Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2011 Páx. 15990

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 10 de xuño de 2011 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, convocadas pola Orde do 22 de decembro de 2010.

A Orde do 22 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 61%, e se convoca para o exercicio 2011 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG n.º 250, do 30 de decembro), establece no seu artigo 3.º o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro desta poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao amparo da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría conceder as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 3.º da Orde do 22 de decembro de 2010, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente é polo que cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 22 de decembro de 2010, coa finalidade de conceder estas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 22 de decembro de 2010 (DOG n.º 250, do 30 de decembro) para o exercicio orzamentario 2011, na cantidade de 26.000.000 de euros, con cargo á aplicación 14.02.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar