Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 29 de xuño de 2011 Páx. 17419

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de xuño de 2011 pola que se crea a biblioteca virtual Bibliosaúde do Sistema Público de Saúde de Galicia e a Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde.

A implantación dunha biblioteca virtual no Sistema Público de Saúde de Galicia constitúe un obxectivo fundamental da Consellería de Sanidade. A evolución dun contorno físico a un contorno virtual supón unha novidade importante que implica, necesariamente, un cambio cultural na utilización dos recursos bibliográficos existentes.

No momento actual, a forte implantación das tecnoloxías da información e do coñecemento nos centros de saúde e nos hospitais permite darlles un servizo cualificado aos profesionais sanitarios que poden acceder desde calquera punto do centro de traballo aos recursos de información que precisen para o desenvolvemento da súa actividade.

A biblioteca virtual do Sistema Público de Saúde de Galicia, coñecida por Bibliosaúde, ten como obxectivo proporcionar o apoio necesario para que os profesionais sanitarios dispoñan de recursos que faciliten a mellora da calidade asistencial, docente e de investigación, así como a xestión sanitaria da organización.

Para seguir avanzando no proceso de consolidación é necesario crear, ademais, unha comisión de carácter técnico, na cal se incorporen os responsables das bibliotecas dos centros hospitalarios, que se encargará de asesorar no desenvolvemento da biblioteca virtual, así como de organizar e difundir o acceso aos recursos dispoñibles.

Na súa virtude, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, e tendo en conta o disposto no artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. A biblioteca virtual Bibliosaúde está constituída polo conxunto de bibliotecas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e traballa no desenvolvemento dunha biblioteca para os profesionais e usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. O obxectivo da biblioteca virtual Bibliosaúde é poñer á disposición dos usuarios a información relevante para a toma de decisións na práctica clínica, a docencia e a investigación, ademais de fomentar a actualización dos contidos.

Artigo 2. Finalidade.

A finalidade da biblioteca virtual Bibliosaúde é difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde a través da internet e reunir nun único sitio diferentes fontes de información, garantindo a calidade e a actualización continua dos seus contidos.

Artigo 3. Composición da biblioteca virtual Bibliosaúde.

1. A biblioteca virtual Bibliosaúde estará composta polas bibliotecas dos seguintes centros: Complexo Hospitalario A Coruña (CHUAC); Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS); Área sanitaria de Ferrol; Hospital Lucus Augusti; Hospital da Costa; Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU); Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP); Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI); Consellería de Sanidade e Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS).

2. Adscríbense á biblioteca virtual Bibliosaúde os seguintes centros: Hospital do Salnés; Hospital Comarcal de Valdeorras; Hospital Virxe da Xunqueira de Cee; Hospital Comarcal da Barbanza; Hospital Comarcal de Monforte de Lemos; Hospital Comarcal de Verín e a Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia.

Artigo 4. A Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde.

A Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde terá como finalidade o desenvolvemento, xestión e mellora continua da biblioteca virtual Bibliosaúde do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 5. Funcións da Comisión Técnica Asesora.

A Comisión Técnica Asesora desenvolverá as seguintes funcións:

a) Asesorar no desenvolvemento e consolidación dunha política bibliotecaria para todas as bibliotecas da rede de centros sanitarios, coa finalidade de garantir a equidade e o acceso ao coñecemento de todos os usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia.

b) Estimular o enriquecemento da biblioteca virtual, mediante propostas concretas de actuacións e a inclusión de coleccións documentais.

c) Potenciar a relación e coordinación entre toda a rede de bibliotecas do Sistema Público de Saúde de Galicia.

d) Prestar asesoramento sobre a creación de novas unidades da biblioteca virtual nos novos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

e) Adoptar medidas de racionalización do custo e usos das coleccións, compartindo os recursos con eficacia e mellorando os servizos prestados.

f) Organizar e difundir o acceso aos recursos dispoñibles, así como organizar actividades e promover o coñecemento da biblioteca virtual.

g) Aprobar os criterios de desenvolvemento da colección atendendo ás distintas necesidades dos usuarios.

h) Racionalizar e optimizar o uso e desenvolvemento das coleccións electrónicas.

i) Garantir e adoptar as medidas necesarias para facilitar o acceso á información existente na Bibliosaúde, de forma que lles permita á organización e aos seus integrantes cumpriren os seus obxectivos de asistencia, investigación e docencia.

j) Garantir a calidade dos recursos integrados na biblioteca virtual, poñendo á disposición dos usuarios a información máis relevante para a toma de decisións na práctica médica e de coidados, xestión da docencia e investigación.

k) Establecer un sistema homoxéneo de prestación de servizos de atención e formación dirixido aos profesionais e usuarios.

l) Planificar e desenvolver as necesidades formativas do colectivo profesional das bibliotecas, fomentando a participación en proxectos de investigación dos seus profesionais.

m) Aquelas outras que lle sexan encomendadas.

Artigo 6. Adscrición e composición.

1. A Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde está adscrita á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

2. A Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde estará composta por un presidente, un vicepresidente, e once (11) vogais.

Os vogais serán os responsables de cada unha das bibliotecas existentes en cada unha das áreas sanitarias. O presidente e o vicepresidente da comisión serán designados pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade de entre os vogais. Actuará como secretario/a da comisión un dos seus vogais, designado por acordo do pleno.

Artigo 7. Funcións do presidente.

Correspóndelle ao presidente da Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde:

a) Exercer a súa representación.

b) Manter a continuidade da comisión, coordinando as súas actividades e executando os acordos que se adopten.

c) Acordar a convocatoria das reunións ordinarias e extraordinarias da comisión.

Artigo 8. Funcionamento.

1. A Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde reunirase, con carácter ordinario, cada dous meses. Con carácter extraordinario poderá reunirse, cantas veces sexa necesario, por iniciativa da presidencia da comisión ou por iniciativa da terceira parte dos seus membros.

2. A comisión quedará validamente constituída cando asistan, ademais do presidente e do secretario, ao menos a metade dos seus membros. O secretario poderá ser substituído polo seu suplente, se existir, ou por outro membro, designado para o acto de que se trate polos membros da comisión.

3. De cada reunión que se celebre elaborarase unha acta na cal se recollan de forma sucinta as persoas asistentes e os acordos adoptados.

4. Ás sesións da comisión poderán asistir, con voz e sen voto, as persoas que se consideren necesarias por razón da súa especialidade, por decisión da presidencia ou por acordo maioritario da propia comisión.

5. A Consellería de Sanidade facilitara os medios persoais e os medios técnicos necesarios para o mantemento das reunións.

6. Sen prexuízo do establecido nesta orde, a comisión, como órgano colexiado, rexerase polo disposto nos artigos 14 a 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Subcomisións.

A Comisión Técnica Asesora de Bibliosaúde poderá contar coas subcomisións sectoriais que sexan necesarias para o desenvolvemento dos seus fins. A composición destas e o seu funcionamento serán acordados polo pleno da comisión.

Artigo 10. Comité Central da Biblioteca Virtual.

1. Créase, como órgano de participación, o Comité Central da Biblioteca Virtual, que estará integrado por representantes asistenciais das áreas sanitarias e dos órganos centrais da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, formará parte deste comité o presidente da Comisión Técnica Asesora.

2. Este comité reunirase, como mínimo, unha vez ao ano, e as súas funcións serán as seguintes:

a) Realizar propostas concretas de actuación para o desenvolvemento e difusión da biblioteca virtual Bibliosaúde.

b) Establecer propostas de desenvolvemento da colección atendendo ás necesidades dos usuarios no seu respectivo ámbito.

c) Propoñer criterios de harmonización dos recursos e fontes de información coa finalidade de conseguir a equidade no acceso á información.

Disposición adicional única. Ausencia de incremento do gasto público.

A aprobación e entrada en vigor desta orde non supón incremento do gasto público.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento.

Facúltase a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para adoptar as medidas necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2011.

María Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade