Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 13 de maio de 2011 Páx. 9422

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 80/2011, do 20 de abril, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e construción de mellora da estrada AC-303, Oleiros (AC-550)-Corrubedo, no concello de Ribeira (clave AC/09/257.01).

Con data do 22 de decembro de 2010, a directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, resolveu aprobar o proxecto de trazado e construción de mellora da estrada AC-303, Oleiros (AC-550)-Corrubedo, no concello de Ribeira (clave AC/09/257.01).

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesaria actuación de mellora nos accesos ás zonas rurais e urbanización de travesías urbanas nos núcleos de Bretal e Olveira, potenciando a mobilidade a pé, evitando riscos innecesarios para os veciños destas localidades do concello de Ribeira, que utilizan esta vía para acceder ás súas vivendas e predios particulares, xa que a mellora consistirá esencialmente na implantación de beirarrúas e sendas peonís para a mellora da seguridade viaria. Inclúese nesta actuación a reordenación de interseccións con posibilidade de cambios de sentido e a rehabilitación e alargamento da superficie do firme.

O treito obxecto deste proxecto comprende unha lonxitude de 7,02 km entre os p.k. 0+000 e 7+020, da estrada AC-303.

Os traballos que se deberán realizar serán os seguintes:

–Ampliación da sección actual de 5, 50 m ata 7-8 m.

–Construción de sendas peonís nos treitos rurais da zona.

–Ampliación de beirarrúas en zonas de travesía a ambos os lados da estrada cun largo de 1,50 m.

–Novas conexións con estradas existentes, coa posibilidade de cambio de sentido.

–Ampliación do trazado actual sobre a ponte do río Artes, p.k. 0+850 ao p.k. 1+060.

–Análise da necesidade, características e localización de paradas de autobús.

–Cumprimento da Orde 18/2004 sobre criterios de emprego de sistemas de protección para motociclistas.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte de abril de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para efectos de expropiación do proxecto de trazado e construción de mellora da estrada AC-303, Oleiros (AC-550)-Corrubedo, no concello de Ribeira (clave AC/09/257.01).

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas