Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 4 de xullo de 2011 Páx. 17920

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 127/2011, do 23 de xuño, polo que se modifica o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, regula a actividade de control de acceso nos espectáculos públicos e actividades recreativas que dispoñan do dito servizo, así como os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Segundo se establece na anterior disposición, para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superadas as probas previstas no artigo 5 do referido decreto, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Pola súa parte, a disposición transitoria do Decreto 8/2010 recolle que para exercer a actividade de control de acceso se exixirá dispoñer da correspondente habilitación no prazo dun ano desde a realización das probas específicas que convoque a Academia Galega de Seguridade Pública.

En aplicación da devandita normativa, o prazo para que o persoal que pretenda exercer a actividade de control de acceso dispoña da correspondente habilitación remata o vindeiro día 31 de xullo de 2011.

Ata a data, realizáronse dúas probas para a obtención da devandita habilitación, probas que foron superadas por 297 persoas. Porén, á vista dos matriculados para a próxima convocatoria, prevista para o vindeiro 30 de xuño, constátase que aínda hai un número elevado de interesados na obtención da habilitación que, na súa maior parte, son profesionais que ata agora viñan desenvolvendo funcións de controladores, os cales, a partir do 31 de xullo, quedarían inhabilitados para o desempeño das ditas funcións.

En atención ao exposto, e entendendo que o transcurso do ano establecido no Decreto 8/2010 resultou insuficiente para a regularización daqueles profesionais que se están a dedicar a estas tarefas, considérase necesario aprazar a data a partir da cal se exixa a estes estar en posesión da pertinente habilitación, ampliando o prazo de maneira que se permita a todos os interesados acadar a preparación axeitada para superar as probas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,  e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da disposición transitoria do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

A disposición transitoria do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición transitoria única. Réxime transitorio.

Para exercer a actividade de control de acceso exixirase dispoñer da correspondente habilitación a partir do 1 de xaneiro de 2012».

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza