Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 6 de xullo de 2011 Páx. 18290

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, no seu artigo 31, recolle unha serie de artes e modalidades de pesca que, estando prohibidas con carácter xeral, poden ser obxecto de autorizacións especiais para a captura de determinadas especies. Trátase de artes e modalidades de pesca empregadas en certas zonas de Galicia de xeito tradicional.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) no seu artigo 88.2 establece a prohibición de utilizar nas augas continentais galegas ningún tipo de rede ou artefacto de malla, excepto as nasas utilizadas na pesca de anguías, debendo establecer nunha regulación específica da pesca profesional en augas continentais as cuestións de forma e dimensións e a distancia a que se poden calar das beiras.

No ámbito da Unión Europea, o Regulamento (CE) 1100/2007 do Consello, do 18 de setembro de 2007, polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación de anguía europea, recolle a preocupación do Consello da Unión Europea polo estado de conservación da poboación de anguía. En cumprimento deste regulamento, España presentou á Comisión Europea un plan nacional de xestión da anguía e doce plans específicos das comunidades autónomas, entre elas, Galicia.

O Plan nacional de xestión da anguía e os doce plans específicos presentados por España foron aprobados pola Comisión Europea mediante Decisión do 1 de outubro de 2010. A aplicación do plan aprobado require unha regulación da actividade pesqueira comercial da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

No momento actual, cómpre sentar as bases normativas para a aplicación en Galicia das medidas de protección da anguía europea incluídas no plan de xestión aprobado pola comisión, entre as ditas medidas xa están establecidas a prohibición da pesca deportiva da anguía tanto nas augas continentais coma nas augas mariñas competencia da comunidade autónoma, tamén a pesca da angula ou meixón, e o que se pretende co presente decreto é dar cumprimento ao establecido no regulamento da Lei 7/1992, de pesca fluvial, e regular a pesca profesional da anguía de xeito que se leve a cabo baixo os principios do aproveitamento sustentable.

O artigo 148.1.11 da Constitución, así como o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, confiren á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca fluvial.

O Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, en relación co Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, inclúe dentro das competencias da citada consellería o fomento, a ordenación e mais o aproveitamento dos recursos piscícolas continentais.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro do Medio Rural, no exercicio da facultade outorgada no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

É obxecto desta norma a regulación da pesca profesional da anguía mediante a aprobación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais de Galicia.

Artigo 2. Ámbito territorial de aplicación.

1. O ámbito de aplicación desta norma serán as augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se definen no artigo 2 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

2. Exclúense do ámbito de aplicación deste decreto as masas de auga declaradas salmoneiras, de reo ou de especial interese para a riqueza piscícola, conforme as definicións destas masas realizadas nas ordes anuais de vedas e no artigo 14 do Decreto 130/1997, do 14 de maio.

Artigo 3. Plans de aproveitamento específicos.

Os plans de aproveitamento específicos son os documentos técnicos que establecen os obxectivos da explotación dos recursos, os xeitos de acadalos e mais o seu seguimento e control, todo o anterior baixo os principios da sustentabilidade.

Artigo 4. Licenza.

1. Para a práctica da pesca dentro do ámbito dun plan de aproveitamento requirirase estar en posesión dunha licenza de pesca da clase D, denominada licenza profesional para a pesca de anguía, angula, lamprea e especies de esteiro. Cando o exercicio da pesca requira do emprego de embarcacións, requirirase tamén a licenza da clase E, denominada licenza especial para embarcacións e artefactos boiantes que se empreguen no exercicio da pesca.

2. Unicamente poderán obter a licenza da clase D aquelas persoas inscritas nun plan de aproveitamento aprobado para o ano que corresponda.

3. Ademais do anterior, para obter a licenza da clase D por vez primeira deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 18 anos ou menor emancipado e non ser maior de 65 anos.

b) Non ser pensionista de xubilación, invalidez permanente absoluta ou total, nin percibir subsidios a favor de familiares, ou percibir a pensión da renda de integración social en Galicia.

c) Estar de alta nun réxime da seguridade social que permita o exercicio de actividades pesqueiras.

4. As sucesivas obtencións da licenza da clase D requirirán, ademais do anterior:

a) Ter realizado unha actividade pesqueira suficiente, entendendo por tal a que se realiza durante un mínimo dun 50% dos días de actividade laboral efectiva dentro do plan de aproveitamento. Para os efectos de cálculo da referida porcentaxe, descontarase do período autorizado o tempo de inactividade por causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Xustificante de vendas en lonxa ou centro de venda autorizado durante o último ano.

c) Informe de vida laboral con data no mes da solicitude.

5. As licenzas serán expedidas no Servizo Provincial de Conservación da Natureza competente por razón de territorio e en cada unha delas farase mención do plan de aproveitamento para o que se outorgan.

Artigo 5. Medidas xerais de protección.

Consonte co establecido no número 2.4. titulado «Síntese das medidas estatais e rexionais para conseguir o obxectivo de escape do 40% a nivel nacional», do Plan de xestión da anguía europea en España e no número 2.5. sobre a «Descrición das medidas tomadas para acadar, controlar e verificar o obxectivo do nivel de fuga», do Plan de xestión para a anguía europea en Galicia, adóptanse as seguintes medidas xerais de protección:

1. O período hábil para a pesca da anguía comprenderá, como máximo, nove meses ao ano. Para determinar o período de veda teranse en conta as condicións climatolóxicas e hidrolóxicas que favorecen a migración dos reprodutores de anguía durante o outono.

2. Só se poderá autorizar a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela», e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

3. Establécese unha dimensión mínima para todos os exemplares de 20 cm, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 7/1992.

Capítulo II
Dos plans de aproveitamento

Artigo 6. Solicitude e contido mínimo.

1. A tramitación dun plan de aproveitamento iniciarase por solicitude dunha asociación profesional de pescadores ou outra entidade asociativa legalmente constituída que teña por obxecto as mesmas finalidades respecto da anguía.

2. Á solicitude de iniciación, que se presentará segundo o modelo do anexo I deste decreto, xuntarase unha proposta de plan de aproveitamento específico para cada bacía fluvial co seguinte contido mínimo:

a) Artes de pesca que se propón.

b) Proposta de zonas dentro de cada bacía fluvial e períodos de pesca.

c) Número previsto de días de actividade.

d) Proposta de horas de pesca diarias.

e) Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

f) Proposta de cotas de captura diarias ou por tempada de pesca.

g) Relación de membros da asociación participantes no plan.

h) Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación, de ser o caso.

i) Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

j) Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

3. Ademais da remisión do Plan de aproveitamento específico, xuntarase á solicitude unha declaración responsable, conforme o modelo do anexo II, sobre a veracidade dos datos contidos no plan e unha copia do acordo do órgano de goberno da asociación comprensivo da adopción da decisión de solicitude de aprobación ou prórroga do plan.

Artigo 7. Tramitación.

1. O expediente iniciarase no Servizo Provincial de Conservación da Natureza competente por razón de territorio.

2. Logo da súa iniciación, someterase a información pública por un prazo de 15 días.

3. Ademais do anterior, será necesario o cumprimento dos seguintes trámites: informes do Comité Provincial de Pesca Fluvial, ou do Comité Permanente no caso de non poder emitirse o informe nun prazo de 30 días, informe da Consellería do Mar no caso das zonas de desembocadura e, de ser o caso, informe do departamento da Xunta con competencias en materia de espazos naturais protexidos.

4. Cumprido o anterior, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza formulará a súa proposta de resolución do expediente.

5. Para os efectos da aprobación do plan de aproveitamento específico, e sen prexuízo da aparición, durante a tramitación do expediente, de circunstancias de carácter ambiental ou administrativas puntuais non previstas que impidan a aprobación do plan, terase en conta a adaptación do seu contido aos criterios establecidos na Decisión da Comisión Europea do 1 de outubro de 2010, especialmente os seguintes:

a) Utilización de artes permitidas e o máis selectivas posible.

b) Proposta de zonas de pesca permitidas.

c) Número de aparellos ou artes por persoa igual ou menor que os permitidos.

d) Captura de exemplares na fase do seu ciclo vital de anguía amarela.

e) Cotas de captura anual que, consonte cos estudos existentes, aseguren a sustentabilidade da pesca.

6. No caso de existir diferentes propostas de plans de aproveitamento específico para a mesma bacía fluvial terase en conta aquel que máis se adapte ao contido do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea. As resolucións que se adopten serán motivadas e recorribles en alzada ante o conselleiro.

Artigo 8. Aprobación e vixencia.

1. A resolución aprobatoria do Plan de aproveitamento específico será ditada polo director xeral de Conservación da Natureza.

2. O prazo máximo para resolver será de 3 meses, contados desde a iniciación do expediente no Servizo Provincial de Conservación da Natureza. Transcorrido o dito prazo sen ditarse resolución, esta poderase entender desestimada, de conformidade co disposto no parágrafo segundo do artigo 43.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O plan de aproveitamento terá unha vixencia máxima dun ano, contado desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Renovación.

1. Dentro dos 3 meses anteriores á finalización dun plan de aproveitamento poderase solicitar a súa renovación por un período dun ano.

2. A renovación procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente a incrementos do esforzo de pesca ou á modificación de zonas dentro de cada bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos cos que conte o Servizo Provincial de Conservación da Natureza non aconsellen modificacións do plan vixente.

3. O expediente de renovación requirirá informe da Consellería do Mar no caso das zonas de desembocadura e, de ser o caso, informe do departamento da Xunta con competencias en materia de espazos naturais protexidos.

4. A resolución será ditada polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes e publicada no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen ditarse resolución, a solicitude de renovación entenderase desestimada, de conformidade co parágrafo segundo do artigo 43.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria única.

As autorizacións vixentes na actualidade manteranse ata a finalización do período autorizado, no que non se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derrogatoria.

Derrógase a Orde do 20 de xaneiro de 2000 pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG n.º 21, do 1 de febreiro).

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de pesca fluvial para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file