Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 7 de xuño de 2011 Páx. 13542

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 104/2011, do 12 de maio, polo que se crea o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, recoñece a cada comunidade autónoma as tarefas de coordinación das universidades da súa competencia, sen prexuízo das funcións atribuídas á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, creáronse as universidades da Coruña e Vigo que, xunto coa xa existente de Santiago de Compostela, constitúen o sistema universitario de Galicia.

A integración no Espazo Europeo de Educación Superior incide nun modelo metodolóxico en que o concepto de presenza na aula se debe combinar con outras fórmulas máis abertas, fórmula que xa viña sendo unha constante nas titulacións de Ciencias da Saúde, nas cales se debe asegurar a docencia práctica como elemento esencial para a formación dos futuros profesionais e o progreso do sistema sanitario galego.

A Lei orgánica 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 104, estableceu as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e institucións sanitarias, e determinou o marco normativo da colaboración entre ambas as institucións mediante a subscrición dos correspondentes concertos para garantir os obxectivos docentes, asistenciais e de investigación.

Este espírito de necesaria colaboración foi recollido, así mesmo, na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que dedica o capítulo I do seu título IX á regulación da docencia e formación, incidindo na necesidade de coordinación e colaboración entre as universidades e as institucións sanitarias en materia de educación e sanidade.

Desta maneira, o 18 de xuño de 2001 o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron o correspondente concerto; fórmula empregada tamén coas universidades da Coruña e Vigo co asinamento de cadanseu acordo o 20 de decembro de 2001. Nestes concertos regulouse, entre outros aspectos, a relación entre as universidades e os hospitais no que se refire á formación de estudantes de titulacións do ámbito de Ciencias da Saúde.

Esta colaboración entre as universidades e as institucións hospitalarias para a formación dos estudantes dos graos en Ciencias da Saúde, ten xa demostrada a súa utilidade. Mais para seguir avanzando na senda da mellora da formación dos futuros profesionais destas áreas, xulgouse conveniente dar un paso adiante co fin de afondar nesta colaboración e incidir na interrelación das universidades galegas, incrementando a eficacia das fórmulas utilizadas ata o momento.

Tendo en conta que unha das competencias xerais da formación en Ciencias da Saúde, e así se recolle nas memorias dos respectivos plans de estudos, é adquirir experiencia clínica adecuada en institucións hospitalarias, centros de saúde ou outras institucións sanitarias, e tamén que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten a obriga de coordinar os recursos materiais e humanos para acadar unha formación práctica adecuada, é necesaria unha norma onde se cren os órganos precisos para obter unha eficaz coordinación no nivel do sistema universitario de Galicia.

A vontade de afondar na actuación conxunta leva á necesidade de establecer un marco normativo homoxéneo, que regule de xeito claro e preciso os procedementos que se deben seguir para artellar na práctica a colaboración. En concreto, a creación dun Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia de forma que redunde nunha cada vez mellor preparación dos estudantes dos graos de Ciencias da Saúde na nosa comunidade autónoma.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e da conselleira de Sanidade e por proposta do conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de maio de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto crear e regular o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia, como órgano colexiado de carácter consultivo adscrito á Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Funcións.

1. Son funcións do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia:

1º. Propoñer, para cada curso académico, as directrices para o desenvolvemento da programación docente realizada polos centros e departamentos correspondentes.

2º. Informar e ser informado das necesidades de persoal que colabore na docencia clínica en Ciencias da Saúde así como da convocatoria destas.

3º. Propoñer o nomeamento das comisións que se encargarán da selección do persoal que colabore na docencia clínica.

4º. Propoñer o persoal que colabore na docencia clínica a cada universidade para que o respectivo reitor proceda ao outorgamento da venia docendi.

5º. Emitir informe sobre a proposta de nomeamento dos membros das comisións docentes hospitalarias, que se constituirán en cada centro sanitario, así como a composición e funcións destas comisións.

6º. Propoñer fórmulas de coordinación entre actividades asistenciais, docentes e investigadoras así como propoñer fórmulas de organización da docencia clínica dos graos en Ciencias da Saúde no marco das competencias das universidades e das institucións sanitarias na planificación e organización dos seus servizos e unidades e a prestación do servizo de asistencia sanitaria.

7º. Emitir informe sobre a oferta de prazas para o ingreso nos graos en Ciencias da Saúde impartidas polas universidades do Sistema Galego de Universidades en función das necesidades asistenciais de Galicia no sector, sen prexuízo da competencia das universidades e da consellería competente en materia de ensino universitario.

8º. Propoñer o recoñecemento de centros hospitalarios como «hospital universitario».

9º. Calquera outra función que lle sexa encomendada no seu ámbito de actuación.

2. Os acordos derivados das propostas e informes relacionados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4 e 1.5 poderán materializarse a través de instrumentos de colaboración adecuados entre a universidade responsable da impartición da titulación de que se trate e outra ou outras universidades que colaboren no seu desenvolvemento.

Artigo 3. Composición.

1. O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia estará composto por representantes das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade, e das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

2. Presidencia: actuará como presidente o/a titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que poderá delegar na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades.

3. Será vicepresidente/a o/a titular da Consellería de Sanidade, que poderá delegar na persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

4. Vogais:

a) Catro persoas en representación da Xunta de Galicia, nomeadas pola/o conselleira/o de Sanidade en representación dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde en que se imparta docencia clínica.

b) Seis persoas en representación das universidades públicas de Galicia, dúas por cada unha delas, sendo unha delas o/a reitor/a ou persoa en quen delegue e outra designada por cada reitor.

5. Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a con rango de, polo menos, xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 4. Funcionamento do Consello.

1. O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia axustarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas, así como no capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Reunirase, con carácter ordinario, semestralmente. Non obstante o anterior, poderá reunirse con carácter extraordinario cando así o soliciten, polo menos, seis dos seus membros, co fin de deliberar sobre os asuntos que estes propoñan para a súa inclusión na orde do día.

3. Poderán asistir ás reunións do Consello, con voz pero sen voto, en casos concretos e para fins previamente determinados, técnicos expertos na materia de que se trate.

Artigo 5. Seccións.

O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia poderá decidir a constitución de seccións técnicas de análise e avaliación entre os seus membros, co fin de garantir a máis óptima consecución dos seus fins.

Disposición adicional primeira.

O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia constituirase no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor do presente decreto.

Disposición adicional segunda.

A constitución e posta en funcionamento do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia non xerará incremento dos créditos orzamentarios asignados ás consellerías de que dependa.

Disposición adicional terceira.

Autorízanse os titulares das consellerías competentes en materia de educación e sanidade para, mediante orde, ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación do disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única.

Este decreto entrará en vigor aos trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de maio de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza