Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2011 Páx. 15173

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 111/2011, do 3 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista do traballo.

Ao longo da última década incorporouse ao servizo de prevención de riscos laborais das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en cumprimento do Regulamento de servizos de prevención de riscos laborais aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e consonte o pacto asinado na mesa sectorial o 29 de maio de 1998 (DOG n.º 128, do 6 de xullo), un colectivo de persoal diplomado sanitario chamado a desenvolver nese ámbito as funcións propias da enfermaría do traballo.

A entrada en vigor da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, determinou a necesidade de proceder a unha nova regulamentación das especialidades en ciencias da saúde; regulamentación que, no caso das especialidades de enfermaría, se fixo efectiva co Real decreto 450/2005, do 22 de abril, sobre especialidades de enfermaría, o cal creou -entre outras- a especialidade de enfermaría do traballo.

Este desenvolvemento normativo, e a necesidade de potenciar a incorporación de persoal sanitario especializado nos labores de prevención de riscos, fan oportuno neste momento abordar a creación da categoría de persoal enfermeiro especialista do traballo. Por outra parte, a oportunidade de crear a nova categoría vén avalada pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que no seu artigo 119 ratifica a existencia de órganos dedicados en exclusiva á función de protexer a saúde dos traballadores e traballadoras do sector sanitario público.

Polo demais, a creación da nova categoría permitirá a progresiva dotación de prazas de diplomados especialistas da nova categoría e a incorporación a estas do persoal titulado en condicións de emprego fixo e pleno recoñecemento normativo e profesional.

En atención a todos estes elementos procédese con este decreto, en exercicio das competencias atribuídas nos artigos 14 e 15 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e consonte o previsto no artigo 113 da referida Lei de saúde, a crear no Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista do traballo.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na mesa sectorial.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, e logo de deliberación no Consello da Xunta na súa reunión do día tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro do colectivo de persoal estatutario sanitario de formación universitaria, de nivel diplomado con título de especialista en ciencias da saúde (subgrupo A2), a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista do traballo, e regúlanse o seu réxime xurídico, réxime de acceso, funcións e dotación de cadro de persoal.

Artigo 2. Réxime xurídico.

A relación do persoal desta categoría co Servizo Galego de Saúde regúlase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e a normativa de desenvolvemento e complementaria aplicable ao persoal estatutario do organismo.

En particular, a regulación da xornada de traballo e retribucións será a vixente para o persoal xa vinculado ás institucións sanitarias como persoal diplomado en enfermaría especialista, con aplicación das mesmas retribucións básicas e complementarias.

Artigo 3. Acceso.

1. Para o acceso á categoría de persoal enfermeiro especialista do traballo como persoal estatutario fixo ou temporal será requisito indispensable estar en posesión do título de graduado/a-diplomado/a en enfermaría, da certificación substitutoria deste ou, cando se trate de títulos estranxeiros, da correspondente resolución do seu recoñecemento ou homologación expedida polo ministerio competente; deberá así mesmo acreditarse o título de especialista en enfermaría do traballo.

2. A superación das probas de selección, convocadas consonte o establecido nos artigos 34 a 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e en execución dunha oferta pública de emprego, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo da categoría. Nas ditas probas de selección terán unha consideración preferente, como mérito, os servizos prestados na categoría en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde ou do sistema sanitario público dun país da Unión Europea.

3. A selección de persoal temporal efectuarase polo procedemento establecido logo de negociación na mesa sectorial.

Artigo 4. Funcións.

Corresponde ao persoal da categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista do traballo exercer, en materia de avaliación de riscos e desenvolvemento da actividade preventiva nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, as funcións inherentes ás competencias profesionais especificadas no programa de formación da especialidade aprobado consonte a normativa reguladora das profesións sanitarias, e particularmente as funcións de vixilancia e control da saúde, que se correspondan coa súa titulación, previstas na normativa de prevención de riscos laborais.

O persoal da nova categoría estenderá o seu ámbito de actuación aos niveis de atención primaria e atención especializada.

As funcións desenvolveranse sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos/das profesionais doutras categorías que actúen no ámbito da prevención de riscos laborais.

Artigo 5. Cadro de persoal.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da Consellería de Sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural. Esta medida farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e consonte as previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Os postos de traballo do persoal enfermeiro especialista do traballo contarán cun código orzamentario específico.

Artigo 6. Formación continuada.

Ao colectivo da categoría de persoal enfermeiro especialista do traballo ofertaráselle anualmente, e de conformidade coas disposicións emanadas da Comisión de Formación Continuada ao abeiro da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, un plan de formación continuada conforme os intereses funcionais que o Servizo Galego de Saúde considere oportunos para a categoría, ou ben en función das necesidades formativas formuladas pola devandita categoría.

Disposición adicional primeira.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais do Servizo Galego de Saúde, e polo tanto o seu persoal enfermeiro especialista do traballo, colaborará dentro do ámbito das súas competencias no estudo da posible relación entre a enfermidade do persoal, e as súas ausencias do traballo por motivos de saúde, coas condicións do traballo desenvolvido, de forma que se poidan adoptar as medidas que procedan no ámbito da prevención.

Disposición adicional segunda.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais do Servizo Galego de Saúde, e polo tanto o seu persoal enfermeiro especialista do traballo, colaborará dentro do ámbito das súas competencias na avaliación da capacidade funcional do persoal do Servizo Galego de Saúde para o desempeño das funcións inherentes ao seu nomeamento. O Servizo Galego de Saúde, en desenvolvemento deste decreto, establecerá as condicións en que deberá realizarse a dita colaboración, determinando criterios específicos e tecnicamente validados.

Disposición transitoria.

Os servizos prestados en desenvolvemento das actividades propias da especialidade de enfermaría do traballo, debidamente certificados, terán a consideración de prestados na categoría de persoal enfermeiro especialista do traballo nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a prazas de dita categoría.

Disposición derradeira primeira.

Facúltanse a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para adoptar as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade