Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 9 de xuño de 2011 Páx. 14007

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regulaba o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, e a Orde do 13 de abril de 1994, pola que se ditaban normas de desenvolvemento do citado real decreto, regulaban os requisitos que debían reunir os centros para impartir cursos de formación ocupacional, e establecían que as entidades que fosen colaborar na impartición deses cursos debían estar inscritas nun censo de centros colaboradores de formación ocupacional, unha vez homologadas as correspondentes especialidades formativas.

Asumida a xestión do Plan FIP pola Comunidade Autónoma de Galicia no ano 1993, este censo regulouse por unha orde da Consellería de Traballo e Servizos Sociais do 25 de xaneiro de 1993.

No ano 1995 publicouse o Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regulaba o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Este decreto foi modificada dúas veces: primeiro polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, para adaptalo ás modificacións establecidas polo Real decreto 797/1995, do 19 de maio, pola que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional de cada ocupación e, posteriormente, pola disposición adicional do Decreto 292/2000, do 21 de decembro, de modificación do prazo de solicitudes para a homologación de especialidades formativas.

As anteditas modificacións, así como a necesidade de adaptar a regulación do procedemento á Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, fixo necesaria a aprobación do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regulaba o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, recolle, dentro da formación de oferta, tanto as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas co fin de ofrecerlles unha formación que as capacite para o desempeño cualificado das profesións e o acceso ao emprego, como a formación dirixida prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas.

O artigo 9.2 do antedito real decreto establece que as comunidades autónomas poderán crear un rexistro onde se inscribirán os centros e entidades que impartan formación profesional para o emprego nos seus respectivos territorios e que o Servizo Público de Emprego Estatal manterá permanentemente actualizado un rexistro estatal de centros e entidades de formación, de carácter público, coordinado cos rexistros autonómicos a través do Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego previstos no artigo 7.2.c da Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, nos números 6 e 7 do seu artigo 30, habilita as administracións competentes para exixir requisitos adicionais, fixar os criterios para a validación do cumprimento dos requisitos mínimos para a inscrición e, se é o caso, acreditación e para establecer o procedemento para a resolución das solicitudes de centros e entidades de formación que impartan formación para o emprego.

Pola súa vez, a disposición derradeira terceira da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, establece que os órganos competentes das administracións autonómicas poderán ditar, nos seus respectivos ámbitos competenciais, as disposicións que sexan necesarias para a súa aplicación.

Estas modificacións na normativa estatal fan necesaria a adaptación do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, á nova regulación.

Neste contexto, os Acordos do diálogo social, asinados o 30 de xullo de 2010, en materia de formación para o emprego, inclúen a elaboración dunha norma que regule o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o desenvolvemento das funcións en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e orientación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo, e mais as funcións de planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de formación para o emprego e o mantemento do censo de centros de colaboradores.

Consonte o exposto, facendo uso das facultades conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar; tendo en conta os preceptivos informes do Consello Galego de Relacións Laborais, do Consello Galego de Formación Profesional e da Comisión Galega de Formación Continua e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión o día dezanove de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de actuación.

1. O obxecto desta disposición é crear o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e regular o procedemento de inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades de formación determinados no artigo 9 do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, no antedito rexistro, para os efectos de impartir a formación de oferta establecida no dito real decreto e na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

2. Para os efectos desta norma, entenderase por inscrición a acción de inclusión dos centros e entidades que impartan formación profesional para o emprego no rexistro previsto na presente norma. Nos supostos en que a impartición desta formación se leve a cabo para a obtención de certificados de profesionalidade, a acreditación implicará a inscrición dos devanditos centros ou entidades.

3. A inscrición e, de ser o caso, acreditación, efectuarase respecto das especialidades incluídas no ficheiro de especialidades formativas previsto no artigo 20.3 do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo. A inscrición e, de ser o caso, acreditación respecto de especialidades non incluídas no ficheiro requirirá a súa previa inclusión nel, nos termos establecidos no artigo 7 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo.

Artigo 2. Rexistro de Centros e Entidades de Formación.

1. O Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia adscríbese á Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. O Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia estará integrado por aqueles centros e entidades inscritos e, se é o caso, acreditados respecto das especialidades formativas incluídas no ficheiro a que se refire o artigo 1.3 anterior, que impartan algunha das modalidades de formación de oferta previstas no artigo 2.1 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Centros e entidades de formación.

1. Enténdese por centro de formación, para os efectos da inscrición e, se é o caso, acreditación no rexistro previsto neste decreto, aquel establecemento, tanto público como privado, cuxa finalidade principal sexa a formación e que poida impartir total o parcialmente a formación de oferta establecida no Real decreto 395/2007, do 23 de marzo. Non terán a condición de centro de formación aquelas instalacións que, aínda estando destinadas á impartición da formación, formen parte doutras cuxa finalidade principal non sexa a formación.

2. Enténdese por entidade de formación, para os únicos efectos da inscrición e, se é o caso, acreditación no rexistro previsto neste decreto, aquela entidade, pública ou privada, que poida impartir a formación de oferta establecida no Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, e que imparta as accións formativas, por si mesma a través de medios e instalacións propias ou alleas. Tamén, terán esta consideración as empresas, as súas asociacións ou outras entidades que impartan accións formativas que inclúan compromisos de contratación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas, así como as organizacións empresariais e sindicais, e outras entidades beneficiarias dos plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas.

Estas entidades inscribiranse ou, se é o caso, acreditaranse unicamente cando impartan accións formativas por si mesmas e respecto a medios ou instalacións propias ou alleas.

3. Deberán ser obxecto de inscrición ou, se é o caso, acreditación, os centros ou entidades de formación cuxa actividade formativa sexa subcontratada polas entidades beneficiarias das subvencións para a realización da actividade formativa de acordo co previsto na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo.

4. De forma excepcional, cando as necesidades formativas do mercado ou as necesidades de atención a colectivos específicos o fagan preciso, os centros e entidades poderán ser inscritos e, se é o caso, acreditados, de forma provisional, para a impartición dunha acción formativa concreta, en canto dure a acción formativa, sempre que cumpran os requisitos exixidos en cada un dos programas das especialidades e, se é o caso, nos reais decretos reguladores dos certificados de profesionalidade, de forma que se garanta que non se menoscaba a calidade da formación. Isto tamén será aplicable ás accións formativas que inclúan compromisos de contratación.

Artigo 4. Inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.

1. Os centros e entidades de formación relacionados no artigo 9.1 do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, que desexen impartir a formación de oferta establecida no antedito decreto e na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán solicitar a inscrición e, se é o caso, acreditación do centro ou entidade de formación para as especialidades formativas que este vai impartir, aténdose ao procedemento establecido neste decreto.

2. Un centro ou entidade de formación queda definido polo seu titular xurídico co seu CIF/NIF correspondente, número de rexistro, enderezo onde está situado o centro ou as instalacións obxecto de inscrición ou acreditación e as correspondentes especialidades vinculadas.

3. No expediente dos centros e entidades de formación quedarán definidas, mediante planos de distribución e de situación, todas as instalacións obxecto de acreditación e/ou inscrición de cada especialidade formativa solicitada.

Artigo 5. Requisitos para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.

1. Para ser inscrito e, se é o caso, acreditado, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego, o interesado deberá acreditar que os centros ou entidades reúnen os seguintes requisitos:

a) Condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, seguridade e de prevención de riscos laborais exixidos pola lexislación vixente, acreditadas mediante a documentación prevista no artigo 6.2 e).

b) Medios tendentes a facilitar a accesibilidade universal, de maneira que non supoña discriminación das persoas con discapacidades e se dea efectivamente a igualdade de oportunidades de acordo coas exixencias recollidas na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, así como as súas normas de desenvolvemento.

c) Aseos e servizos hixiénico-sanitarios para homes e mulleres en número adecuado á capacidade do centro.

d) Instalacións de dirección e coordinación: un espazo axeitado para despachos de dirección, sala de profesores e actividades de coordinación, e secretaría. No caso das entidades de formación, cando así se determine por razóns xustificadas, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá autorizar que as instalacións de dirección e coordinación estean en locais distintos a onde se sitúan as aulas.

Naquelas accións formativas correspondentes a plans de formación de ámbito autonómico, dirixidos prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, que teñan unha duración igual ou inferior a 20 horas non será exixido este requisito.

2. Para cada unha das especialidades formativas que se impartan, tendo en conta o número de prazas de formación que o centro poida atender simultaneamente, deberá reunir os seguintes requisitos adicionais:

a) No caso da formación conducente á obtención de certificados de profesionalidade, observarase o disposto en cada un dos reais decretos que os establecen sobre requisitos mínimos de espazos, instalacións e equipamentos.

b) No caso de especialidades non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade observarase o disposto no correspondente programa formativo.

3. A adaptación das dimensións das aulas teóricas, aula taller e talleres ao número máximo de alumnos previstos no artigo 8.2 do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, efectuarase de forma proporcional á establecida nos programas formativos da especialidade, considerándose en calquera caso un espazo mínimo de 2 metros cadrados por alumno.

Un centro ou entidade non se poderá inscribir para unha capacidade inferior a 10 alumnos. No caso de acreditación, o límite inferior será de 15.

Exixirase unha aula por especialidade, salvo para aquelas especialidades que poidan impartirse cos mesmos medios.

En cada especialidade formativa de modalidade presencial manterase unha relación máxima profesor/alumno de un profesor por cada vinte e cinco alumnos.

4. Deberase dispor do número de utensilios, máquinas e ferramentas que se especifiquen no equipamento dos programas formativos, para especialidades non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade e nos anexos dos correspondentes reais decretos reguladores das especialidades dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, e será suficiente para atender, cando menos, o número de alumnos que se propoñan para a acción formativa.

5. O centro ou entidade de formación adquirirá o compromiso de dispor de persoal docente e con experiencia na especialidade formativa de que se trate, segundo se estableza no programa formativo. Para os certificados de profesionalidade observarase o establecido no correspondente real decreto sobre prescricións dos formadores.

6. O centro ou entidade de formación adquirirá o compromiso de que, no momento da solicitude de programación do certificado de profesionalidade correspondente, para a realización do módulo formativo de prácticas profesionais non laborais, achegarán o correspondente convenio ou acordo cos centros de traballo.

7. Os centros ou entidades de formación que soliciten acreditarse ou inscribirse para impartir formación nas modalidades de teleformación, a distancia ou mixta, deberán acreditar a dispoñibilidade de medios que aseguren a xestión dos contidos e o seguimento e avaliación dos participantes.

Estes centros e entidades de formación deberán presentar xunto coa solicitude un informe en que se especifique:

–A organización da formación.

–As titorías individuais e colectivas.

–Os contidos formativos que se utilizarán.

–O seguimento e avaliación dos participantes.

–As especificacións da plataforma de teleformación (no caso da modalidade de teleformación ou mixta).

–Os medios dispoñibles para cada modalidade.

–O nivel de accesibilidade dos contidos.

Para a valoración destes centros e entidades a Dirección Xeral de Formación e Colocación e/ou as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de formación para o emprego, segundo o caso, poderá requirir do solicitante que amplíe información sobre os aspectos técnicos que considere precisos.

Os centros ou entidades que soliciten acreditarse para impartir formación a distancia de certificados de profesionalidade deberán acreditar que os formadores que impartan esta modalidade contan cunha formación de cando menos 20 horas en metodoloxías de ensino-aprendizaxe a distancia e con experiencia no deseño de contidos ou impartición de formación a distancia, así como no uso das tecnoloxías da información e a comunicación.

8. Os centros e/ou entidades de formación que soliciten inscribir centros móbiles deberán xustificar a dispoñibilidade de plataforma ou equipamentos móbiles facilmente transportables (autobuses, camións, plataformas sobre rodas), que dispoñan dos medios técnicos requiridos para impartir os contidos formativos correspondentes á especialidade ou especialidades en que o centro solicite estar inscrito.

Para a inscrición como centro móbil das plataformas ou equipamentos, estes deberán estar debidamente homologados polas administracións competentes.

Para a valoración destes centros e entidades, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e/ou as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de formación para o emprego, segundo o caso, poderá requirir do solicitante que amplíe información sobre os aspectos técnicos que considere precisos.

9. Na inscrición e, se é o caso, acreditación de especialidades formativas dirixidas especificamente a persoas con discapacidade, teranse en conta as seguintes peculiaridades:

a) A inscrición e, se é o caso, acreditación, adaptarase ás necesidades específicas do dito colectivo. Para tal efecto, as especialidades formativas non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade disporán de contidos formativos e especificacións técnico-docentes propias que, se é o caso, poderán traducirse nun número maior de horas de formación e un número de alumnos por módulo inferior ao das especialidades formativas con carácter xeral.

No caso das especialidades dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, observarase o establecido nos anexos dos reais decretos reguladores de cada un deles.

b) Realizaranse as adaptacións e os axustes razoables para asegurar a súa participación en condicións de igualdade e deberán responder a medidas de accesibilidade universal e seguranza dos participantes. Como medidas especiais para os cursos dirixidos a persoas xordas garantirase a presenza de intérpretes de lingua de signos ou profesores que teñan dominio dela, utilizando material curricular de fácil compresión para esas persoas.

Igualmente, o material curricular adaptarase a aquelas persoas con deficiencias visuais totais ou parciais que participen nos cursos.

10. No caso de especialidades formativas en que, dada a súa actividade, teñan competencia concorrente outros órganos da Administración central ou autonómica que exixa outros requisitos ou autorizacións ademais dos recollidos neste decreto, no certificado de profesionalidade ou no correspondente programa, non se procederá á inscrición ou, se é o caso, acreditación no rexistro do centro ou entidade nesa especialidade en canto non acredite o cumprimento dos requisitos ou concesión de autorización.

11. No caso de especialidades formativas en que, dada a súa actividade e en función da normativa vixente, sexa obrigatoria a impartición dun módulo transversal concreto, non se procederá á inscrición ou, se é o caso, acreditación no rexistro do centro ou entidade nesa especialidade, en canto non acredite o cumprimento dos requisitos ou concesión de autorización ou en canto non se comprometa a dispor dos medios precisos para impartir ese módulo.

Artigo 6. Procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación de centros e entidades de formación.

1. Para ser inscrito e, se é o caso, acreditado no Rexistro de Centros e Entidades de Formación o interesado deberá dirixir a solicitude á xefatura territorial da consellería competente en materia de formación para o emprego onde estiver o centro ou as instalacións, presentándoa na súa sede ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando os correspondentes impresos, que serán proporcionados pola consellería competente en materia de formación para o emprego e que estarán dispoñibles nas súas xefaturas territoriais, na Dirección Xeral de Formación e Colocación e na páxina web da antedita consellería, acreditando os requisitos sinalados no artigo 5.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante todo o ano.

2. A documentación, que poderá ser orixinal ou copia compulsada ou cotexada, que se presentará xunto coa solicitude será:

a) Documento que acredite a propiedade, arrendamento ou dereito de uso do inmoble, instalacións, equipamentos, talleres ou campos de práctica do centro ou entidade formativa, tendo en conta que aquelas entidades que polas características dos requirimentos de instalacións da parte práctica da formación non dispoñan delas poden inscribirse como centros e entidades de formación, sempre que acrediten o correspondente requisito de dispoñibilidade delas.

b) Planos oficiais das instalacións onde se imparta a formación. No caso de centros ou entidades que impartan formación conducente á obtención de certificados de profesionalidade, os planos deberán estar visados polo colexio oficial correspondente.

c) Escritura de constitución e estatutos da entidade segundo proceda.

d) NIF/CIF.

e) Licenza municipal de apertura como centro de formación ou a correspondente á súa actividade principal no caso de entidades. Na súa falta, solicitude da mesma. Neste último caso xuntarase, ademais, o certificado dun técnico colexiado competente na materia de que as instalacións reúnen as condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguranza adecuadas como centro de formación e, ademais, o compromiso de presentar a resolución correspondente, unha vez que sexa emitida. No caso de que a licenza de apertura sexa denegada por esta, será revogada a inscrición ou acreditación. A antedita revogación non afectará a validez das accións impartidas con anterioridade á revogación ou que se estean a impartir cando esta se produza.

f) Comprobante de ter pagado as taxas pola inscrición ou, se é o caso, acreditación das especialidades formativas no rexistro.

3. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de formación para o emprego examinarán as solicitudes e comprobarán que a documentación presentada é suficiente.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados neste artigo ou a que documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase do solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, que deberá ser ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico e do procedemento administrativo.

Realizados os trámites de instrución sinalados, o persoal técnico das xefaturas territoriais correspondentes visitará as instalacións do centro ou entidade solicitante e comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5 e emitirá o preceptivo informe.

A xefatura territorial cumprirá o trámite de audiencia comunicando ao centro ou entidade, se é o caso, as carencias ou deficiencias atopadas e poralle de manifesto o procedemento para que, no prazo de dez días, alegue e presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes. Se antes do vencemento do prazo os interesados manifestan a súa decisión de non efectuar alegacións nin presentar novos documentos ou xustificacións, o trámite darase por realizado.

Concluída esta fase mediante a proposta de resolución do/a xefe/a territorial, o expediente será enviado á Dirección Xeral de Formación e Colocación para a resolución do procedemento.

A persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación resolverá no prazo máximo de seis meses. A antedita resolución non porá fin á vía administrativa. De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, os interesados poderán entender aceptadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de formación para o emprego no termo dun mes contado desde a súa notificación, de acordo co establecido no artigo 114, seguintes e concordantes, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Durante o desenvolvemento da acción formativa, a consellería competente en materia de formación para o emprego comprobará o mantemento das instalacións e equipamento e a súa adaptación aos requisitos que en cada momento se exixan para cada especialidade formativa, podéndose ter en consideración, para estes efectos, os sistemas implantados de xestión de calidade acreditados que determine a normativa vixente.

Tanto a verificación inicial do cumprimento dos requisitos como as posteriores sobre o mantemento e adaptación destes será realizada polo persoal técnico da consellería competente en materia de formación para o emprego, que efectuará as visitas e inspeccións dos centros e instalacións que consideren precisas.

No caso das solicitudes correspondentes a accións formativas de duración inferior a 10 horas, a verificación dos requisitos poderá realizarse con posterioridade á inscrición no rexistro sempre que, xunto coa documentación mencionada no número anterior, se inclúa unha declaración responsable de que se reúnen os requisitos.

Artigo 7. Obrigacións dos centros e entidades de formación.

1. Son obrigacións dos centros e entidades de formación:

a) Manter as instalacións e a estrutura de medios sobre a base das cales se produciu a súa inscrición, e adaptalas aos requisitos mínimos que en cada momento se exixan para cada especialidade acreditada ou inscrita.

b) Colaborar nos procesos para a selección de alumnos/as e para a súa inserción no mercado de traballo, na forma que determine a administración laboral competente.

c) Non percibir cantidade ningunha dos alumnos incluídos nas programacións do subsistema de formación profesional para o emprego, regulado no Real decreto 395/2007, do 23 de marzo.

d) Facer constar na súa publicidade estática e dinámica a súa condición de centro ou entidade de formación inscrita ou acreditada. Igualmente, farase constar o cofinanciamento, se o houber, polo Fondo Social Europeo.

e) Solicitar autorización expresa da Dirección Xeral de Formación e Colocación para manter a inscrición e, se é o caso, acreditación como centro ou entidade de formación, cando se produza un cambio de titularidade ou de forma xurídica do centro. Esta solicitude debe ir acompañada da seguinte documentación:

–Subrogación de dereitos e obrigas do novo titular

–Documento que acredite a venda, arrendamento ou dereito de uso do antigo titular en favor do novo.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación emitirá resolución, logo do informe dos técnicos das xefaturas territoriais, en que se faga constar que se manteñen as instalacións, medios humanos e materiais que deron lugar á inscrición ou acreditación.

f) Solicitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación autorización expresa para manter a inscrición e, se é o caso, acreditación como centro ou entidade de formación, cando se produza un cambio de enderezo das instalacións, presentando a documentación relacionada no artigo 6.2, para os efectos de verificar que as novas instalacións cumpren os requisitos establecidos.

2. A resolución das solicitudes mencionadas nas alíneas e) e f) do núemro anterior efectuaranse de acordo co establecido no artigo 6.

Artigo 8. Baixas no Rexistro de Centros, Entidades de Formación e as súas especialidades formativas.

1. Poderase acordar a baixa no Rexistro de Centros ou Entidades de Formación, mediante resolución motivada da Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo de audiencia do titular do centro ou entidade, cando este incorra nalgún dos seguintes supostos:

a) Incumprimento de calquera das obrigas previstas no artigo 7 desta norma.

b) Aplicación das subvencións para un fin distinto a aquel para que foron concedidas.

c) A baixa no ficheiro de todas as especialidades que teñan inscritas ou acreditadas.

d) Solicitude do interesado.

2. Igualmente, logo de aviso cunha anticipación mínima de tres meses, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá acordar de oficio e proceder á baixa dalgunha especialidade formativa do centro ou entidade de formación, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Falta de mantemento das exixencias técnico-pedagóxicas, de equipamento e de persoal tidas en conta para a inscrición e acreditación, se é o caso, da especialidade formativa.

b) Falta de superación dos mínimos de calidade de formación e, se é o caso, dos resultados de inserción profesional dos traballadores, determinados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

c) A non adecuación das especialidades formativas ás necesidades que demanda o sistema produtivo.

d) A baixa do ficheiro de especialidades formativas, nos termos previstos no artigo 7 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo.

As resolucións a que fan referencia os puntos anteriores, non poñen fin á vía administrativa.

Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de formación para o emprego no termo dun mes contado desde a súa notificación, de acordo co establecido no artigo 114, seguintes e concordantes, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única.

A inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros propios da administracións públicas determinados na alínea 1.a) do artigo 9 do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, será efectuada de oficio pola consellería competente en materia de formación para o emprego, polo que non lle será aplicable o procedemento establecido nesta norma.

Disposición transitoria primeira.

Os centros e entidades de formación inscritos no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 158/2001, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, quedarán inscritos e, se é o caso, acreditados, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación naquelas especialidades formativas en que estiveren homologados. Disporán dun prazo de dous anos para adaptar as súas instalacións aos requisitos mínimos establecidos no artigo 30 da Orde TAS 718/2008, do 7 de marzo e nesta norma. Transcorrido este prazo sen adaptarse á antedita normativa, causarán baixa automaticamente.

Disposición transitoria segunda.

As accións formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade impartidas en execución dos plans de formación mediante convenios, de ámbito autonómico, dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, convocados con anterioridade á publicación deste decreto, impartidas por centros ou entidades naquelas especialidades en que estiveren inscritos no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, serán acreditables para os efectos da obtención do correspondente certificado de profesionalidade, sempre que reúnan os requisitos exixidos nos reais decretos que os regulan.

Disposición transitoria terceira.

Respecto das especialidades formativas non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, os centros e entidades de formación para o emprego que executen plans de formación mediante convenios, de ámbito autonómico, dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, estarán obrigados a inscribirse no rexistro regulado neste decreto para a impartición desas especialidades nas convocatorias posteriores á inclusión destas no ficheiro de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

Disposición transitoria cuarta.

As solicitudes de homologación presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de formación para o emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Esta disposición entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file