Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10358

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén desenvolvendo accións que teñen por finalidade o impulso da mellora da formación do noso alumnado no coñecemento das linguas estranxeiras pertencentes ao espazo cultural europeo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece, no artigo 59, que as ensinanzas de idiomas teñen como finalidade capacitar o alumnado para o uso axeitado dos diferentes idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, e concrétase a súa organización nos niveis básico, intermedio e avanzado. Neste mesmo artigo ditamínase que as ensinanzas do nivel básico terán as características e a organización que as administracións educativas determinen.

Polo antedito, cómpre establecer unhas novas bases reguladoras que lle ofrezan ao alumnado a posibilidade de acceder a unha formación complementaria en lingua estranxeira nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional e que estea baseada no Marco común europeo de referencia para as linguas, documento que unifica as directrices para a aprendizaxe e o ensino de linguas.

Trátase de preparar o alumnado para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, e polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro (DOG do 9 de outubro).

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e organizativas do Programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional, co fin de preparar este alumnado para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, e polo Decreto 191/2007, do 20 de setembro (DOG do 9 de outubro).

2. Esta orde é de aplicación nos centros públicos que imparten ensino secundario e formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan autorizados para ofertar algunha modalidade do programa.

Sección 2.ª Ordenación do Programa CUALE

Artigo 2. Modalidades do programa.

O Programa CUALE desenvolverase baixo as seguintes modalidades:

1. CUALE A1: cursos dirixidos á obtención do nivel A1 do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL).

2. CUALE A2: cursos dirixidos á preparación para as probas de certificación do nivel A2 do MCERL.

3. CUALE B1: cursos dirixidos á preparación para as probas de certificación do nivel B1 do MCERL.

4. CUALE B2: cursos dirixidos á preparación para as probas de certificación do nivel B2 do MCERL.

Artigo 3. Organización e desenvolvemento do programa.

1. O programa desenvolverase fóra do horario lectivo ao longo do curso escolar.

2. A participación no programa será voluntaria e gratuíta para o alumnado a que vai dirixido.

3. A oferta de calquera das modalidades levarase a cabo tendo en conta a dispoñibilidade de recursos materiais e humanos dos centros.

4. As programacións didácticas das ensinanzas correspondentes ás distintas modalidades realizaranse tendo en conta os niveis descritos no MCERL.

5. A programación dos cursos deberá ser recollida nas programacións didácticas dos departamentos de linguas estranxeiras correspondentes, que incluirán, se é o caso, as distintas modalidades que oferte o centro.

6. O número de alumnado para a constitución dos grupos nas distintas modalidades será de entre 10 e 20. Excepcionalmente poderá autorizarse a constitución de grupos cun número inferior de alumnado.

Artigo 4. Condicións de acceso a cada unha das modalidades.

1. Estas ensinanzas van dirixidas ao alumnado de centros educativos sostidos con fondos públicos e poderá acceder a elas o alumnado do propio centro e tamén o doutros centros.

2. As condicións de acceso a cada modalidade son as seguintes:

a) CUALE A1: poderá cursar esta modalidade o alumnado que teña superadas todas as materias do segundo curso de educación secundaria obrigatoria, e que estea matriculado no terceiro curso no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos sostidos con fondos públicos.

b) CUALE A2: poderá cursar esta modalidade o alumnado que teña superadas todas as materias do terceiro curso de educación secundaria obrigatoria, e que estea matriculado no cuarto curso no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos sostidos con fondos públicos. Así mesmo, poderá cursar esta modalidade o alumnado matriculado en ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, matriculado no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos sostidos con fondos públicos.

c) CUALE B1: poderá cursar esta modalidade o alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio e de grao superior que estea matriculado no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos sostidos con fondos públicos. Así mesmo, poderá cursar o CUALE B1 o alumnado que posúa o certificado do nivel básico das escolas oficiais de idiomas (EEOOII) ou, se é o caso, outros certificados de nivel A2 do MCERL expedidos por entidades de recoñecido prestixio, segundo o disposto na Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas (DOG do 26 de abril).

d) CUALE B2: poderá cursar esta modalidade o alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior e que estea matriculado no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos sostidos con fondos públicos. Así mesmo, poderá cursar o CUALE B2 o alumnado que posúa o certificado do nivel intermedio das EEOOII ou, se é o caso, outros certificados de nivel B1 do MCERL expedidos por entidades de recoñecido prestixio segundo o que dispoña a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5. Organización dos cursos CUALE.

1. A formación para cada modalidade organizarase cunha duración dun curso escolar, de xeito que, coa excepción dos asistentes ao curso CUALE-A1, ao finalizalo o alumnado estea en condicións de superar as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas.

2. Os obxectivos, contidos, metodoloxía e criterios de avaliación terán como referencia os respectivos niveis do MCERL.

3. O profesorado dos centros docentes públicos que imparta esta modalidade será o responsable da elaboración e avaliación de probas para certificar o aproveitamento do curso, que se axustarán, en todo caso, aos criterios e á estrutura establecidos na correspondente programación didáctica.

4. Ao finalizar o curso o profesorado de linguas estranxeiras implicado no programa deberá elaborar unha memoria, conforme o estipulado no artigo 13 desta orde.

Artigo 6. Avaliación e certificación.

1. O profesorado responsable desta formación realizará probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade.

2. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro de dous tipos de certificación:

a) Certificado do nivel básico A1 de competencia no CUALE A1.

b) Certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das EEOOII, no resto das modalidades.

3. Para a avaliación positiva do curso será preciso ter unha cualificación igual ou maior de 5, sobre 10, nas probas de aproveitamento.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

Sección 3.ª Autorización dos centros para participar no Programa CUALE

Artigo 7. Solicitude e documentación.

1. Para participar no programa os centros educativos deberán presentar a súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e que tamén se pode descargar no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, antes do 10 de xuño, indicando as modalidades que pretenden ofertar de entre as que se sinalan no artigo 2 desta orde, así como o número de alumnado preinscrito por modalidade e idioma.

2. Xunto coa solicitude deberán achegar: certificación da aprobación da solicitude por parte do consello escolar do centro e de que o profesorado que vai impartir a docencia ten destino definitivo no centro.

3. A xefatura territorial remitirá, antes do 30 de xuño, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a documentación recibida acompañada dos informes dos servizos provinciais de inspección educativa en que se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

Artigo 8. Autorización.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización da impartición deste programa nos centros educativos seleccionados, considerando a demanda, dispoñibilidade horaria do profesorado e os recursos existentes no centro.

2. Os centros educativos autorizados comunicaranlle á Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, antes do 31 de outubro, a relación do alumnado por modalidade e idioma.

3. Os servizos provinciais de inspección educativa velarán para que as modalidades impartidas cumpran o previsto nesta orde, en especial a elaboración da programación didáctica, o horario e duración dos cursos, así como a ratio mínima para a formación de grupos.

Sección 4.ª Organización dos centros adscritos ao Programa CUALE

Artigo 9. Profesorado participante no programa.

Estes cursos serán impartidos polo profesorado de ensino secundario, de lingua estranxeira, con destino definitivo no centro. A coordinación desta formación complementaria será responsabilidade da xefatura do departamento correspondente de linguas estranxeiras do centro educativo en que se imparta.

Artigo 10. Calendario e horario.

As clases para as catro modalidades seguirán o calendario escolar establecido para as ensinanzas de réxime xeral, e desenvolveranse en tres ou catro períodos lectivos semanais.

Artigo 11. Instalacións.

Os centros docentes en que se impartan as modalidades recollidas nesta orde deberán dispor dunha aula dotada do material necesario para a ensinanza de idiomas.

Artigo 12. Inscrición do alumnado no programa.

1. Con carácter xeral, os centros que desexen impartir as modalidades descritas nesta orde deberán realizar no mes de xuño a preinscrición do alumnado que desexe acceder aos devanditos cursos.

2. A inscrición realizarase na secretaría do propio centro ata o día 15 do mes de setembro. O alumnado procedente doutros centros deberá acompañar a súa solicitude dunha certificación expedida pola dirección do seu centro que acredite que está a cursar os estudos requiridos, ou a certificación do nivel de competencia lingüística necesaria para a modalidade correspondente.

Artigo 13. Memoria.

1. Os centros que estean a participar nas distintas modalidades establecidas nesta orde deberanlle remitir anualmente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, antes do 30 de xuño, unha memoria final, que tamén se incluirá na memoria final de curso que o centro remite aos servizos provinciais de inspección educativa.

2. Esta memoria, que poderá ter formato de formulario “en liña”, deberá recoller os seguintes puntos:

a) Valoración do alumnado participante: nivel de partida e asistencia, entre outros.

b) Valoración do profesorado responsable sobre os obxectivos alcanzados e sobre o funcionamento do programa.

c) Copia das probas realizadas.

d) Acta final en que se faga constar a modalidade e o idioma cos participantes e as súas cualificacións expresadas numericamente de 1 a 10. Na devandita acta deberá figurar o visto e prace da persoa directora do centro.

e) Propostas de mellora.

Disposición adicional única.

A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa. O contido desta orde e a información complementaria, así como o modelo de solicitude, atoparanse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición transitoria única.

Os centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia que estean autorizados para a impartición do Programa de cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, de acordo coa Orde do 3 de xuño de 2010, que desexen seguir formando parte do programa deberán presentar o anexo I e a memoria establecida no artigo 13 desta orde dentro do prazo establecido, considerándose autorizados sempre que cumpran as condicións establecidas por esta orde.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogada a Orde do 3 de xuño de 2010 pola que se establece o Programa de cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file