Con data do 29 de abril de 2008 concedeuse a autorización ambiental integrada, co número de rexistro 2005/0101_NAA/IPPC_150, a Electroquímica del Noroeste, S.A.U. para a planta química de produción de cloro/sosa e derivados situada en Lourizán. Conforme o indicado nesta resolución, a vixencia da autorización finalizará o vindeiro 31 de decembro de 2011.
O artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, estipula que, transcorrido o prazo de vixencia da autorización, esta debe ser renovada e, de ser o caso, actualizada. Atendendo ao indicado, e para os efectos previstos no artigo 7.2 do Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, faise público que, por espazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada pola solicitante para a renovación da autorización ambiental integrada, constituída polo documento titulado:
– Renovación. Autorización ambiental integrada. Maio-2011.
Co fin de que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, formular no devandito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. O citado documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:
● Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental - Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).
● Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas (r/ Fernández Ladreda, 43-1.º-4.º, 36003 Pontevedra).
● Concello de Pontevedra (praza de España, 1, 36071 Pontevedra).
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2011.
Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliacion Ambiental