Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2011 Páx. 19074

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 139/2011, do 23 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de modificado da travesía na E.P. 3109 Vilaboa a Peiro por Tarrío, p.q. 0,000 ao 3,120, da Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día vinte e catro de maio de dous mil sete, aprobou o proxecto de modificado da travesía na E.P. 3109 Vilaboa a Peiro por Tarrío, p.q. 0,000 ao 3,120 e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que actualmente a estrada provincial 3109 ten unha calzada estreita, de media inferior aos 6 m., e carece de beiravías. Estas condicións dificultan a seguridade na circulación, especialmente durante o cruzamento de vehículos, sobre todo se estes son pesados, que teñen que reducir a súa velocidade ata a case detención.

Segundo os datos de aforos realizados recentemente, a intensidade media diaria da dita estrada é de 4.362 vehículos/día, cun 9,49% de vehículos pesados e con intensidades horarias de ata 486 vehículos/hora, o que, unido ás precarias condicións xeométricas da vía, provoca que actualmente a seguridade na circulación da estrada necesite unha mellora urxente, que debe consistir na consecución dunha mellor xeometría (ampliación da calzada e creación de beirarrúas).

Nos últimos catro anos houbo 22 accidentes de tráfico na estrada, dos cales 10 foron no tramo en que se vai levar a cabo a actuación. Independentemente doutras circunstancias concorrentes (velocidade, estado do condutor, factores climatolóxicos), a mellora urxente das condicións de circulación peonil da vía diminuirá o risco de atropelo.

A estrada provincial atravesa núcleos de poboación con gran densidade de vivendas, polo que existe un apreciable tránsito de peóns nas citadas zonas poboadas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de modificado da travesía na estrada provincial 3109 Vilaboa a Peiro por Tarrío, p.q. 0,000 ao 3,120, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza