Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2011 Páx. 15168

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 110/2011, do 3 de xuño, polo que se crean no ámbito do Servizo Galego de Saúde as categorías estatutarias de persoal técnico superior e de grao medio en prevención de riscos laborais.

Ao longo da última década tense incorporado ao servizo de prevención de riscos laborais das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en cumprimento do Regulamento de servizos de prevención de riscos laborais aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e consonte o pacto asinado na mesa sectorial o 29 de maio de 1998 (DOG n.º 128, do 6 de xullo), un colectivo de persoal técnico superior e de grao medio especialmente cualificado para o desempeño de funcións de nivel superior nas disciplinas de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

Neste momento, coa finalidade de ordenar debidamente os postos de traballo deste colectivo, e de dotar o servizo de prevención de persoal en condicións de emprego fixo e pleno recoñecemento normativo e profesional, procede a creación das correspondentes categorías. Polo demais, a oportunidade de crear as novas categorías vén avalada pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que no seu artigo 119 ratifica a existencia de órganos dedicados en exclusiva á función de protexer a saúde dos traballadores e traballadoras do sector sanitario público.

Neste decreto, en atención ás necesidades da organización, e na procura de incorporar profesionais que poidan desenvolver funcións en diferentes ámbitos da prevención, óptase por requirir o persoal das novas categorías formación acreditada nas tres disciplinas previstas no Regulamento dos servizos de prevención: seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

En último termo, a creación unicamente das categorías chamadas a desenvolveren funcións de nivel superior resposta ás necesidades actuais do servizo de prevención de riscos laborais, mais non impide que no futuro se poida proceder a dotar o servizo con persoal específico para o desempeño de funcións de nivel intermedio ou básico, cando e na medida en que o desenvolvemento e a operatividade do servizo de prevención así o requiran.

En atención a todos estes elementos procédese con este decreto, en exercicio das competencias atribuídas nos artigos 14 e 15 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e consonte o previsto no artigo 113 da referida Lei de saúde, a crear no Servizo Galego de Saúde as categorías estatutarias de persoal técnico en prevención de riscos laborais.

Este decreto dítase despois da preceptiva negociación na mesa sectorial.

Na súa virtude, por proposta da Cconsellería de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Créanse no Servizo Galego de Saúde as seguintes categorías estatutarias de persoal:

a) Dentro do colectivo de persoal estatutario de xestión e servizos de formación universitaria, de nivel de licenciado ou equivalente (subgrupo A1), a categoría estatutaria de persoal técnico superior en prevención de riscos laborais.

b) Dentro do colectivo de persoal estatutario de xestión e servizos de formación universitaria, de nivel diplomado ou equivalente (subgrupo A2), a categoría estatutaria de persoal técnico de grao medio en prevención de riscos laborais.

Neste decreto regúlanse tamén o réxime xurídico, o réxime de acceso, as funcións e a dotación do cadro de persoal das ditas categorías.

Artigo 2. Réxime xurídico.

A relación do persoal técnico en prevención de riscos laborais co Servizo Galego de Saúde regúlase por este decreto, pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e a normativa de desenvolvemento e complementaria aplicable ao personal estatutario de xestión e servizos do organismo.

En particular, o persoal da categoría estatutaria de persoal técnico superior en prevención de riscos laborais percibirá as retribucións correspondentes ao persoal técnico superior (subgrupo A1); o persoal técnico de grao medio en prevención de riscos laborais percibirá as retribucións correspondentes ao persoal técnico de grao medio (subgrupo A2).

Artigo 3. Acceso.

1. Para o acceso á categoría estatutaria de persoal técnico superior en prevención de riscos laborais, será requisito indispensable contar cunha licenciatura universitaria ou título equivalente, nos termos que se determinen na correspondente convocatoria.

Para o acceso á categoría estatutaria de persoal técnico en grao medio en prevención de riscos laborais será requisito indispensable contar cunha diplomatura universitaria ou título equivalente, nos termos que se determinen na correspondente convocatoria.

Así mesmo, nos dous supostos será preciso posuír formación acreditada nas tres disciplinas previstas no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención (seguranza no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada).

2. A superación das probas de selección, convocadas consonte o establecido nos artigos 34 a 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e en execución dunha oferta pública de emprego, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo das categorías. Nas ditas probas de selección terán unha consideración preferente, como mérito, os servizos prestados na categoría en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde ou do sistema sanitario público dun país da Unión Europea.

3. A selección de persoal temporal efectuarase polo procedemento establecido despois de negociación na mesa sectorial.

Artigo 4. Funcións.

Corresponde ao persoal das categorías creadas neste decreto exercer, en materia de avaliación de riscos e desenvolvemento da actividade preventiva nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, as funcións de nivel superior previstas no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, ou normativa que o substitúa.

O persoal das novas categorías estenderá o seu ámbito de actuación aos niveis de atención primaria e atención especializada.

As funcións desenvolveranse sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos/das profesionais doutras categorías que actúen no ámbito da prevención de riscos laborais, particularmente do persoal sanitario en exercicio de funcións de vixilancia e control da saúde.

Artigo 5. Cadro de persoal.

Corresponde ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da Consellería de Sanidade, determinar o número de efectivos de persoal das novas categorías que poden prestar servizos con carácter estrutural. Esta medida farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e consonte as previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Os postos de traballo de cada unha das dúas categorías creadas neste decreto contarán cun código orzamentario específico.

Disposición adicional primeira.

O servizo de prevención de riscos laborais do Servizo Galego de Saúde e, por tanto, o seu persoal especialista e persoal técnico en prevención, colaborará dentro do ámbito das súas competencias no estudo da posible relación entre a enfermidade do persoal e as súas ausencias do traballo por motivos de saúde coas condicións do traballo desenvolvido, de forma que se poidan adoptar as medidas que procedan no ámbito da prevención.

Disposición adicional segunda.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais do Servizo Galego de Saúde e, por tanto, o seu persoal especialista e persoal técnico en prevención, colaborará dentro do ámbito das súas competencias na avaliación da capacidade funcional do persoal do Servizo Galego de Saúde para o desempeño das funcións inherentes ao seu nomeamento. O Servizo Galego de Saúde, en desenvolvemento deste decreto, establecerá as condicións en que se deberá realizar esa colaboración, determinando criterios específicos e tecnicamente validados.

Disposición transitoria primeira.

As prazas vacantes de persoal técnico superior ou de grao medio, actualmente desempeñadas por persoal temporal con funcións de técnico en prevención de riscos laborais que acredite os requisitos previstos no artigo 3 deste decreto serán transformadas en prazas de técnico en prevención de riscos laborais da categoría que corresponda, con expedición para o dito persoal dun nomeamento temporal en praza vacante da nova categoría.

Disposición transitoria segunda.

1. Os servizos prestados como persoal técnico superior no ámbito da prevención de riscos laborais, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na categoría de persoal técnico superior en prevención de riscos laborais nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a prazas da dita categoría.

2. Os servizos prestados como persoal técnico de grao medio no ámbito da prevención de riscos laborais e debidamente certificados terán a consideración de prestados na categoría de persoal técnico de grao medio en prevención de riscos laborais nos procesos de selección para persoal temporal

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para adoptar as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade