Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17883

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral Técnica, polo que se acorda someter a información pública o proxecto de decreto polo que se actualiza o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e se modifica o procedemento de catalogación, descatalogación ou cambio de categoría de especies.

De conformidade co artigo 16.1 a) da Lei 27/2006, do 18 de xuño, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desa lei, as administracións públicas, ao estableceren ou tramitaren os procedementos que resulten de aplicación, velarán porque se informe o público, mediante avisos públicos ou outros medios apropiados, como os electrónicos, cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

Dentro das materias sobre as cales deben as administracións públicas asegurar que se observen as garantías en materia de participación, atópase a materia de conservación da natureza, diversidade biolóxica, segundo o artigo 18 da Lei 27/2006, do 18 de xuño.

Por outra banda, e de conformidade co parágrafo segundo do artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen será sometida a información pública.

A través deste decreto preténdese actualizar a lista de especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, así como modificar o procedemento para a inclusión, cambio de categoría ou exclusión dunha especie nel.

Na súa virtude e de conformidade co artigo 16.1 a) da Lei 27/2006, do 18 de xuño, e co artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 decembro,

ACORDO:

Someter a información pública, por un prazo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación deste acordo, o proxecto de decreto polo que se actualiza o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e se modifica o procedemento de catalogación, descatalogación ou cambio de categoría de especies.

Este proxecto de decreto poderase consultar na páxina web da Consellería do Medio
Rural: http://mediorural.xunta.es/nc/transparencia/elaboracion_de_disposicions_proxectos_e_actos_administrativos/.

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2011.

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural