Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2011 Páx. 19082

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 140/2011, do 30 de xuño, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto modificado número 1 da obra: adaptación da estrada OU-310 ao plan de baixa intensidade media diaria (IMD) mellorada, no concello de Vilardevós (clave OU/08/043.02.M1).

Con data do 10 de febreiro de 2011 a Dirección Xeral de Infraestruturas, resolveu aprobar o proxecto modificado n.º 1 da obra de adaptación da estrada OU-310 ao plan de baixa IMD mellorada, no concello de Vilardevós (clave OU/08/043.02.M1).

As obras incluídas no proxecto inicial desta actuación eran a mellora das condicións de transitabilidade na estrada OU-310, entre as localidades de Vilardevós e Soutochao, sen afectar ao seu trazado nin en planta, nin en alzado. Estando as obras en execución e debido á escasa amplitude da sección tipo da estrada que dificulta o cruzamento dos vehículos, ás deficientes condicións de visibilidade nalgunhas interseccións, e á falta de elementos de contención de vehículos, por razóns de interese público, decidiuse unha mellora da obra, deseñando unha solución de alargamento con mellora de trazando, eliminando as curvas máis perigosas.

A xustificación da urxencia da ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesidade de alargar e acondicionar a estrada OU-310, e a súa incidencia na seguridade viaria, eliminando as curvas máis perigosas, evitando riscos innecesarios para os veciños de Vilardevós, que utilizan esta vía para acceder aos seus predios particulares e ás súas vivendas.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia, en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación ao departamento competente, actualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto, e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación do proxecto modificado n.º 1 da obra de adaptación da estrada OU-310 ao plan de baixa IMD mellorada, no concello de Vilardevós (clave OU/08/043.02.M1).

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas