Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17814

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 126/2011, do 3 de xuño, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, de dúas parcelas feita polo Concello de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia, para a construción dun centro integrado de formación profesional.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra en sesións do día 28 de febreiro e 14 de marzo de 2011, acordou ceder, a título gratuíto, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, dúas parcelas para a construción do centro integrado de formación profesional Carlos Oroza.

A Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acéptase nos termos establecidos polo Concello de Pontevedra a cesión, a título gratuíto, dos inmobles seguintes:

Predio n.º 14 da U.A. número 13 A Parda-Pedra do Lagarto do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontevedra, na rúa Pedra do Lagarto, dunha superficie de 3.012 m2 situada ao leste do ámbito da UA no concello de Pontevedra. Linda: norte, colexio Sagrado Corazón; sur, avenida Juan Carlos I; leste, predio de Severino Martínez; oeste, vía número catro de nova creación que forma parte do predio de resultado número trece do proxecto de compensación. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Pontevedra como predio 68.307, libro 891, tomo 1.725, folio 161. Referencia catastral: 06730A8NG3907S0001EQ.

Parcela E4 na unidade de execución 14-I do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontevedra, na parroquia da Virxe do Camiño no concello de Pontevedra, cunha superficie de 646 m2. Linda: norte, colexio Sagrado Corazón; sur e leste, con vía principal (V1); e oeste coa unidade de execución número trece. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Pontevedra como predio 50.612, libro 612, tomo 1.295, folio 151. Referencia catastral: 0673093NG3907S0001WQ.

Artigo 2.

O destino do inmoble será a construción do centro integrado de formación profesional Carlos Oroza.

Artigo 3.

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda