Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2011 Páx. 19084

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de xuño de 2011 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas aos investimentos no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, convocadas pola Orde do 13 de xaneiro de 2011.

A Orde do 13 de xaneiro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a investimentos no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 61%, e se convoca para o exercicio 2011 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG n.º 12, do 19 de xaneiro), establece no seu artigo 3 o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 3 da citada Orde do 13 de xaneiro de 2011, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente, cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 13 de xaneiro de 2011, coa finalidade de as achegar ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 13 de xaneiro de 2011 ( DOG n.º 12, do 19 de xaneiro) para o exercicio orzamentario 2011, na cantidade de 12.000.000 de euros, con cargo á aplicación 14.02.723A.772.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única.

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2011.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar