Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2011 Páx. 14158

A Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, dedica o seu capítulo V á regulación dun sistema de información sanitaria que garanta a dispoñibilidade da información e a comunicación recíproca entre as administracións sanitarias. Este sistema deberá conter a información procedente da propia Administración sanitaria do Estado e das comunidades autónomas, de acordo cos obxectivos e contidos da información que se acordasen, para tales efectos, no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Así, o artigo 53 da citada lei sinala, entre outros requisitos, que o sistema de información sanitaria desagregará por sexo todos os datos que sexan susceptibles de selo, así como establece que o tratamento da información deberá permitir a análise desde a perspectiva do principio de igualdade entre homes e mulleres.

Por outra parte, a Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, ademais de regular os aspectos básicos destas, e no marco da relación entre os profesionais e as persoas atendidas por eles, para facilitar o exercicio dos dereitos destes últimos, establece no seu artigo 5.2 que os colexios profesionais, consellos autonómicos e consellos xerais, nos seus respectivos ámbitos territoriais, poñerán en marcha os rexistros públicos de profesionais, con determinados contidos accesibles á poboación, e á disposición das administracións sanitarias. Todo isto sen menoscabo da existencia doutros rexistros nos centros sanitarios e nas entidades de seguros que operen no ramo da enfermidade.

A citada lei tamén dispón que os criterios xerais e requisitos mínimos destes rexistros serán establecidos polas administracións sanitarias dentro dos principios xerais que determine o Consello Interterritorial do Sistema Nacional, que poderá acordar a súa integración no Sistema de Información Sanitaria do Sistema Nacional de Saúde. Para estes efectos publicouse por Resolución do 27 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Recursos Humanos e Servizos Económicos e Orzamentarios, o acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde sobre os rexistros de profesionais sanitarios, no cal se establece a necesidade de que as comunidades autónomas cren un rexistro de profesionais sanitarios e de que regulen os criterios e requisitos mínimos dos rexistros dos colexios profesionais e, de ser o caso, dos consellos autonómicos, así como dos centros sanitarios concertados e privados, e entidades de seguros que operen no ramo da enfermidade.

O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á comunidade autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Por todo iso, en aplicación das previsións legais aludidas, o presente decreto regula as características dos rexistros públicos de profesionais sanitarios, e o nivel de colaboración entre eles e coa Administración sanitaria.

Ademais do anterior, e atendendo a outro tipo de finalidades como son o necesario exercicio das funcións de planificación dos recursos humanos do sistema sanitario en Galicia, créase o Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia, como instrumento que permite a integración dos datos da Comunidade Autónoma no Sistema de información Sanitaria do Sistema Nacional de Saúde, sobre o cal se envorcará a información proveniente dos rexistros públicos dos colexios profesionais, consellos autonómicos, da Administración sanitaria, centros privados, sexan concertados ou non, mutuas de accidentes de traballo e accidente laboral, servizos de prevención e entidades de seguro libre que operen no ramo da enfermidade.

Este sistema de información é unha ferramenta clave para consolidar as iniciativas que vén desenvolvendo a Administración sanitaria galega dirixidas a aumentar a accesibilidade e a capacidade de elección da cidadanía e a planificación de necesidades de profesionais para unha adecuada atención sanitaria na nosa comunidade. Neste sentido, o presente decreto establece os criterios de acceso dos datos sobre os profesionais incluídos no SIPSG, que debe ser público, de acordo coa normativa vixente.

Esta iniciativa non só implica vantaxes para a cidadanía, senón tamén para a propia Administración sanitaria, no sentido de que se disporá dunha información ordenada, sistemática e fiable referida ao número e distribución da totalidade dos profesionais sanitarios existentes na comunidade autónoma, a fin de promover políticas de avaliación e de planificación de necesidades de recursos humanos, especialmente no campo da formación sanitaria especializada.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co Consello Consultivo de Galicia, e de acordo co disposto no artigo 43 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Constitúe o obxecto do presente decreto:

1. Establecer os criterios e os requisitos mínimos dos rexistros profesionais sanitarios, tanto dos que se cren nos colexios profesionais, ou consellos autonómicos de profesionais, se for o caso, como dos que se cren en centros sanitarios privados, concertados ou non, mutuas de accidentes laborais e enfermidade profesional, servizos de prevención de riscos laborais e entidades de seguro libre que operen no ramo da enfermidade.

2. Crear un sistema de información sobre profesionais sanitarios que responda ás necesidades de planificación e organización dos recursos humanos sanitarios, que será desenvolvido pola consellería competente en materia de sanidade.

3. Establecer os criterios xerais de funcionamento e acceso aos rexistros públicos e do Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia, por parte da cidadanía.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

1. As disposicións deste decreto son aplicables:

a) Á Administración sanitaria.

b) Aos colexios profesionais e, se é o caso, consellos autonómicos de colexios profesionais sanitarios de médicos, farmacéuticos, químicos, enfermeiros e psicólogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ao resto dos colexios profesionais e, se é o caso, consellos autonómicos de colexios das profesións sanitarias establecidas na Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, nos termos que se sinalan na disposición transitoria única deste decreto.

d) Aos centros sanitarios públicos e privados.

e) As mutuas de accidentes de traballo e accidente laboral, servizos de prevención de riscos laborais e entidades de seguro libre que operen no ramo da enfermidade, así como aos profesionais sanitarios médicos, farmacéuticos, químicos, enfermeiros e psicólogos que exerzan a súa actividade en Galicia.

2. Así mesmo, aplicaranse as disposicións deste decreto aos profesionais sanitarios residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que, sen exercer nela, se inscriban voluntariamente no correspondente rexistro profesional.

Artigo 3. Protección de datos.

1. O Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia e os diferentes rexistros de profesionais sanitarios regulados no presente decreto estarán sometidos á normativa vixente sobre protección de datos de carácter persoal.

2. Nos rexistros non poderá figurar ningún dato relativo á ideoloxía, crenzas, relixión, orixe racial, saúde nin a orientación sexual dos profesionais.

3. Os profesionais titulares dos datos poderán, en calquera momento, exercer os dereitos de acceso e de rectificación ou cancelación daqueles que poidan ser incorrectos ou inexactos, nos termos establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e normativa que a modifique ou substitúa.

4. Con excepción da información que ten carácter público, o acceso aos restantes datos quedará suxeito ao disposto no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo II
Rexistros de profesionais sanitarios

Artigo 4. Creación e mantemento dos rexistros.

1. De acordo co establecido no artigo 5.2 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, os colexios profesionais das profesións sanitarias e, se for o caso, os seus consellos autonómicos, están obrigados á creación e mantemento actualizado dun rexistro dos seus respectivos profesionais sanitarios.

2. Así mesmo, os centros sanitarios concertados, os centros sanitarios privados, as mutuas de accidentes de traballo e accidente laboral, os servizos de prevención e entidades de seguro libre que operen no ramo da enfermidade están obrigados a contar cun rexistro actualizado daqueles profesionais cos cales manteñan contratos de prestación de servizos, por conta propia ou allea, de conformidade co establecido no artigo 5 e 43 da Lei 44/2003, do 21 de novembro.

Artigo 5. Fins.

Os rexistros de profesionais sanitarios, a que se refire o artigo anterior, terán os seguintes fins:

a) Garantir á cidadanía o exercicio do conxunto de dereitos e principios, recoñecidos aos pacientes, na normativa vixente e, en especial os relativos ao dereito á información da titulación de cada profesional e á libre elección dos profesionais sanitarios.

b) Facilitar o cumprimento do fin propio do organismo titular do rexistro.

c) Colaborar coa Administración sanitaria facilitando os datos e actualizacións dos profesionais sanitarios, que posibiliten o desenvolvemento de políticas no ámbito das respectivas competencias.

Artigo 6. Obrigas.

Os titulares dos rexistros de profesionais terán as seguintes obrigas:

a) Recoller e manter actualizados os datos incluídos no anexo I deste decreto, en relación cos profesionais sanitarios do seu ámbito, de acordo co disposto no artigo 4 deste decreto.

b) Facilitar ao SIPSG os datos incluídos no anexo I en relación cos profesionais sanitarios.

c) Garantir a calidade, veracidade e actualización dos datos que consten nos rexistros.

Artigo 7. Xestión do rexistro.

Os rexistros de profesionais sanitarios implementaranse en soporte electrónico e xestionaranse con aplicacións informáticas que permitirán que os datos do anexo I teñan reflexo inmediato no Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia, para o cal se establecerán mecanismos de conexión adecuados entre as diferentes bases de datos.

Artigo 8. Acceso aos datos dos rexistros.

1. Os colexios profesionais e, se é o caso, os consellos autonómicos, garantirán, no seu ámbito, o dereito da cidadanía a coñecer o nome e apelidos, a titulación, a especialidade, o lugar de exercicio de cada profesional sanitario e, de ser o caso, categoría e función de cada profesional sanitario.

2. Os centros sanitarios privados, concertados ou non, mutuas de accidente laboral e enfermidade profesional, servizos de prevención de riscos laborais e entidades de seguro libre garantirán, no seu respectivo ámbito, o dereito da cidadanía a coñecer o nome e apelidos, a titulación, a especialidade, e, para o caso de profesionais facultativos médicos, a categoría e función.

Capítulo III
Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia

Artigo 9. Creación.

1. Créase o Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia, adscrito á dirección xeral competente en materia de planificación sanitaria, á cal corresponderá a súa organización e xestión, así como a adopción das medidas oportunas para garantir a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, sen prexuízo das atribucións que correspondan ás unidades encargadas en materia de recursos humanos, e de tecnoloxías da información, coas cales deberá procurarse a necesaria coordinación.

2. O Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia terá soporte informático para permitir a xestión e execución dos seus fins por medios telemáticos.

Artigo 10. Funcións.

Son funcións do Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia:

a) Dispor de datos relativos a todo o persoal sanitario comprendido no seu ámbito de aplicación.

b) Fornecer aos órganos competentes da Administración sanitaria a información actualizada necesaria para poder exercer as funcións de planificación dos recursos humanos e as encomendadas en materia de aseguramento dos dereitos dos cidadáns.

c) Integrar no Sistema de Información Sanitaria do Sistema Nacional de Saúde os datos relativos aos profesionais sanitarios, que se recollen no anexo do acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, do 14 de marzo de 2007, ou o que o substitúa, se é o caso.

d) Facilitar o acceso dos cidadáns aos datos de carácter público que se conteñen no sistema, permitindo o exercicio do dereito de acceso á información.

Artigo 11. Contido do Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia.

1. Os datos relativos aos profesionais sanitarios que se deberán rexistrar son os establecidos no anexo I do presente decreto.

2. Terán carácter público, de conformidade co establecido na Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, os seguintes datos dos profesionais sanitarios: nome e apelidos, titulación, especialidade e lugar de exercicio; así mesmo, para o caso dos facultativos médicos, tamén terán carácter público a súa categoría profesional e función.

Artigo 12. Fontes de recollida de datos.

O Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia obterá a información aludida no número 1 do artigo anterior cos datos que lle sexan facilitados polos organismos, institucións e centros a que fai referencia o artigo 2 do presente decreto.

Artigo 13. Acceso ao Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia.

1. A consellería competente en materia de sanidade da Xunta de Galicia garantirá o acceso da cidadanía aos datos de carácter público contidos no Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia.

2. Os datos poderán ser consultados nas sedes das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade, así como nas xerencias do Servizo Galego de Saúde.

3. Igualmente a consulta poderá realizarse por medios electrónicos no portal sanitario e para iso poderanse utilizar os sistemas de sinatura electrónica recoñecidos.

4. Con excepción da información que ten carácter público, o acceso aos restantes datos quedará suxeito ao disposto no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo IV
Responsabilidade e réxime sancionador

Artigo 14. Obrigas dos profesionais sanitarios.

Os profesionais sanitarios estarán obrigados á actualización dos seus datos suxeitos á inscrición e deberán notificar as variacións destes ante o rexistro en que se atopen inscritos.

Artigo 15. Responsabilidade por alteración ou utilización de datos con outros fins.

A inscrición de datos ou a alteración fraudulenta da información destes rexistros, así como a súa utilización para fins diferentes para os cales foron creados polos organismos, institucións, entidades ou centros referenciados no artigo 2, darán lugar á exixencia de responsabilidade nos termos previstos no réxime sancionador establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Artigo 16. Infraccións e sancións.

En caso de incumprimento das obrigas previstas no presente decreto será de aplicación o réxime de infraccións e sancións establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Disposición adicional única. Inscrición excepcional de profesionais.

De acordo coas previsións contidas no Real decreto 459/2010, ou outro marco normativo de aplicación, a inscrición no Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia de quen exerzan como profesionais sanitarios en virtude de habilitación, recoñecemento ou calquera outra autorización expedida polo órgano oficial competente correspondente, realizarase no apartado correspondente á titulación que dea acceso á actividade profesional.

Disposición transitoria única. Adaptación temporal.

No prazo de seis meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia, os colexios profesionais e, de ser o caso, os consellos autonómicos de colexios das profesións sanitarias, a que fai referencia o artigo 2.1.c), deste decreto poderán acordar a creación do rexistro de profesionais no seu respectivo ámbito.

Disposición derradeira primeira. Creación do ficheiro automatizado.

En cumprimento do previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, a conselleira de Sanidade aprobará a orde de creación do ficheiro automatizado do Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Implantación.

A implantación do Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia, así como dos rexistros a que se refire o capítulo II, realizarase no prazo máximo de 6 meses contados a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto e en especial os datos do anexo I.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade

ANEXO I
Conxunto mínimo común de datos

1. Número de DNI, NIF ou pasaporte: _____________

2. Colexiado: Si □ Non □ Número ________

3. Código numérico persoal *: ____________

4. Nome e apelidos: _________ __________ _________

5. Data de nacemento: __ __/__ __/__ __

6. Sexo:

□ Home

□ Muller

7. Lugar de nacemento:

  • Localidade: __________
  • Provincia: ___________
  • País: _____________

8. Nacionalidade: __________

9. Código postal do lugar de residencia: __________

10. Código postal do lugar de exercicio profesional: ________

11. Titulación:

  • Licenciado/grao:

○ Medicina

○ Farmacia

○ Odontoloxía

○ Veterinaria

○ Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

○ Outras licenciaturas que poden acceder ao título oficial de especialista en Ciencias da Saúde

  • Diplomado/grao:

○ Enfermaría

○ Fisioterapia

○ Terapia Ocupacional

○ Podoloxía

○ Óptica e Optometría

○ Logopedia

○ Nutrición Humana e Dietética

○ Outras titulacións

  • Outras titulacións de rama sanitaria:

○ Técnico en Anatomía Patolóxica e Citoloxía

○ Técnico en Dietética

○ Técnico en Documentación Sanitaria

○ Técnico en Hixiene Bucodental

○ Técnico en Imaxe para o Diagnóstico

○ Técnico en Laboratorio de Diagnóstico Clínico

○ Técnico en Ortopróteses

○ Técnico en Próteses Dentais

○ Técnico en Radioterapia

○ Técnico en Saúde Ambiental

○ Técnico en Audiopróteses

○ Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría

○ Técnico en Farmacia

12. Outras titulacións (posibilidade de cubrir varios campos):

  • Licenciado/grao:

○ Medicina

○ Farmacia

○ Odontoloxía

○ Veterinaria

○ Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

○ Outras licenciaturas que poden acceder ao título oficial de especialista en Ciencias da Saúde

  • Diplomado/grao:

○ Enfermaría

○ Fisioterapia

○ Terapia Ocupacional

○ Podoloxía

○ Óptica e Optometría

○ Logopedia

○ Nutrición Humana e Dietética

○ Outras titulacións

  • Outras titulacións de rama sanitaria:

○ Técnico en Anatomía Patolóxica e Citoloxía

○ Técnico en Dietética

○ Técnico en Documentación Sanitaria

○ Técnico en Hixiene Bucodental

○ Técnico en Imaxe para o Diagnóstico

○ Técnico en Laboratorio de Diagnóstico Clínico

○ Técnico en Ortopróteses

○ Técnico en Próteses Dentais

○ Técnico en Radioterapia

○ Técnico en Saúde Ambiental

○ Técnico en Audiopróteses

○ Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría

○ Técnico en Farmacia

13. Orixe da titulación:

□ Nacional

□ Comunitaria

□ Extracomunitaria

14. Vía de acceso ao título especialista:

□ Residencia

□ Homologación

□ Outras

15. Título oficial de especialista:

□ Non

□ Si

□ Medicina

□ Farmacia

□ Bioloxía

□ Química

□ Bioquímicos

□ Físicos

□ Psicoloxía --- psicólogos especialistas en psicoloxía clínica

□ Enfermaría

□ Orixe da titulación:

□ Despregable provincias españolas

□ Outras

16. Outros títulos de especialista que posúe:

□ Non

□ Si

□ Medicina

□ Farmacia

□ Bioloxía

□ Química

□ Bioquímicos

□ Físicos

□ Psicoloxía ---- psicólogos especialistas en psicoloxía clínica

□ Enfermaría

17. Residentes:

□ Medicina

□ Farmacia

□ Bioloxía

□ Química

□ Bioquímicos

□ Físicos

□ Psicoloxía ---- psicólogos especialistas en psicoloxía clínica

□ Enfermaría

18. Diplomas en áreas de capacitación específica:

19. Grao de carreira profesional:

20. Situación profesional:

□ Non activo:

○ Desemprego

○ Outras situacións administrativas

□ Activo:

○ Fixo

○ Temporal

21. Exercicio profesional sanitario:

□ Autónomo

□ Por conta allea:

○ Público:

  • Servizo de saúde
  • Outras administracións públicas

○ Privado

○ Privado concertado

22. Categoría profesional do exercicio.

23. Función:

□ Asistencial

□ Xestión

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 107/2011, do 19 de maio, polo que se regula o contido dos rexistros públicos de profesionais sanitarios e do Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia.