Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 29 de xuño de 2011 Páx. 17425

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 120/2011, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura organizativa responsable do funcionamento do control leiteiro oficial.

O control oficial de rendemento leiteiro é un instrumento esencial no desenvolvemento dos esquemas de selección xenética do gando de leite, por canto determina o valor produtivo dos animais. O Real decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina (BOE n.º 97, do 23 de abril), establece as normas básicas de coordinación e funcionamento do control oficial do rendemento leiteiro en gando bovino, ovino e cabrún en España. Consonte as previsións da norma estatal, a organización do control leiteiro debe estruturarse arredor de centros autonómicos de control, que se constitúen para aglutinar as funcións dos núcleos de control, apoiados polos laboratorios autonómicos.

O artigo 2 a) do referido real decreto define o control oficial do rendemento leiteiro como o conxunto de actuacións cuxo obxecto é a avaliación xenética dos reprodutores das especies bovina, ovina e caprina de aptitude leiteira para mellorar as producións lácteas e que consistirá na comprobación sistemática da cantidade de leite producido e dos seus compoñentes, así como a recollida doutra información de validez, para a súa incorporación aos esquemas de selección aprobados para as diferentes razas.

De igual forma, no seu artigo 2.d) define o centro autonómico de control leiteiro como o órgano responsable da organización e execución do control leiteiro oficial en cada comunidade autónoma.

No artigo 4 do mesmo texto legal especifícase que as comunidades autónomas son as responsables, no ámbito das súas competencias, do control leiteiro oficial, e que lle corresponde ao MARM unha función de coordinación. Recóllese igualmente que o dito control se executará a través dos centros autonómicos de control leiteiro, baixo a supervisión das comunidades autónomas e coa participación e asesoramento das organizacións ou asociacións de gandeiros oficialmente recoñecidas para a xestión dos libros xenealóxicos de razas de aptitude leiteira en virtude do artigo 3 do Real decreto 420/1987, do 20 de febreiro, sobre selección e reprodución de gando bovino de razas puras, e do artigo 3 do Real decreto 286/1991, do 8 de marzo, sobre selección e reprodución de gando ovino e caprino de razas puras, definidas no artigo 2 c) do Real decreto 368/2005, do 8 de abril.

O artigo 11 do real decreto, relativo aos centros autonómicos de control leiteiro, dispón no seu número 1 que en cada comunidade autónoma se constituirá un centro autonómico de control leiteiro, que actuará como a unidade de coordinación e xestión da execución no ámbito autonómico do control leiteiro oficial.

O carácter oficial do control deriva da necesaria realización a través da metodoloxía aceptada pola norma estatal. Ata a actualidade, a organización do control leiteiro en Galicia sustentouse na actividade das asociacións provinciais de control leiteiro recoñecidas para tal fin, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, que por un lado facilitou a integración informática dos datos de control e, por outro, supervisou a actividade mediante a inspección oficial efectuada pola unidade competente en gandaría.

O sector lácteo galego cínguese ao gando vacún de raza frisona. Este sector está a evolucionar cunha redución do número de explotacións, que se profesionalizan e acadan ratios de produtividade e excelencia sanitaria comparables cos mellores estándares europeos. Os gandeiros e gandeiras galegas de leite requiren cada día un maior protagonismo na xestión dos aspectos que condicionan o desenvolvemento da súa actividade. Neste sentido, a xestión da información do control leiteiro é unha fonte de datos relevantes que deben estar completamente ao seu dispor.

As asociacións provinciais de control leiteiro (Africor) veñen realizando as funcións do control de rendementos leiteiros para a avaliación xenética da reprodución das especies bovina, ovina e caprina desde a súa constitución no ano 1992, en execución dos plans integrais de mellora xenética auxiliados pola consellería competente en materia de gandaría. Estas asociacións manifestaron a súa intención de continuar coa realización das actuacións relativas á xestión do control dos rendementos leiteiros, en canto que é de sumo interese para os seus asociados na medida que estas actuacións garanten o valor das súas producións.

Polo anterior, consonte co artigo 11.1 do Real decreto 368/2005, debe constituírse un centro autonómico de control leiteiro, baixo a supervisión do órgano competente en gandaría da Consellería do Medio Rural, integrado polos Africor provinciais e contando coa necesaria participación da Federación de Frisona Galega (Fefriga), entidade que en Galicia realiza a xestión do libro xenealóxico da raza frisona.

Por outra banda, o artigo 14 establece que cada comunidade autónoma disporá, polo menos, dun laboratorio para realizar as análises do control leiteiro oficial.

Por tanto procede, con obxecto de aplicar e desenvolver o Real decreto 368/2005, do 8 de abril, designar os órganos para a realización das actividades concernentes ao control do rendemento leiteiro oficial, así como ditar a regulación dos aspectos que permitan establecer as condicións e requisitos necesarios para desenvolver o programa do citado control nesta comunidade autónoma, sen prexuízo da sinatura dos convenios coas asociacións provinciais de control de rendemento leiteiro, necesarios para a efectiva coordinación e xestión deste control.

De acordo co Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía, correspóndelle a aquela o exercicio da competencia, entre outras, en materia de agricultura e gandaría.

Na elaboración da presente norma foron consultadas as organizacións e asociacións representativas do sector gandeiro, así como todos os axentes que, directa ou indirectamente, participan no Programa de mellora gandeira de Galicia nas especies de aptitude leiteira.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e logo de liberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezaseis de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

É obxecto do presente decreto o establecemento da estrutura organizativa e funcional do control do rendemento leiteiro oficial para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina na Comunidade Autónoma de Galicia, nas condicións establecidas polo Real decreto 368/2005.

Artigo 2. Centro Galego de Control Leiteiro.

1. Desígnanse as asociacións provinciais de control de rendemento leiteiro (Afircor) da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, como Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), para os efectos de actuaren como unidade de coordinación e xestión da execución en Galicia do control leiteiro oficial, coa participación e asesoría dun/dunha representante da Federación Frisona de Galicia, en canto que asociación recoñecida para a xestión do libro xenealóxico.

2. O Cegacol nomeará un/unha coordinador/a xeral de control leiteiro, que terá a súa representación fronte á Administración. O nomeamento farase con carácter indefinido e poderá revogarse en calquera momento por decisión dos membros.

3. As funcións do Cegacol alcanzarán exclusivamente as materias de control leiteiro vinculadas coa avaliación xenética das especies bovina, ovina e cabrúa, recollidas nos artigos 11.4 e 12 do Real decreto 368/2005. As tarefas de recepción e arquivo dos datos relativos ao control leiteiro oficial recollidos nas explotacións, así como para poder procesar, depurar e xerar toda a información que se precise para o funcionamento do dito control, realizaranse cos recursos materiais, técnicos e humanos dispoñibles polas propias asociacións provinciais de control leiteiro e cumprirán os requisitos establecidos no artigo 11.3 do dito real decreto.

4. O Cegacol aprobará e presentará perante a Comisión Galega de Control Leiteiro Oficial as regulamentacións que considere convenientes para o desenvolvemento dos seus cometidos e tomará as decisións por votación ponderada das asociacións provinciais, que disporán dunha representatividade proporcional ao número de lactacións finalizadas en control leiteiro en cada provincia no ano precedente.

5. A supervisión das actuacións do Cegacol será realizada pola dirección xeral competente en materia de producións gandeiras.

Artigo 3. Laboratorio oficial de análise de control leiteiro en Galicia.

1. Desígnase o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), como laboratorio oficial para realizar as análises das mostras de leite dos controis leiteiros oficiais de todas as especies incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.

2. O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) manterá esta designación mentres cumpra co disposto nos artigos 14 e 15 do Real decreto 368/2005, de 8 de abril, ou norma que o substitúa.

Artigo 4. Comisión Galega de control leiteiro oficial.

1. Constitúese a Comisión Galega de Control Leiteiro Oficial, como órgano colexiado de control e seguimento da actividade do Centro Galego de Control Leiteiro, adscrita á dirección xeral correspondente en materia de producións gandeiras da consellería que teña atribuídas as competencias relativas á gandaría, que terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de producións gandeiras, que poderá delegar nun funcionario ou funcionaria da dita dirección xeral.

b) Vogais:

– O presidente/a da Federación de Frisona Galega (Fefriga).

– O director/a do LIGAL.

– O presidente/a de cada asociación provincial de control leiteiro (Africor).

– O director/a de Xenética Fontao, S.A.

c) Secretario/a: un funcionario ou funcionaria da dirección xeral competente en materia de producións gandeiras.

2. A Comisión Galega de Control Leiteiro Oficial, reunirase de forma ordinaria unha vez cada ano. Con carácter extraordinario reunirase por petición do/a presidente/a ou da metade dos/das vogais.

3. O réxime de funcionamento da comisión axustarase ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os órganos colexiados.

Artigo 5. Funcións da Comisión Galega de Control Leiteiro Oficial.

As funcións da Comisión Galega de Control Leiteiro Oficial serán:

a) Supervisar o funcionamento do Centro Galego de Control.

b) Analizar os custos do control leiteiro e os posibles sistemas de financiamento.

c) Velar polo cumprimento da normativa do control leiteiro oficial.

d) Supervisar a estrutura e funcionamento das bases informáticas que conteñan os datos do control leiteiro.

e) As demais que poidan atribuír ou asignar á comisión as disposicións vixentes en materia de control leiteiro.

Artigo 6. Controladores.

As obrigas, responsabilidades, incompatibilidades e demais requisitos que deben cumprir os controladores autorizados, son os establecidos no Real decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina, sen prexuízo dos demais requisitos e actuacións que lles poida exixir o Cegacol.

Artigo 7. Inspección oficial.

1. Os servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia son os responsables da inspección oficial do control leiteiro, que se poderá realizar de oficio, por solicitude do Centro Galego de Control Leiteiro, da dirección xeral competente en materia de gandaría da xunta de Galicia ou do ministerio que corresponda.

2. A inspección da Administración realizarase conforme o establecido no artigo 17 do Real decreto 368/2005, do 8 de abril, ou norma que o substitúa.

Artigo 8. Réxime de axudas.

As axudas previstas no Real decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina, serán canalizadas a través do Cegacol. Para iso, a Consellería do Medio Rural subscribirá os oportunos convenios coas asociacións de control leiteiro provinciais como responsables da xestión do control leiteiro en Galicia.

A distribución de fondos realizarase sobre a base de lactacións finalizadas.

Disposición adicional primeira. Soporte informático.

A Consellería do Medio Rural facilitará ao Cegacol o soporte informático dispoñible na data de entrada en vigor deste decreto para o tratamento da información de control.

Disposición adicional segunda. Novas asociacións de gandeiros.

As novas asociacións de gandeiros con xestión de Libros xenealóxicos de razas leiteiras de ovino ou cabrún que se creen en Galicia integraranse de facto no Cegacol nas condicións establecidas neste decreto.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio para a realización de determinadas actuacións.

1. A designación de coordinador xeral de control leiteiro a que se refire o artigo 2.2 deste decreto realizarase dentro dos 30 días seguintes a súa entrada en vigor.

2. As normas de réxime interno do Cegacol presentaranse ante a Comisión Galega de Control Leiteiro Oficial dentro dos 60 días seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento.

Facultase o titular da consellería competente en materia de gandería para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural