Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 5 de maio de 2011 Páx. 7746

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se procede ao recoñecemento da modalidade deportiva de Orientación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Vista a solicitude presentada en data do 4 de abril de 2011 por Alberto Arufe Varela, presidente da Asociación Galega de Clubes de Orientación, inscrita co n.º 5242 no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia.

Vista a existencia da correspondente Federación Internacional de Orientación (IOF) recoñecida polo Comité Olímpico Internacional no ano 1977.

Vista a existencia da Federación Española de Orientación (FEDO) recoñecida polo Consello Superior de Deportes no ano 2003, o que supuxo o recoñecemento implícito da modalidade deportiva da Orientación por parte do Consello Superior de Deportes, recoñecemento que xa supuxo o exame das condicións, criterios e parámetros técnico-deportivos necesarios para que a citada actividade poida obter o status de modalidade deportiva.

Visto que a orientación non aparece incardinada como especialidade en ningunha federación deportiva galega.

Vista a implantación real da modalidade deportiva en Galicia, cun elevado número de practicantes na nosa comunidade.

Visto o artigo 10 da Lei 11/1997, xeral do deporte de Galicia, que establece: «Será tamén competencia exclusiva da Administración autonómica o recoñecemento de modalidades deportivas».

RESOLVO:

Primeiro. Recoñecer como modalidade deportiva en Galicia a Orientación e autorizar a inscrición da citada modalidade no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Xunta de Galicia.

Segunda. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento de todos os interesados.

A presente resolución esgota a vía administrativa podendo interpoñer contra ela recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta no Diario Oficial de Galicia (artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2011.

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte