Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 27 de xuño de 2011 Páx. 16927

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 16 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dun seguro no exercicio das actividades de pesca, marisqueo e acuicultura.

O artigo 148.1.11 da Constitución establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en «materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura». Por outra parte, o artigo 149.1.19 outorga ao Estado a competencia exclusiva sobre «a pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se atribúan as comunidades autónomas».

Sobre a base de tal fundamento constitucional, o Estatuto de autonomía para Galicia establece que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre «a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura» (artigo 27.15), e sobre «as confrarías de pescadores» (artigo 27.29); así como o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado da materia «ordenación do sector pesqueiro» (artigo 28.5).

No exercicio destas competencias, aprobouse a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, cuxa disposición adicional décimo primeira establece a obrigatoriedade, para as persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de pesca profesional, marisqueo ou acuicultura, de constituír un seguro, obrigatoriedade establecida na Lei 50/1980, do 8 de outubro, de contrato do seguro.

A disposición adicional décimo primeira da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, establece tamén que a consellaría competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura promoverá a cultura do seguro no sector, fomentando iniciativas que potencien ou introduzan a subscrición de seguros de produción ou de calquera outra natureza dirixidos á cobertura de continxencias extraordinarias no exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

Enténdese desde a Consellería do Mar que a actividade profesional da pesca, marisqueo e da acuicultura mariña constitúe un risco en si mesma, como o avalan o número de danos ocasionados polos sinistros acaecidos no sector.

A Lei 50/1980, do 8 de outubro, atribúe á Administración a posibilidade de determinar que actividades non se poden desenvolver sen a cobertura do mencionado seguro, o que veu precisar a referida disposición adicional décimo primeira da Lei de pesca de Galicia.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación.

As axudas previstas nesta orde irán destinadas á contratación das seguintes modalidades de seguro:

a) Seguro de responsabilidade civil, entendendo por tal aquel en que o/a asegurador/a se obriga, dentro dos límites establecidos na lei e no contrato, a cubrir o risco do nacemento, por conta do asegurado, da obriga de indemnizar a un terceiro os danos e perdas causados por un feito previsto no contrato de cuxas consecuencias sexa civilmente responsable o/a asegurado/a, conforme dereito.

b) Seguro de accidentes, entendendo por tal aquel en que o asegurador se obriga, mediante o cobramento da prima estipulada e dentro dos límites establecidos na lei e no contrato, a satisfacer ao/á beneficiario/a un capital, unha renda ou outras prestacións convidas, no caso de lesión corporal que deriva dunha causa violenta súbita, externa e allea á intencionalidade do/a asegurado/a, que produza invalidez temporal ou permanente ou a morte.

Artigo 2. Réxime xurídico.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, ambos nos seus preceptos básicos.

d) Regulamento (CE) 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193/6 do 25 de xullo).

Artigo 3. Procedemento de concesión.

1. Estas axudas outorgaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva, consonte o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, xa que polo obxecto e a finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas.

O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (30.000 euros brutos nun período de tres anos) establecidas no Regulamento (CE) n.° 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro e que modifica o Regulamento (CE) n.° 1860/2004, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea n.° L 193, do 25 de xullo de 2007.

2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento abreviado establecido no artigo 22 de Lei 9/2007, polo que non intervirá o órgano avaliador a que se refire a citada norma legal.

Artigo 4. Beneficiarios e finalidade das axudas.

1. Poderán ser beneficiarios/as destas axudas,

a) Tratándose de seguro de responsabilidade civil, as persoas físicas ou xurídicas que teñan a condición de tomador do seguro e que realicen actividades de pesca profesional, marisqueo ou acuicultura.

b) Tratándose de seguro de accidentes, as persoas físicas que realicen actividades de marisqueo a pé ou entidades organizativas do sector que as representen.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas, as persoas físicas ou xurídicas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Tampouco poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas xurídicas que se atopen en situación de crise, de conformidade co disposto no artigo 1.7 do Regulamento CE 800/2008, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

4. Segundo o establecido no punto 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptúanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o esgotamento do orzamento consignado.

Artigo 5. Financiamento.

1. As axudas públicas reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.722A. 770.0, proxecto 2011/800,  promoción cultura do seguro, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2011. O importe máximo das subvencións que se concedan ascenderán a cento cincuenta mil (150.000) euros.

2. En todo caso a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente. En caso de que o número de solicitudes supere o crédito dispoñible, procederase ao rateo do importe global máximo previsto entre os beneficiarios da subvención segundo o disposto no artigo 19.3.º da Lei 9/2007.

Artigo 6. Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse mediante os modelos normalizados que se aproben na orde de convocatoria. Ás solicitudes deberán xuntarse os documentos que se determinan no número 2 deste artigo.

2. Xunto cos formularios normalizados de solicitude, os/as solicitantes deberán presentar un exemplar, en orixinal ou copia compulsada polos servizos administrativos da Xunta de Galicia ou autenticada notarialmente, da seguinte documentación:

a) DNI, no caso de persoas físicas (só no suposto de non autorización para a comprobación dos datos de carácter persoal, consonte o artigo 9.1.º desta orde) e CIF, no caso de persoas xurídicas. Nos supostos de representación, documentos acreditativos desta.

b) Escrituras de constitución e modificación e estatutos, no caso de persoas xurídicas.

c) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución (consonte o anexo III desta orde de convocatoria).

d) Acreditación de titularidade da conta bancaria para os efectos de aboamento da axuda, mediante certificación de entidade bancaria.

e) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia (consonte o anexo II desta orde de convocatoria)

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

g) Póliza de aseguramento en vigor. A póliza debe cumprir, polo menos, os seguintes requisitos:

– Unha vixencia mínima dun ano.

– Ter as seguintes coberturas mínimas:

No suposto de que a actividade subvencionada sexa a contratación dun seguro de responsabilidade civil:

1. Un millón de euros para aquelas embarcacións cuxa tripulación non supere as cinco persoas.

2. Vinte e cinco millóns de euros para as embarcacións cuxa tripulación supere as cinco persoas.

No suposto de que a actividade subvencionada sexa a contratación dun seguro de accidentes, o seguro deberá ter unha cobertura mínima de dezaoito mil euros para caso de falecemento.

– Na póliza do seguro deberá posibilitarse o exercicio da acción directa.

– O seguro de responsabilidade civil non poderá ter una franquía superior a cinco mil euros.

h) Permiso en vigor para o exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuicultura.

i) No caso das embarcacións ademais deberán:

– Ter porto base en Galicia.

– Certificado de inscrición no Censo da frota operativa nas listas terceira e cuarta.

j) No caso de que a solicitude a presenten entidades organizativas do sector que agrupen persoas físicas que realicen actividades de marisqueo a pé deberán presentar, ademais:

– Documentación acreditativa da dita representación.

– Lista de beneficiarios/as da póliza

– Acreditación de que as persoas físicas beneficiarias da póliza teñen en vigor o permiso para o exercicio da actividade.

k) Os solicitantes deberán comunicar todas as axudas solicitadas e concedidas sometidas ao réxime de mínimis nos tres últimos exercicios fiscais (consonte o anexo III desta convocatoria).

3. A solicitude e os seus anexos en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Mar, http://webpesca.xunta.es

4. As solicitudes presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia regulados e determinados no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que, neste último caso, se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Contía das axudas.

1. A contía das axudas previstas nesta orde será a seguinte:

a) No suposto de seguro de responsabilidade civil, un 25% da prima da póliza anual, cun límite máximo de 25 euros por tripulante.

b) Para o caso de seguro de accidentes, un 25% da prima da póliza anual, cun límite máximo de 25 euros por mariscador/a.

2. A Consellería do Mar levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha correcta aplicación das axudas. A consellería poderá solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información derivada da documentación achegada polos solicitantes.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia, comportará, salvo denegación expresa, a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

Consonte o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, do xeito que sinala a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG n.º 134, do 10 de xullo), que desenvolve o anterior decreto.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

2. De conformidade co artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración actuante, poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, para non ter que presentala. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificar o formulario de solicitude e o procedemento administrativo para a cal foi presentada.

Artigo 10. Órganos competentes.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse á conselleira do Mar, correspondendo a súa tramitación e instrución á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, de conformidade coa distribución competencial establecida no Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

2. O órgano competente para a resolución das solicitudes será a conselleira do Mar, que delega esta competencia no director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

Artigo 11. Instrución.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos/ás interesados/as para que, nun prazo de dez días, poidan formular as alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia correspondente sobre a documentación presentada, formularase proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á conselleira do Mar para que dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contados a partir da publicación da orde de convocatoria. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo negativo.

3. Notificada a resolución definitiva, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a aceptación da axuda, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, a teor do disposto no parágrafo segundo do artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Segundo dispoñen os artigos 15 e 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as resolucións serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán tamén publicadas na paxina web da Consellería do Mar tal e como dispón o artigo 9.1, parágrafo cuarto desta orde.

Artigo 14. Xustificación e pagamento.

1. O/a perceptor/a da axuda queda obrigado á presentación da seguinte documentación dentro do prazo de quince días seguintes á resolución de concesión da axuda, sen prexuízo de calquera outra que a unidade tramitadora considere oportuno solicitar:

– Xustificante de mantemento en vigor da póliza de aseguramento .

2. O pagamento das axudas terá lugar unha vez examinadas pola unidade tramitadora todas as solicitudes presentadas e ata o límite do crédito orzamentario existente para o efecto.

Artigo 15. Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto por silencio administrativo negativo, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto por silencio administrativo negativo.

Todo isto sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 16. Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os/as beneficiarios/as quedan sometidos ao réxime de obrigas previsto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as que se encontra a de someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional primeira.

No non previsto nestas bases aplicarase a normativa prevista á que alude o artigo 2 desta orde, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda.

Esta orde queda suxeita ao Regulamento (CE) 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193/6 de 25 de julio).

Disposición derradeira.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file