Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2011 Páx. 19088

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2011, do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, pola que se acorda a destrución da documentación xustificativa dos méritos curriculares presentados polos solicitantes que concorreron ás convocatorias de 2004 e 2005 de avaliación e informe previos á contratación do profesorado universitario.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) atópase actualmente nunha situación en que a xeración dunha excesiva documentación administrativa implica importantes complicacións para a súa conservación e arquivo, tendo en conta a carencia de recursos tanto físicos como humanos dispoñibles para albergalos. A isto debemos engadir que moita desa documentación non precisa ser conservada, porque ten un valor efémero dentro da Administración. Esta realidade implica a necesidade de adoptar decisións respecto á valoración da documentación xerada, sobre a súa destrución ou conservación.

En consecuencia, na xuntanza do Consello de Dirección do 15 de decembro de 2010 acordáronse una serie de medidas, tales como a destrución da documentación xustificativa de méritos curriculares presentada nos procedementos de acreditación, cando transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento correspondente; así como a exixencia da presentación da documentación acreditativa de méritos curriculares, nas futuras convocatorias que desenvolva a ACSUG, en soporte dixital, sendo estas medidas, ademais, coherentes coa implantación da administración electrónica e coa normativa de aplicación en materia de ambiente. De conformidade co exposto

DISPONSE:

Primeiro. A ACSUG procederá á destrución da documentación xustificativa dos méritos curriculares presentados polos solicitantes xunto coas súas solicitudes, nas convocatorias de avaliación e informe previos á contratación do profesorado universitario do 2004 e 2005, convocatorias publicadas mediante as respectivas resolucións do 21 de outubro de 2004 (DOG do 28 de outubro) e do 1 de setembro de 2005 (DOG do 7 de setembro).

Segundo. Todos aqueles interesados que participasen nos procedementos citados no punto anterior poderán solicitar a retirada da documentación a que se fai referencia desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 31 de outubro de 2011. A partir desta data xa non poderá solicitarse a retirada da documentación e procederase á súa destrución de acordo coas directrices establecidas pola lexislación de aplicación en materia de patrimonio e de protección de datos de carácter persoal.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2011.

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia