Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 30 de xuño de 2011 Páx. 17608

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 20 de xuño de 2011 pola que se aproba o obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de inspección da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

O artigo 38 da Constitución española recoñece a liberdade de empresa no marco da economía de mercado e obriga os poderes públicos a garantir e protexer o exercicio da devandita liberdade e a defensa da produtividade, de acordo coas exixencias da economía xeral e, se é o caso, da planificación.

Por outra parte, a normativa xeral comunitaria no ámbito da seguridade industrial relativa ás instalacións, máquinas e produtos, e aqueloutra específica referida ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñen substancias perigosas establecen os requisitos mínimos exixibles de seguridade que constitúen o punto de partida da correspondente transposición normativa estatal e do desenvolvemento lexislativo autonómico.

A crecente complexidade das instalacións industriais como consecuencia dos avances tecnolóxicos e da fabricación de novos produtos e materiais, xunto coa posibilidade de aparición de novos riscos, leva consigo un incremento da complexidade da inspección e control, que debe ser realizada por persoal especializado dotado de equipamentos e medios materiais específicos. Por outra parte, a competencia entre as empresas e a nova organización de traballo poden incrementar aínda máis as dificultades para un efectivo control dos riscos. Sobre a base destas consideracións é necesario que a Administración dispoña dos medios de inspección e control necesarios para garantir de xeito efectivo a seguridade das instalacións industriais e a diminución do risco de accidentes.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, establece as normas básicas reguladoras da ordenación das actividades e instalacións industriais así como o control administrativo para a vixilancia e control do cumprimento das normas e regulamentos de seguridade industrial. En concreto, no capítulo I do seu título III, relativo á seguridade industrial, defínese o obxecto da seguridade, o contido dos regulamentos, os medios de proba do cumprimento regulamentario e o control administrativo que poderá exercer a Administración sobre os establecementos, instalacións e produtos industriais para comprobar en calquera momento, por si mesma ou a través de organismos de control, o cumprimento das disposicións e requisitos de seguridade. Así mesmo, configúranse os organismos de control nos seus requisitos e funcionamento como entidades con personalidade xurídica, con disposición de medios técnicos, materiais e humanos para verificar que as instalacións e os produtos industriais cumpren as condicións de seguridade.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 30.2 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de industria sen prexuízo do que determinen as normas no Estado en materia de seguridade industrial. En particular, é competencia exclusiva da comunidade autónoma a inspección das instalacións industriais, así como o establecemento dos requisitos e condicións adicionais que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas no ámbito da inspección.

En exercicio de tales competencias, ditouse a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia. A devandita lei establece e regula no seu título primeiro o sistema de control da seguridade industrial, definíndoo no seu artigo 5 como o conxunto de instrumentos legais que contribúan a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, instalacións e produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial. Conforme o número 2 do devandito artigo, os instrumentos integrantes do sistema de control da seguridade industrial en Galicia son:

a) Intervención administrativa na instalación, ampliación e traslado de establecementos e instalacións industriais nos termos descritos no capítulo I do título I.

b) Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

c) Rexistros industriais especiais.

d) Inspección industrial: plans e programas de inspección.

e) Entidades legalmente habilitadas.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección recóllese no capítulo II do título I da lei. Polo que respecta a estes últimos, establécese no artigo 21.1 que a consellería competente en materia de industria elaborará e aprobará plans de inspección das actividades reguladas na lei, que serán levadas a cabo directamente polos funcionarios da devandita consellería ou, baixo a supervisión desta, a través das entidades legalmente habilitadas que, para o efecto, sexan requiridas. Especifícase no artigo 23.3 que, sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellería competente en materia de industria, a execución material dos programas poderá levarse a cabo por entidades legalmente habilitadas, para o que se utilizará, como instrumento de xestión, a celebración de convenios de colaboración cos sectores afectados por este, se así se determina no correspondente plan de inspección.

A ordenación da actividade administrativa da inspección de industria está desenvolvida no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia. No devandito decreto regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola que a consellería competente en materia de industria ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, xa a acometa directamente a Administración ou outras entidades autorizadas. Neste caso, a execución das inspeccións non deriva da obriga recollida nos regulamentos de seguridade industrial senón da súa función de garante do control das condicións de seguridade de produtos e instalacións suxeitos á seguridade industrial.

Entre as ferramentas que coadxuvan a cumprir eficazmente o servizo de vixilancia e inspección referente á seguridade dos establecementos, instalacións e produtos industriais están os plans de inspección como fórmula idónea para garantir o cumprimento dos regulamentos de seguridade industrial e a normativa que lles resulte de aplicación. Os plans de inspección enmárcanse así nunha cultura da seguridade industrial baseada na adopción de medidas preventivas e correctoras, co obxectivo de acadar unhas instalacións industriais máis seguras. A eles refírense os artigos 13 e 14 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, indicando o primeiro deles que a dirección xeral competente en materia de industria elaborará e aprobará, con carácter periódico, plans de actuacións inspectoras programadas e que, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria, se aprobarán o obxecto, contido e ámbito de actuación que informen cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das xefaturas territoriais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que deben realizar conforme o plan e programas que se aproben.

Polo que respecta á execución dos plans de inspección de seguridade industrial, no artigo 14 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, establécese que serán levados a cabo directamente polo persoal inspector ou, baixo a supervisión da Administración, a través das entidades legalmente habilitadas que, para o efecto, sexan requiridas.

Conforme o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, a devandita consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da industria e da seguridade industrial.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

De acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia e no artigo 13, número 2, do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia, por medio desta orde procédese a aprobar o obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan anual de inspección.

O plan anual de inspección de seguridade industrial constará dunha serie de programas específicos de inspección, a través dos cales a administración competente en materia de seguridade industrial, cos seus propios medios ou coa colaboración de entidades legalmente habilitadas, realizará a supervisión, control e vixilancia de distintos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais co obxecto de verificar o grao de cumprimento das condicións de seguridade exixidas.

En concreto, o Plan de inspección do ano 2011 comprenderá 800 inspeccións distribuídas en 15 programas. Cada programa de inspección centrarase nun sector do tecido económico e recollerá os contidos mínimos previstos no artigo 22.3 da Lei 9/2004, de seguridade industrial de Galicia. Os programas do plan serán os seguintes:

– Programa 1: hoteis.

– Programa 2: colexios.

– Programa 3: gardarías.

– Programa 4: adegas.

– Programa 5: auxiliares automóbiles.

– Programa 6: talleres mecánicos.

– Programa 7: tratamentos químicos.

– Programa 8: serradoiros/transformación de madeira.

– Programa 9: graniteiros.

– Programa 10: pirotecnia.

– Programa 11: caldeirarías e metal mecánico.

– Programa 12: carpintaría de aluminio.

– Programa 13: centros de saúde e clínicas.

– Programa 14: conserveiras.

– Programa 15: plantas de acuicultura.

Artigo 3. Ámbito xeográfico do plan.

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección a que se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais situadas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 4. Metodoloxía.

1. A articulación da xestión, desenvolvemento e execución dos programas de inspección de seguridade industrial en que se estrutura o plan anual farase conforme os principios establecidos na Lei 9/2004, de seguridade industrial de Galicia e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, de inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellería competente en materia de industria, a execución material dos programas poderá ser levada a cabo por entidades legalmente habilitadas, para o que se utilizará como instrumento de xestión, a celebración de convenios de colaboración.

Artigo 5. Execución e desenvolvemento.

1. As inspeccións de seguridade industrial previstas nos programas de inspección serán realizadas:

– Por funcionarios facultativos competentes en materia de seguridade industrial que ocupen postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control e a inspección na citada materia, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria segunda da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

– A través de entidades legalmente habilitadas, de acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia e no artigo 14 do Decreto 219/2008 ou da asociación na que estas se integren.

2. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria exercerán as funcións de supervisión e control das inspeccións ordenadas ás entidades legalmente habilitadas na execución de cada programa, podendo para iso o persoal técnico da consellería estar presente naquelas inspeccións que considere oportuno e realizar as comprobacións posteriores que crea necesarias unha vez realizada a inspección.

3. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación, produto ou actividade industriais incluída nun programa de inspección enmarcado no control administrativo non eximirá o devandito establecemento, instalación, produto ou actividade industriais de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 6. Indicadores.

Cada inspección será avaliada e quedará representada mediante indicadores do grao de suxeición dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais ás exixencias administrativas de obrigado cumprimento, mediante unha escala numérica de cinco puntos totais, obtendo o maior número de puntos a mellor valoración.

Artigo 7. Vixencia do plan.

A vixencia do Plan de inspección comezará na data da súa aprobación pola dirección xeral competente en materia de industria e estenderase ata o 30 de novembro de 2011.

Disposición adicional.

O Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 aprobarase por resolución do director/a xeral competente en materia de seguridade industrial, con suxeición ao disposto nesta orde e, con carácter xeral, na Lei 9/2004, de seguridade industrial de Galicia e o Decreto 219/2008, do 25 de setembro, de inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia e na restante normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director/a xeral competente en materia de seguridade industrial a ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria