Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9355

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 79/2011, do 20 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do entronque do acceso a Vilameá coa estrada OU-102.

O Concello de Paderne de Allariz, en sesión que a Xunta de Goberno Local realizou o día seis de xullo de dous mil dez, acordou aprobar o proxecto técnico da obra denominado acondicionamento do entroncamento do acceso a Vilameá coa estrada OU-102 e, na mesma sesión, acordou solicitar da Deputación Provincial de Ourense que leve a cabo o expediente expropiatorio dos bens e dereitos afectados pola obra a que se refire o proxecto aprobado. A Deputación Provincial de Ourense, en sesión que tivo lugar o dezasete de decembro de dous mil dez, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Este expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado xa que, segundo sinala a deputación e o informe do técnico, o entroncamento do camiño de acceso de Vilameá coa estrada OU-102, na súa marxe esquerda, presenta un ángulo moi agudo e un xiro moi brusco que obriga os vehículos que acceden desde a estrada ata Vilameá a invadir o carril contrario do camiño, co conseguinte perigo de provocar accidentes que isto supón. Así mesmo, as beirarrúas existentes na estrada OU-102 están interrompidas nas inmediacións do entroncamento, pendentes de que se faga unha organización adecuada deste. O obxecto do proxecto é a execución racional do tráfico de vehículos e tamén de peóns coas correspondentes beirarrúas no mencionado entroncamento.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do entroncamento do acceso a Vilameá coa estrada OU-102 da Deputación Provincial de Ourense, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza