Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17816

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de xuño de 2011 pola que se modifica a do 7 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Economía e Industria ditou a Orde do 7 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e se procede á súa convocatoria (Diario Oficial de Galicia n.º 52, do 15 de marzo de 2011).

O artigo 2 da parte dispositiva da Orde do 7 de marzo de 2011, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinará unha contía de 1.380.085,18 euros para a anualidade do 2011 e de 966.059,62 euros para a anualidade do 2012 con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.733B.760.0, considerándose a posibilidade de incrementar as devanditas cantidades en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, non supoñendo este feito a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Mediante a Orde do 25 de abril de 2011, modificouse o artigo 2 da Orde do 7 de marzo de 2011, no referente ao crédito orzamentario da partida 08.04.733B.760.0 para o ano 2011, pasando a ser de 2.214.765.25 €, por mor do elevado número de solicitudes e ao seu importe subvencionable.

Logo de efectuar a modificación a que se fai referencia no parágrafo anterior, o investimento subvencionable continúa superando a cantidade dispoñible na partida orzamentaria correspondente, polo que é preciso efectuar un novo aumento do crédito co fin de atender a un maior número de solicitudes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificar o artigo 2 da parte dispositiva da orde da Consellería de Economía e Industria do 7 de marzo de 2011, no referente ao crédito orzamentario destinado á anualidade de 2011, incrementándose este en 167.702,32 euros, pasando de 2.214.765,25 euros á cantidade final de 2.382.467,57 euros.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria