Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9442

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas de grao en Deseño para o curso 2011-2012.

O artigo 19.1 da Orde do 30 de setembro de 2010 (DOG do 8 de outubro), pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao, dispón que será competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a convocatoria, organización, desenvolvemento e avaliación das probas de acceso ás ensinanzas de grao en Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas na Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas de grao en Deseño para o curso 2011-2012. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso específicas ás ensinanzas de grao en Deseño para o curso 2011-2012, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso.

a) De acordo co establecido no artigo 16 da Orde do 30 de setembro de 2010, para o acceso ás ensinanzas de grao en Deseño requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou titulación declarada equivalente, e superar a proba específica de acceso.

b) De conformidade co citado artigo 16.2 da citada Orde do 30 de setembro de 2010, a superación desta proba específica permitirá acceder a calquera dos centros do Estado onde se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da súa dispoñibilidade de prazas.

c) Así mesmo, segundo o establecido no citado artigo 18.1 da citada orde, poderán acceder aos estudos oficiais de grao en Deseño, sen realizaren a proba específica sinalada no artigo 16 desta orde, os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño.

Segundo. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión.

1. Comisión de acceso.

De conformidade co disposto no artigo 19 da Orde do 30 de setembro de 2010, a comisión de acceso supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, propoñendo, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo I desta resolución.

2. Tribunais.

Para o desenvolvemento e a avaliación das probas de acceso específicas, a comisión estará asistida por tribunais específicos para cada unha das distintas especialidades, tal e como se recolle no anexo I.

Terceiro. Inscrición para realizar as probas.

a) A inscrición farase na Secretaría das escolas de Arte e superiores de Deseño de Galicia, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 10 de xuño, ambos incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) O día 13 de xuño as escolas de Arte e superiores de Deseño exporán a lista provisional de admitidos ás probas. O alumnado que non sexa admitido poderá presentar a súa reclamación entre os días 13 e 15 de xuño, ambos os dous incluídos.

c) Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de Arte e superiores de Deseño facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na Secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

–Título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba de acceso a estas ensinanzas para maiores de dezanove anos, farano constar na solicitude, que quedará condicionada á superación desta.

d) As escolas de Arte e superiores de Deseño onde se realice a inscrición deberán enviarlle á comisión, a través de correo electrónico, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso en cada especialidade, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

e) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada escola o día 16 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Cuarto. Acceso directo.

a) De conformidade co artigo 18.2 da Orde do 30 de setembro de 2010, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para os aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20%. O 80% restante será adxudicado mediante a proba específica.

b) O criterio de prelación na adxudicación das prazas por acceso directo, cando non existan prazas suficientes, será en función da nota media do expediente académico do ciclo superior de artes plásticas alegado para o dito acceso directo.

c) Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos graos, aplicaranse as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias. Neste caso serán as que se teñan en conta:

–Suficiente/aprobado: 5,5.

–Ben: 6,5.

–Notable: 7,5.

–Sobresaínte/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais. Así mesmo, para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou nas cales estivese exento.

d) No caso de non quedaren cubertas as prazas de acceso directo, esas prazas serán asignadas aos aspirantes que superaron as probas específicas.

Quinto. Desenvolvemento das probas.

a) As probas específicas de acceso levaranse a cabo o día 22 de xuño, na EASD Pablo Picasso da Coruña, de acordo co seguinte calendario e horario:

–1ª parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

–2ª parte: das 16.00 ás 20.00 horas.

b) A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación dos tribunais que actúen nela.

c) Proba específica.

A proba específica de acceso ás ensinanzas de grao en deseño constará de dúas partes.

Primeira parte.

Durante un máximo de tres horas, os aspirantes contestarán por escrito tres cuestións, formuladas por escrito polo tribunal, relacionadas cos seguintes temas:

a) A historia das artes en xeral.

b) A historia das artes aplicadas, os oficios artísticos e o deseño en xeral.

c) O deseño na especialidade que se aspira a cursar.

Nesta parte da proba, o tribunal valorará a extensión e profundidade dos coñecementos, así como a calidade expresiva e expositiva amosada polo aspirante.

Segunda parte.

Durante un máximo de catro horas, os aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo:

–1º exercicio: debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo relacionado coa especialidade que se aspira a cursar, proposto polo tribunal, realizado a lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.

–2º exercicio: debuxo a man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiados aos estudos que se aspira a cursar, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.

Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.

d) Cualificación da proba específica de acceso.

Cada unha das partes da proba cualificarase nunha escala de 0 a 10, con dous decimais.

A cualificación da proba específica de acceso será o resultado de media aritmética das cualificacións obtidas polo aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais, considerándose superada a proba a partir da cualificación de 5,00 (cinco).

Sexto. Admisión do alumnado.

a) Unha vez concluída a proba específica, os tribunais publicarán a listaxe de persoas que superaron a proba e as non admitidas en cada especialidade, ordenadas por puntuación en orde decrecente.

b) Os tribunais comunicarán o día 28 de xuño á comisión de acceso a relación de aspirantes que superaron as probas de acceso, ordenados por puntuación e en orde decrecente, segundo as distintas especialidades.

c) A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza nas respectivas escolas de Arte e superiores de Deseño, e elevará a proposta á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

d) A listaxe de persoas admitidas en cada centro será comunicada ás respectivas escolas de Arte e superiores de Deseño o día 1 de xullo, e exposta no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

e) No caso de quedaren prazas vacantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá establecer un proceso extraordinario de acceso na primeira semana de setembro.

Sétimo. Reclamacións e recursos.

a) Os acordos e decisións dos tribunais sobre as probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Este órgano deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días hábiles.

b) Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada perante a xefatura territorial correspondente.

Oitavo. Matrícula.

a) O alumnado que obteña praza poderá formalizar a súa matrícula, de curso completo, entre os días 4 e 14 de xullo.

b) Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas de Arte e superiores de Deseño facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única instancia na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2011-2012.

c) A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

I. Comisión de acceso ás ensinanzas de grao en Deseño para o curso 2011-2012.

Presidente: Gonzalo Porral Mato.

Secretario: Manuel Soto Gómez.

Vogais:

Esther Muñoz Mella.

César Taboada Varela.

Santiago Riande Torres.

II. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas de grao en Deseño.

Especialidades de Gráfico e Moda:

Tribunal titular:

Tribunal suplente:

Presidente

M. Ángel Mantilla González

Elena Iglesias Rodríguez

Vogal 1.º

José Luis Neira López

Esperanza Merino Álvarez

Vogal 2.º

Celia Castro Fernández

María Vázquez López

Vogal 3.º

Néstor Martín Gulías

Ángela Morales Pozo

Vogal 4.º

Ana Rego Sanmartín

María Fernández González

Especialidades de Interiores e Produto:

Tribunal titular:

Tribunal suplente:

Presidente

Manuel Fernández González

José Ramón Fernández Sánchez

Vogal 1.º

Mª Eloisa Enríquez Morales

Elena Carpintero Troncoso

Vogal 2.º

Antonio Gandoy Vázquez

M.ª Ángeles Castro Dapena

Vogal 3.º

Ofelia Cardo Cañizares

José Manuel Taboada Beato

Vogal 4.º

Eugenia Grande Rúa

Laura García Agra