Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17779

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 122/2011, do 16 de xuño, polo que se crea a Comisión para o seguimento e avaliación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 4.2, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

A Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, adoptada por Nacións Unidas o 13 de decembro de 2006 e ratificada por España o 3 de maio de 2008, establece no seu artigo 1 que é o seu propósito «promover, protexer e asegurar o goce pleno e en condicións de igualdade de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais por todas as persoas con discapacidade, e promover o respecto da súa dignidade inherente».

Os máis de 210.000 galegos e galegas que teñen recoñecida a situación de discapacidade recórdannos a necesidade de adoptar medidas que garantan a igualdade de trato, a equiparación de oportunidades e a aceptación das diferenzas. Compartindo a importancia que para estas persoas reviste a súa autonomía e independencia individual, incluída a liberdade de tomar as súas propias decisións, a Consellería de Traballo e Benestar, no marco do ámbito competencial establecido polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, intensificou a planificación de actuacións en favor das mulleres e dos homes con algunha discapacidade a través da posta en marcha do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013, que unifica os criterios e articula as medidas de política social para este grupo de poboación.

Este primeiro Plan de acción para as persoas con discapacidade de Galicia, que conta co informe do Consello do Goberno da Xunta de Galicia, do 10 de decembro de 2010, constitúe un instrumento que o goberno galego pon ao servizo da comunidade para acadar o obxectivo de promover a participación social de toda a cidadanía e camiñar cara a unha sociedade plenamente integradora e inclusiva, partindo da confianza plena nas capacidades e oportunidades de todas as persoas, sen exclusión. Constitúe un exemplo de boa práctica, coordinación e implicación das diferentes consellerías da Administración con competencias nas diversas materias que o integran, así como da participación das propias persoas con discapacidade a través do movemento asociativo que as representa e dos axentes sociais presentes no diálogo social, en cumprimento do disposto na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

O Plan estrutúrase en dez áreas temáticas, nas cales se recollen 300 actuacións que se van desenvolver durante o seu período de vixencia, orientadas á consecución de 38 obxectivos específicos.

No seu capítulo 4, sobre avaliación e seguimento do plan, prevé a creación dunha Comisión para o seu seguimento e avaliación, que estará integrada por representantes das consellerías da Xunta de Galicia e entidades públicas participantes no seu deseño e execución, así como por representantes do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) e dos axentes sociais presentes no diálogo social.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación.

Créase a Comisión para o seguimento e avaliación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013, adscrita á Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2. Composición e estrutura.

1. A comisión estará integrada por representantes das consellerías da Xunta de Galicia, entidades públicas instrumentais e universidades que interveñen na execución das actuacións previstas no Plan, e terá a seguinte composición:

● Presidencia: a persoa titular da consellería competente no ámbito do benestar.

● Vicepresidencia: a persoa titular do órgano de dirección competente no ámbito de atención á dependencia e promoción da autonomía persoal.

● Secretaría: actuará como secretario/a da comisión, con voz pero sen voto, a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de promoción da autonomía persoal.

● Vogais:

a) As persoas que estean a cargo das secretarías xerais técnicas das seguintes consellerías:

– Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Consellería de Facenda.

– Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– Consellería de Economía e Industria.

– Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

– Consellería de Sanidade

– Consellería de Cultura e Turismo.

– Consellería de Traballo e Benestar.

– Consellería do Medio Rural.

– Consellería do Mar.

b) As persoas que estean a cargo das seguintes secretarías xerais:

– Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

– Secretaría Xeral para o Deporte.

– Secretaría Xeral de Emigración

– Secretaría Xeral da Igualdade.

– Secretaría Xeral de Medios.

– Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

c) Unha persoa en representación de cada unha das entidades públicas instrumentais seguintes:

– Instituto Galego de Vivenda e Solo.

– Escola Galega de Administración Pública.

– Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades dependentes.

No caso das dúas primeiras deberá ter, cando menos, rango de secretario/a xeral e, no caso da última, de director/a xeral ou director/a xerente.

d) Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas, que deberán ter, cando menos, rango de vicerreitor/a.

e) Un máximo de tres persoas en representación do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia).

f) Ata un máximo de catro persoas en representación das organizacións sindicais integrantes da Mesa de Diálogo Social e da Confederación de Empresarios de Galicia. Para estes efectos, será designada unha persoa por cada unha das organizacións sindicais con maior representación, e outra pola Confederación de Empresarios de Galicia.

2. En caso de ausencia ou de imposibilidade de asistencia á reunión, o titular do órgano representado poderá designar outra persoa con rango orgánico, cando menos, de subdirector/a xeral, ou equivalente no caso das entidades públicas instrumentais e universidades.

3. A designación e cesamento dos membros da comisión que non o sexan por razón dos seus cargos, e os seus respectivos suplentes, farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na composición total da comisión.

Artigo 3. Finalidade e funcións.

1. A finalidade desta comisión é efectuar o seguimento e avaliación periódica das diferentes actuacións previstas no Plan de acción integral para as persoas con discapacidade, durante o seu período de vixencia, co obxectivo de garantir a súa permanencia e eficacia, verificar o seu grao de consecución e promover as modificacións ou medidas que procedan, co fin de reconducir, se é o caso, os obxectivos específicos deste plan.

Ademais, o seguimento e avaliación do plan a través desta comisión deberá servir de apoio na toma de decisións políticas cara á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, contribuíndo ao coñecemento de prácticas e programas efectivos para a integración deste grupo de poboación na sociedade.

2. Son funcións da Comisión para o seguimento e avaliación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013 as seguintes:

– Impulsar o desenvolvemento das actuacións e a consecución dos obxectivos específicos previstos no plan nos diferentes ámbitos de actuación en que este se vai desenvolver.

– Propoñer novas actuacións, así como a reformulación ou reprogramación das previstas no plan nos casos que proceda.

– Aprobar as modificacións no sistema de indicadores previsto no plan asociado ás diferentes actuacións, por proposta de cada consellería e entidade implicada no seu desenvolvemento.

– Facilitar a información relativa ao grao de consecución das actuacións, a través dos indicadores previstos no plan e asociados ás diferentes actuacións, no ámbito de cada consellería e entidade implicada no seu desenvolvemento, coa finalidade de elaborar os correspondentes informes de seguimento e de avaliación.

– Dar conta do seguimento e avaliación do plan así como do grao de consecución dos obxectivos previstos, con base nos informes anuais que se elaboren ao respecto.

– Propoñer, se é o caso, a creación de grupos de traballo sobre aqueles asuntos en que, pola súa complexidade ou especificidade, así se requira, coa composición, funcións e duración que en cada caso se determine.

3. No desenvolvemento das funcións de seguimento e avaliación, a comisión incorporará, cando proceda, a perspectiva de xénero.

Artigo 4. Funcionamento.

A comisión actuará en pleno e reunirase, como mínimo, unha vez ao ano con carácter ordinario, logo de convocatoria da súa Presidencia, e con carácter extraordinario sempre que a súa Presidencia o considere oportuno. As convocatorias das sesións da comisión efectuaranse con sete días de antelación a aquel en que vaia ter lugar a reunión. A comisión entenderase validamente constituída coa asistencia da maioría dos seus membros.

Artigo 5. Grupo coordinador de seguimento e avaliación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013.

1. Créase o Grupo coordinador de seguimento e avaliación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013 co obxecto de dar apoio técnico á comisión na elaboración dos informes anuais de seguimento e de avaliación e na preparación das sesións, así como de promover os labores de coordinación, impulso, seguimento e recepción da información das diversas consellerías e entidades públicas implicadas na execución do plan.

O grupo coordinador realizará, durante o período de vixencia do plan, unha avaliación intermedia de carácter interno, na cal se identificarán, entre outras cuestións, as actuacións executadas, iniciadas e finalizadas, coa finalidade de coñecer o grao de execución do plan.

2. O grupo coordinador estará formado polo seguintes membros:

● Presidente/a: a persoa titular do órgano de dirección competente no ámbito da atención á dependencia e promoción da autonomía persoal.

● Vogais:

a) Tres persoas funcionarias do órgano de dirección competente no ámbito da atención á dependencia e promoción da autonomía persoal, unha delas con rango orgánico de subdirector/a xeral e os outros dous con rango orgánico de xefe/a de servizo.

b) Un/unha funcionario/a do órgano de dirección con competencias en materia de igualdade, con rango orgánico de subdirector/a xeral.

c) Un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral Técnica da Consellería con competencia en materia de traballo e benestar.

d) O/a presidente/a do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia ou persoa que designe na súa representación.

A secretaría será desempeñada por unha das persoas vogais do órgano de dirección competente no ámbito de atención á dependencia e promoción da autonomía persoal. Este grupo coordinador poderá contar coa asistencia técnica de persoas con coñecementos en discapacidade e igualdade de xénero e de planificación e avaliación de políticas sociais.

3. O grupo coordinador reunirase coa periodicidade que sexa precisa para o desenvolvemento das súas funcións, por instancia do/a seu/súa presidente/a. En todo caso, reunirase, como mínimo, unha vez cada trimestre. Para estes efectos, as reunións serán convocadas cun mínimo de 48 horas de antelación.

Artigo 6. Réxime xurídico.

Sen prexuízo do previsto neste decreto, o réxime xurídico e actuación da comisión axustarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a sección 3.ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional.

A creación da Comisión para o seguimento e avaliación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013 non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería a que se adscribe.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a conselleira de Traballo e Benestar para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar