Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9433

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas de grao en Arte dramática para o curso 2011-2012.

O artigo 18.1 da Orde do 30 de setembro de 2010 (DOG do 11 de outubro), pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte dramática na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao, dispón que será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación das probas de acceso ás ensinanzas de grao en Arte dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas de grao en Arte dramática para o curso 2011-2012. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso específicas ás ensinanzas de grao en Arte dramática para o curso 2011-2012, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso.

a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas de grao en Arte dramática requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou titulación declarada equivalente, e superar a proba específica de acceso.

b) De conformidade co citado artigo 16.2 da Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

Segundo. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión.

1. Comisión de acceso.

De conformidade co disposto no artigo 18 da Orde do 30 de setembro de 2010, a comisión de acceso supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, propoñendo, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo I desta resolución.

2. Tribunais

Para o desenvolvemento e a avaliación das probas de acceso específicas, a comisión estará asistida por tribunais específicos para cada unha das distintas especialidades, tal e como se recolle no anexo I.

A dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia garantirá a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se puidesen producir.

Terceiro. Inscrición para realizar as probas.

a) A inscrición farase na secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación desta resolución e o día 20 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) O día 21 de xuño a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia exporá a lista provisional de admitidos ás probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación entre os días 22 e 23 de xuño, ambos os dous incluídos.

c) Para a formalización das solicitudes de admisión, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados: título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezanove anos, farano constar na solicitude, quedando condicionada á superación desta.

d) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá enviarlle á comisión, a través de correo electrónico, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

e) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da escola o día 24 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Cuarto. Desenvolvemento das probas.

a) As probas específicas de acceso comezarán o día 27 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.

b) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia organizará a distribución horaria e de espazos de actuación de cada tribunal.

c) Proba específica.

O sistema de acceso constará dunha única proba que comprenderá dous exercicios. O primeiro exercicio é común a todas as especialidades e consistirá en dúas probas escritas. A primeira consistirá na análise dun fragmento dunha obra dramática e a segunda, consistirá na análise dun fragmento dun ensaio teatral. O segundo exercicio estará referido á especialidade pola cal opten, o cal se determina nas epígrafes seguintes:

–Especialidade de Interpretación:

1) Traballo en grupo.

2) Traballo de interpretación.

3) Entrevista persoal.

–Especialidade de Dirección escénica e dramaturxia:

1) Proposta de escenificación sobre unha escena extraída das obras de lectura obrigatoria.

2) Escrita dunha escena ou texto a partir dunha situación dramática.

3) Comentario dun texto relacionado coa dirección escénica e a dramaturxia.

4) Proba de dirección de actores.

5) Entrevista persoal.

–Especialidade de Escenografía:

1) Realización dun debuxo do natural.

2) Realización dun deseño de escenografía a partir dun texto proposto.

3) Comentario dun texto relacionado coa escenografía.

4) Entrevista persoal.

d) Finalizadas as probas, cada tribunal fará pública unha acta coa listaxe das puntuacións finais dos aspirantes que obtiveran unha puntuación igual ou superior a 5.00.

e) Para a realización da listaxe tomarase en consideración a nota numérica, con dous decimais, do segundo exercicio. En caso de empate, utilizarase como criterio de desempate a nota obtida na entrevista persoal, e de persistir este, na nota obtida na proba 1) de cada especialidade. En caso de persistir o empate, utilizarase como criterio de desempate a nota obtida do exercicio 2) nas especialidades de Interpretación e Escenografía e no exercicio 4) na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia.

Quinto. Admisión do alumnado.

a) Unha vez concluída a proba específica, os tribunais publicarán a listaxe de persoas que superaron a proba e as non admitidas en cada especialidade, ordenadas por puntuación en orde decrecente.

b) A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia comunicará o día 12 de xullo á comisión a relación de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades.

c) A comisión, á vista das listaxes dos/as aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os/as aspirantes que obtiveron praza, e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

d) A listaxe de persoas admitidas será comunicada á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o día 15 de xullo, e exposta no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

e) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira semana de setembro.

Sexto. Reclamacións e recursos.

a) Os acordos e decisións dos tribunais sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días hábiles.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a xefatura territorial correspondente.

Sétimo. Matrícula.

a) O alumnado que obteña praza deberá formalizar a súa matrícula entre os días 15 e 30 de xullo.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na secretaría da escola , que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2011-2012.

c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

Comisión da acceso ás ensinanzas de grao en Arte dramática
para o curso 2011-2012

Presidente: Luis Costa Vázquez.

Secretaria: María Esther González Fírvida.

Vogais: Óscar Codesido Breijo.

Damián Álvarez Villalaín.

Nuria Inglada Cardona.

Tribunal para o primeiro exercicio. Común a todas as especialidades:

Presidente: Damián Álvarez Villalaín.

Secretaria: Almudena Pérez de Oliveira.

Vogais: Carmen Abizanda Losada.

Inmaculada López Silva.

Suplente 1: Norma Rodríguez González.

Suplente 2: Roberto Pascual Rodríguez.

Tribunais para o segundo exercicio. Especialidade de Interpretación.

Presidente: Óscar Codesido Breijo.

Secretaria: María Francelina Crespo Méndez.

Vogais: Luis Hidalgo Solera.

Nuria Montero Gullón.

Alfonso Rodríguez Fernández.

Suplente 1: Mónica Groba Lorenzo.

Suplente 2: María de los Ángeles Gayoso Diz.

Tribunais para o segundo exercicio. Especialidade de Dirección escénica e dramaturxia.

Presidenta: Nuria Inglada Cardona.

Secretario: Xavier Castiñeira Blanco.

Vogais: Joan Chiral Bailach.

Daniel González Salgado.

Carmen Labella Rivas.

Suplente 1: Manuel Francisco Vieites García.

Suplente 2: Julián Herrero Muñoz.

Tribunais para o segundo exercicio. Especialidade de Escenografía.

Presidenta: María Esther González Fírvida.

Secretaria: Alejandra Montemayor Suárez.

Vogais: David Mortol Moreno.

Carlos Justo Pinilla Trujillo.

María Virginia Barros Angueira.

Suplente 1: Marta Filgueira García.

Suplente 2: Ricardo Solveira Díaz.