co seguinte:

– Nota obtida de 10-8,6: valoración 2 puntos.

– Nota obtida de 8,5-7,6: valoración 1,5 puntos.

– Nota obtida de 7,5-6,6: valoración 1 punto.

– Nota obtida de 6,5-5: valoración 0,5 puntos.

Artigo11. Comisión de selección e seguimento das axudas.

Para o estudo das solicitudes presentadas e a selección dos bolseiros/as, constituirase unha comisión de selección e seguimento das axudas coa seguinte composición:

– Presidente: o subdirector xeral de Ensino e Investigación Mariña, ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da comisión.

– Vogais: catro vogais en representación do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e un vogal en representación do Centro de Investigacións Mariñas (Cima).

Das reunións celebradas por estas comisións levantarase acta que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 12. Procedemento de selección.

A comisión de selección e seguimento (en diante comisión), rematado o prazo de presentación de solicitudes, reunirase e comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde para elaborar a lista provisional, en que figurará a relación de beneficiarios que reúnen as condicións exixidas, e de excluídos, con expresa mención motivada da causa da súa denegación.

Publicada a relación provisional de beneficiarios no taboleiros de anuncios do centro, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas.

Transcorrido este prazo, a comisión reunirase de novo para resolver as alegacións presentadas, de ser o caso, e elaborar a proposta de resolución , que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 13. Resolución.

1. De acordo co disposto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión destas axudas é obxecto de delegación, por parte da conselleira do Mar, na directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Unha vez recibida a proposta definitiva da comisión de selección e seguimento, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro resolverá, no prazo de 10 días, as adxudicacións definitivas.

2. A resolución farase pública no taboleiro de anuncios do Igafa e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que contará, no caso de dispoñer de candidatos suficientes, cunha relación de suplentes, cun número mínimo igual ao número de bolsas ofertadas.

3. Segundo o artigo 21.5 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, a ausencia de manifestación expresa supón a aceptación tácita desta por parte dos/as bolseiros/as seleccionados/as nun prazo máximo de 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no taboleiro de anuncios,

4. Os/as bolseiros/as seleccionados/as deberán facer constar expresamente, nun prazo máximo de 10 días mediante unha declaración responsable, que non percibiron nin están pendentes de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público.

5. No caso de non facelo así perderán a bolsa e procederase a cubrir as vacantes cos suplentes nomeados. Do mesmo xeito, se durante o período de vixencia das bolsas, houbera unha renuncia expresa dalgún/ha bolseiro/a, procederase a cubrir a vacante cos suplentes nomeados segundo a listaxe de suplentes e por rigorosa orde de puntuación.

6. De conformidade cos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión, a solicitude de axuda que resulta aprobada, será obxecto de publicación, o nome do beneficiario, a operación e o importe da axuda será obxecto de publicación.

Artigo 14. Duración do procedemento.

O prazo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 6 meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 15. Pagamento.

Unha vez producida a incorporación á empresa tutelada e tras ser certificada esta polo/a director/a do Igafa, procederase ao pagamento da cantidade mensual con efectos a mes vencido.

Antes do pagamento da última mensualidade, a/o bolseira/o deberá presentar unha memoria da actividade realizada durante o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do responsable da súa formación. Deberá tamén presentar unha declaración responsable sobre a concesión ou solicitude doutras bolsas ou axudas para a mesma finalidade financiadas por calquera Administración ou ente público.

Artigo 16. Concorrencia con outras axudas.

O desfrute das axudas reguladas nesta orde é incompatible co desfrute de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios.

1. Os/as beneficiarios/as das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora percibidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os/as beneficiarios/as das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, de acordo co artigo 11 d) da Lei 9/2007, a obtención doutras subvencións ou axudas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención en calquera momento ao longo do período de realización da bolsa.

3. Como beneficiario dunha axuda financiable e elixible polo Fondo Social Europeo, deberá cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) n.º 846/2009, do 1 de setembro, da Comisión.

4. Ademais, están obrigados/as a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 136/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos á bolsa concedida, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

2. A concesión desta axuda supón a súa aceptación a ser incluído na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, do 8 de decembro, da Comisión.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios/as e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina.

Artigo 19. Réxime de revisión e recursos.

1. Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, no suposto de desestimación por silencio administrativo.

2. De non estimar a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo iso sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Disposición adicional primeira.

A Consellería do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, cantidade concedida e finalidade da subvención.

Disposición adicional segunda.

Para o que non se estableza expresamente nesta orde terase en conta o disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2000, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/3003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e os do seu regulamento de execución, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por ser unha actividade financiable e elixible dentro do marco do Programa operativo Galicia 2007-2013, está suxeita ao Regulamento (CE) n.º 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro de 2009, que modifica o Regulamento (CE) n.º 1828/2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) n.º 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, (DOUE do 23.9.2009, L 250).

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2011.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file