O 26 de febreiro de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre os libros rexistro e o deber de información das/dos mediadoras/es de seguros e reaseguros privados da Comunidade Autónoma de Galicia.
A citada norma substituíu a Orde do 17 de xuño de 2005, modificando os modelos contidos no seu anexo para adaptalos aos cambios introducidos pola Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, así como establecendo a obrigatoriedade de presentación por medios telemáticos da documentación que os mediadores inscritos no Rexistro Administrativo Especial de Mediadores de Seguros, Corredores de Reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia deben subministrar a esta dirección xeral, de conformidade co disposto no artigo 5.2 do Decreto 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados.
A disposición derradeira da citada Orde do 10 de febreiro de 2009 habilita o director xeral con competencias en materia de supervisión de seguros para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da orde e, en particular, para realizar as modificacións que resulten necesarias nos modelos de documentación anual dos mediadores de seguros contidos nos anexos da citada disposición.
O Real decreto 764/2010, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados en materia de información estatístico-contable e do negocio, e de competencia profesional, amplía a información que os mediadores de seguros están obrigados a proporcionar á Administración competente, tendo a consideración de lexislación básica ao abeiro do disposto na súa disposición derradeira primeira.
Por todo o anterior, de acordo coa habilitación de desenvolvemento establecida na disposición derradeira da mencionada Orde do 10 de febreiro de 2009,
RESOLVO:
Primeiro. Modifícanse os modelos de información dos mediadores de seguros e reaseguros privados inscritos no Rexistro Administrativo Especial de Mediadores de Seguros, Corredores de Reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia contidos nos anexos da orde da Consellería de Economía e Facenda do 10 de febreiro de 2009, que son substituídos polos seguintes:
ANEXO I
Documentación estatístico-contable anual dos corredores de seguros e reaseguros
Modelos que compoñen a documentación estatístico-contable anual
Modelo 0/PF: Declaración do corredor de seguros e reaseguros, persoa física.
Modelo 0/PX: Declaración do representante legal do corredor de seguros e reaseguros, persoa xurídica.
Modelo 1: Estrutura da organización.
Modelo 2.1: Carteira de seguros intermediada.
Modelo 2.2: Carteira de reaseguros intermediada.
Modelo 3: Distribución en ramos de non vida.
Modelo 4: Distribución en ramos de vida.
Modelo 5.1: Datos contables do corredor de seguros e reaseguros, persoa física.
Modelo 5.2: Datos contables do corredor de seguros e reaseguros, persoa xurídica: conta de perdas e ganancias.
Modelo 5.3: Datos contables do corredor de seguros e reaseguros, persoa xurídica: balance.
ANEXO II
Documentación contable e do negocio anual dos axentes de seguros vinculados e dos operadores de banca-seguros vinculados
Modelos que compoñen a documentación contable e do negocio anual
Modelo 0/AF: Declaración do axente de seguros vinculado, persoa física.
Modelo 0/AX: Declaración do representante legal do axente de seguros vinculado, persoa xurídica.
Modelo 0/OBS: Declaración do representante legal do operador de banca-seguros vinculado.
Modelo 1/AV: Estrutura da organización.
Modelo 1/OBS: Estrutura da organización: operador de banca-seguros vinculado.
Modelo 2/AV: Carteira de seguros intermediada.
Modelo 3/AV: Distribución en ramos de non vida.
Modelo 4/AV: Distribución en ramos de vida.
Modelo 5/AV: Datos contables.
Segundo. Ordénase a publicación dos novos modelos no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2011
Manuel Galdo Pérez
Director xeral de Política Financeira e Tesouro