Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17786

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 123/2011, do 16 de xuño, polo que se regula o Consello Galego de Pesca.

O artigo 148.1.11 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en «materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura». Por outra parte, o seu artigo 149.1.19 outorga ao Estado a competencia exclusiva sobre «a pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se atribúan ás comunidades autónomas».

Sobre a base de tal fundamento constitucional, o Estatuto de autonomía para Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre «a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura» (artigo 27.15), e sobre «as confrarías de pescadores» (artigo 27.29); así como o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado da materia «ordenación do sector pesqueiro» (artigo 28.5).

No exercicio destas competencias, xunto coa recollida no artigo 27.1 do Estatuto de autonomía, no cal se atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno, ditouse o Decreto 246/2002, do 18 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Pesca. Con posterioridade, aprobouse a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, cuxo artigo 95 inclúe expresamente o Consello Galego de Pesca, e prevé, no seu punto segundo, o desenvolvemento regulamentario da súa composición, as súas funcións e o seu réxime de funcionamento.

A experiencia adquirida durante os anos de funcionamento do Consello Galego de Pesca, como órgano de asesoramento da Administración autonómica no referente ás políticas relacionadas co sector pesqueiro no seu conxunto, puxo de manifesto a conveniencia de revisar a súa estrutura mediante unha simplificación e minoración das diferentes comisións sectoriais que o compoñen, así como a necesidade de dar entrada nel á Federación Galega de Confrarías, creada polo Decreto 254/2004, do 21 de outubro, e a unha representación da pesca marítima de recreo, ausentes na anterior composición do Consello Galego de Pesca.

Polo exposto, por proposta da conselleira do Mar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e adscrición.

1. O Consello Galego de Pesca é un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos asuntos da pesca, marisqueo e acuicultura con incidencia no sector galego.

2. O Consello Galego de Pesca adscríbese á Consellería do Mar, que sufragará os custos derivados do seu funcionamento con cargo aos seus orzamentos.

Artigo 2. Funcións.

1. Son funcións do Consello Galego de Pesca as seguintes:

a) Colaborar coa Consellaría do Mar na elaboración da planificación pesqueira, marisqueira e acuícola e na programación de estudos sobre as distintas actividades que poidan favorecer o desenvolvemento do sector pesqueiro galego.

b) Estudar e propor as reformas que considere precisas na regulamentación pesqueira, marisqueira e acuícola con incidencia no sector pesqueiro galego.

c) Propor reformas, canalizar recomendacións e achegar suxestións respecto das políticas que afecten o sector pesqueiro no seu conxunto.

d) Realizarlles consultas a outros organismos e institucións.

e) Emitir informes e ditames en todos os casos en que así o dispoña o propio Consello, así como cando o solicite a Consellería do Mar.

f) Emitir ditames sobre os anteproxectos de lei en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, así como sobre os proxectos de disposicións regulamentarias que, en relación con tales materias, lle someta a Consellería do Mar.

2. As funcións do Consello Galego de Pesca desenvolveranse, cando proceda, incorporando a perspectiva de xénero.

Artigo 3. Réxime xurídico.

1. O Consello Galego de Pesca rexerase por este decreto e polo regulamento interno que poida establecer.

2. No non previsto neste decreto e nas normas internas de funcionamento, aplicarase o disposto na sección 3.ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

CAPÍTULO II
Organización

Artigo 4. Organización.

1. O Consello Galego de Pesca estrutúrase nos órganos seguintes:

a) Pleno.

b) Comisións sectoriais.

2. Para realizar as funcións sinaladas no artigo 2, en relación cos temas específicos de cada área, constitúense as seguintes comisións sectoriais:

a) De pesca en augas non comunitarias.

b) De pesca en augas comunitarias non españolas.

c) De arrastre de litoral.

d) De cerco.

e) De artes fixas en censos continxentados.

f) De artes menores.

g) De marisqueo e recursos específicos.

h) De acuicultura.

i) De transformación, comercialización, depuración e organizacións de produtores.

j) De política social e seguridade da frota.

3. A organización e composición do Consello Galego de Pesca farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 5. Composición do Pleno.

O Pleno do Consello Galego de Pesca estará composto polos seguintes membros:

a) A presidenta ou presidente, que será a conselleira ou conselleiro do Mar.

b) A vicepresidenta ou vicepresidente, que será a secretaria ou o secretario xeral técnico da Consellería do Mar.

c) O secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, que será un funcionario ou funcionaria da Consellería do Mar, con nivel mínimo de xefe de servizo, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

d) Os vogais, coa seguinte distribución:

– Dous representantes de cada federación provincial de confrarías, designados por cada unha delas, dos que un deberá ser o presidente da federación.

– Dous representantes da Federación Galega de Confrarías, designados por esta, dos que un deberá ser o presidente da federación.

– Dous representantes de cada unha das organizacións sindicais máis representativas a nivel autonómico, designados por cada unha delas.

– Dous representantes da pesca recreativa, un da pesca en superficie e outro da pesca submarina, designados polas respectivas federacións máis representativas deste sector.

– Tres representantes de cada comisión sectorial, designados por estas, procurando na designación, na medida que sexa posible, a representación dos diferentes subsectores que integren a comisión sectorial.

– Seis representantes do sector empresarial, designados pola conselleira ou conselleiro do Mar, dous polo sector extractivo, dous polo sector transformador, un polo sector da comercialización e da primeira venda, e un polo sector das organizacións de produtores.

Artigo 6. Composición da Comisión sectorial de pesca en augas non comunitarias.

A Comisión sectorial de pesca en augas non comunitarias estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas a nivel autonómico, designados por estas.

d) Nove vogais en representación do sector, designados polas asociacións de armadores máis representativas.

Artigo 7. Composición da Comisión sectorial de pesca en augas comunitarias non españolas.

A Comisión sectorial de pesca en augas comunitarias non españolas estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Nove vogais en representación do sector, designados polas asociacións de armadores máis representativas.

Artigo 8. Composición da Comisión sectorial de arrastre de litoral.

A Comisión sectorial de arrastre de litoral estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Dez vogais en representación do sector, dos que nove serán designados polas asociacións de armadores máis representativas e un pola Federación Galega de Confrarías.

Artigo 9. Composición da Comisión sectorial de cerco.

A Comisión sectorial de cerco estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Nove vogais en representación do sector, dos que seis serán designados pola Federación Galega de Confrarías e tres polas asociacións de armadores máis representativas.

Artigo 10. Composición da Comisión sectorial de artes fixas en censos continxentados.

A Comisión sectorial de artes fixas en censos continxentados estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Nove vogais en representación do sector, dos que sete serán designados pola Federación Galega de Confrarías e dous polas asociacións de armadores máis representativas.

Artigo 11. Composición da Comisión sectorial de artes menores.

A Comisión sectorial de artes menores estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Dez vogais en representación do sector, dos que nove serán designados pola Federación Galega de Confrarías e un polas asociacións de armadores máis representativas.

Artigo 12. Composición da Comisión sectorial de marisqueo e recursos específicos.

A Comisión sectorial de marisqueo e recursos específicos estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Nove vogais en representación do sector, designados pola Federación Galega de Confrarías.

Artigo 13. Composición da Comisión sectorial de acuicultura.

A Comisión sectorial de acuicultura estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Oito vogais en representación do sector da acuicultura de moluscos, dos que sete serán designados polas asociacións máis representativas e un pola Federación Galega de Confrarías.

e) Tres vogais en representación do sector da acuicultura de peixes, designados polo Clúster de Acuicultura de Galicia.

Artigo 14. Composición da Comisión sectorial de transformación, comercialización, depuración e organizacións de produtores.

A Comisión sectorial de transformación, comercialización, depuración e organizacións de produtores estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Un vogal por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Doce vogais en representación do sector, de conformidade coa seguinte distribución: tres vogais polo sector da conserva, tres vogais polo sector do elaborado, dous vogais polo sector da comercialización e primeira venda, un vogal polo sector da depuración e tres vogais polas organizacións de produtores (OO.PP.), designados por proposta das asociacións e organizacións máis representativas.

Artigo 15. Composición da Comisión sectorial de política social e seguridade da frota.

A Comisión sectorial de política social e seguridade da frota estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente ou presidenta, que deberá ser un director ou unha directora xeral da Consellería do Mar con competencia na materia, designado polo conselleiro ou conselleira do Mar.

b) O secretario ou secretaria, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

c) Dous vogais por cada unha das organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico, designados por estas.

d) Sete vogais en representación do sector, dos que tres serán designados pola Federación Galega de Confrarías, tres polas asociacións de armadores máis representativas e un polas asociacións e organizacións máis representativas no sector da acuicultura.

Artigo 16. Presidencia.

1. Correspóndelle á presidenta ou ao presidente do Pleno e das comisións sectoriais as seguintes funcións:

a) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

b) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

c) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

d) Visar as actas e certificacións dos acordos adoptados.

e) Fixar os prazos en que deberán emitirse, se é o caso, os informes ou ditames requiridos.

f) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente dun órgano colexiado.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, o presidente ou a presidenta do Pleno será substituído ou substituída polo vicepresidente ou vicepresidenta. No caso do presidente ou presidenta dunha comisión sectorial, será substituído ou substituída por un director xeral ou directora xeral da Consellería do Mar, designado polo seu titular.

Artigo 17. Secretaría.

1. Correspóndelle á secretaria ou secretario do Pleno e das comisións sectoriais as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Pleno e das comisións sectoriais por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros cos órganos do Consello Galego de Pesca.

d) Preparar o despacho dos asuntos que deban ser tratados en cada sesión.

e) Redactar e autorizar as actas das sesións, así como expedir certificacións dos acordos adoptados.

f) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario dun órgano colexiado.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, o secretario ou secretaria poderá ser substituído ou substituída por outro funcionario ou funcionaria da Consellería do Mar, designado polo seu titular.

Artigo 18. Vogais.

Correspóndelles aos vogais do Pleno e das comisións sectoriais:

a) Recibir a convocatoria que conteña a orde do día das reunións.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Artigo 19. Suplencia.

1. Cada vogal do Consello Galego de Pesca poderá ter un suplente designado na mesma forma que o titular e cos mesmos dereitos e obrigas, sen que se admita a delegación de voto noutros vogais do Consello.

2. Os vogais titulares e os suplentes poderán ser substituídos pola organización ou entidade que os designou. O vogal substituto entenderase designado polo período que reste do anterior mandato.

3. A substitución deberá comunicarse previamente á secretaría do Consello.

Artigo 20. Duración do mandato.

1. A duración do mandato dos membros do Consello Galego de Pesca será de catro anos, contados desde a data de constitución do Pleno do Consello Galego de Pesca, sendo renovable por períodos de igual duración, agás aqueles que o sexan por razón do seu cargo, cuxo mandato o será polo tempo que permanezan naquel.

2. Perderán a súa condición de membros por algunha das seguintes causas:

a) Terminación do mandato.

b) Deixar de concorrer os requisitos que determinaron a súa designación.

c) Renuncia.

d) Proposta das organizacións ou entidades que os designaron.

e) Morte ou declaración de falecemento, ou resolución xudicial firme que comporte a inhabilitación ou a suspensión de emprego ou cargo público.

Artigo 21. Participación externa.

Poderán asistir ás reunións do Pleno ou das comisións sectoriais, con voz pero sen voto, as persoas, representantes de organismos, institucións e entidades públicas ou privadas que, polas súas actividades, coñecemento ou experiencia, a presidencia considere oportuno por razón dos asuntos que se vaian tratar. Respecto da Comisión sectorial de política social e seguridade da frota, a presidencia poderá invitar ás súas reunións un representante de cada un dos grupos con representación no Parlamento de Galicia.

CAPÍTULO III
Funcionamento

Artigo 22. Periodicidade das reunións.

O Pleno e as comisións sectoriais do Consello Galego de Pesca celebrarán, polo menos, dúas sesións ordinarias ao ano, cuxa convocatoria será acordada pola presidencia. Así mesmo, a presidencia poderá convocar sesións extraordinarias cando o estime xustificado ou cando o solicite unha terceira parte dos vogais que integren o Pleno ou a comisión sectorial segundo o caso.

Artigo 23. Convocatorias e quórums de constitución.

1. As convocatorias ordinarias do Pleno e das comisións sectoriais efectuaranse, polo menos, con dez días de antelación á data da reunión. Para as extraordinarias poderá reducirse este prazo, que en ningún caso será inferior a tres días antes da data da reunión.

2. Para a válida constitución do Pleno ou das comisións sectoriais, en primeira convocatoria será necesaria a presencia do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan, e da metade máis un dos seus membros. En segunda convocatoria, que se entenderá producida con carácter automático transcorridos quince minutos da primeira, bastará coa asistencia, ademais do presidente e do secretario, da terceira parte dos seus membros.

3. No caso da falta de designación dos vogais por algunha organización, asociación ou federación, ou por algunha comisión sectorial respectos dos vogais do Pleno, adaptaranse os quórums ao número de vogais designados efectivamente.

Artigo 24. Adopción de acordos.

Os acordos, tanto no Pleno como nas comisións sectoriais, serán adoptados pola maioría simple dos seus membros.

Artigo 25. Grupos de traballo.

1. Para a análise e o estudo de temas concretos, no Pleno e nas comisións sectoriais poderán constituírse grupos de traballo de carácter temporal ou permanente, integrados por un mínimo de catro e un máximo de sete membros, aos que poderán asistir os técnicos e expertos na materia designados pola presidencia do Pleno ou da comisión sectorial, por proposta do grupo de traballo.

2. Cada grupo de traballo designará de entre os seus membros un coordinador, que presentará ao Pleno ou á comisión sectorial os traballos realizados ou as súas conclusións.

Artigo 26. Informes e ditames.

1. Os informes ou ditames que poida emitir o Consello Galego de Pesca no desempeño das súas funcións serán facultativos e non vinculantes.

2. O prazo máximo establecido para a súa emisión non poderá exceder os dous meses. Transcorrido o prazo sen emitir o informe ou ditame, entenderase que non existe ningunha obxección á cuestión suscitada.

Artigo 27. Indemnizacións por asistencia.

Os membros do Consello Galego de Pesca teñen dereito á percepción de indemnizacións pola súa asistencia e gastos de desprazamento ás reunións, de acordo co establecido na normativa vixente.

Disposición transitoria única.

O Consello Galego de Pesca, coa actual composición, continuará coas funcións que tiña encomendadas ata a súa nova constitución.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o Decreto 246/2002, do 18 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Pesca.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da Consellería do Mar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar